O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou este luns a XI edición das xornadas de portas abertas das Rutas dos Viños de Galicia. González equiparou estas rutas coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas impulsada pola Xunta en colaboración co sector, coas tres universidades galegas e cos axentes relevantes dos respectivos territorios para acadar a consolidación dos nosos viños nos diferentes mercados.
José González apostou por continuar impulsando a sección Galicia Calidade Alimentaria e lembrou que a Lei de recuperación da terra agraria que permitirá ampliar a produción das denominacións de orixe do viño buscando os terreos máis idóneos para implementar aldeas modelo ou polígonos de viñedo, sempre da man dos consellos reguladores.
Xornadas de portas abertas
As xornadas de portas abertas das Rutas dos Viños desenvolveranse dedicando unha fin de semana a cada unha das rutas, sendo a primeira a Ruta do Ribeiro (13 ao 15 de maio), posteriormente a das Rías Baixas (20 ao 22 de maio), a de Valdeorras (27 ao 29 de maio), Ribeira Sacra (3 ao 5 de xuño) e finalmente a de Monterrei (do 10 ao 12 de xuño).
Deste xeito, entre os meses de maio e xuño poderanse facer visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes nesta promoción, se ben recoméndase confirmar a visita vía telefónica coa adega correspondente por motivos de aforo.
Ademais de menús en restaurantes, visitas guiadas, rutas, actividades infantís e outras propostas como o Bus do Viño para facilitar as visitas ás adegas, na páxina de Facebook de Turismo de Galicia realizaranse tres concursos por cada Ruta do Viño, nos que se sortearán noites de aloxamento para dúas persoas en cuarto dobre nun dos establecementos asociados participantes, máis o xantar do día seguinte nun restaurante socio da Ruta.