Ribas de Sil celebra esta fin de semana, 4 e 5 de xuño, a XVIII Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite. Faino despois do parón da pademia e incorporando novidades como a promoción do viño nesta cita que encherá de postos e de xente a Praia fluvial de San Clodio. Aproveitarase a festa para inaugurar este sábado ás 19.00h o Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana (CIMAR) que se instalou no xeocamping. Falamos con Roberto Castro González, 1º Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura de Ribas de Sil.
Despois deste tempo da pandemia Ribas de Sil estará desexando recuperar a súa festa. Como están a cereixas?
Si, todos estamos desexando volver a celebrarla e encher a Praia fluvial de postos. Que hai moitas ganas vese en que hai moitísima actividade, con propostas en todos os recunchos.
As cereixas están ben, aínda que non é o seu estado optimo. Decidir a data desta festa é complicado, témolo que facer cun máximo de antelación de 15 días e nestas datas a climatoloxía cambia constantemente, nuns días vén moito calor ou moito frío e xa se complica. Pero é o noso produto estrela e seguro disfrutaranas; fomos os primeiros en exaltar a cereixa ata que comezou tamén Belesar.
E este ano ás cereixas e ao aceite engándese o viño.
Outro dos produtos do concello é o viño, moitas adegas da D.O. Ribeira Sacra teñen viñas en Ribas de Sil. Participarán Val de Quiroga, Lar de Ricobao, Casa de Outeiro e EDV 2015 porque teñen viñedo aquí. Agora contamos tamén con dúas adegas inscritas no concello, Entre Cantos e o proxecto enoturístico de Pazo de la Cuesta, que traerá moitos visitantes a San Clodio.
Na programación desta cita, que pregoará o domingo ás 13:00 Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, inclúese a inauguración do CIMAR este sábado. Que tal quedou o museo?
Estamos moi contentos porque é o primeiro espazo museístico que temos no concello e incorpórase á rede de centros do xeoparque. Vai ser único en Galicia, non hai ningún centro interpretativo de minaría aurífera romana que amose como os romanos explotaron todo o ouro da cantidade de minas que existen ao redor do Sil e o Lor en todo o territorio.
Contouse con moitas axudas, pero a principal aportación é do concello e quero destacar tamén que o edificio foi construído en 2 anos polos alumnos do obradorio de emprego Sillor. É un orgullo que sexa un edificio feito pola veciñanza, que ao tempo que contruían aprendían un oficio. A musealización fíxose con fondos Leader do GDR Ribeira Sacra Courel e permitiu crear un espazo museístico cun montón de paneis, varias maquetas, do xeoparque, do túnel de Montefurado antes dos encoros, unha dos encoros e a máis grande cos diferentes tipos de explotacións, as primarias e secundarias. As instalacións contan con 200 m2, inclúen tamén sala de audiovisuais.
“É un orgullo que sexa un edificio feito pola veciñanza, que ao tempo que contruían aprendían un oficio”
Mañá farase visita guiada e despois como o pode disfrutar a xente?
Agora mesmo turnarémonos unha concelleira, unha funcionaria e máis eu para atendelo as fins de semana como se poida, pero o obxectivo final é que o adxudicatario do camping poida abrilo un mínimo de horas á semana. Queremos que a adxudicataria se implique co xeoparque e entón pode ensinar o museo.
Temos pedido tamén a iniciativa museo vivos, un proxecto de museo aberto todo o tempo a través dunha app que permite acceder ao museo sen que haxa ninguén. Así facilítase o acceso ao museo, vixíase con videocámaras e ao concello non lle supón gastos importantes. Para visitas guiadas haberá que concertar por grupos.
O CIMAR ubícase no xeocamping. En que situación está e que previsións hai para abrilo?
Agora mesmo as obras están case rematadas, só faltan detalles. Hai que tramitar permisos con turismo e facer un proxecto de adxudicación no que se primará que o adxudicatorio faga un plan de empresa moi vinculado ao xeoparque, con tematización de bungalows, visitas a xeositios,… Que todo no xeocamping se oriente a que o visitante do camping respire permanentemente o xeoparque. Xa o fai o edificio do restaurante na Praia fluvial, aproveitar para facerlle un guiño ao xeoparque que creo é o futuro destes tres concellos, o xeoparque como modelo de desenvolvemento turístico co fío condutor da xeoloxía para a partir de aí sacar todo. E o único modelo de xestión relacionada co xeoturismo que hai en Galicia, iso é o que non diferenza.
Este verán non estaremos abertos, as cousas da administración son lentas. O Hurbe da anualidade pasada comezouse a executar agora mesmo, sen iso non poden comezar o resto dos trámites. Pero si esperamos comezar neste ano en tempada baixa e que a adxudicataria vaia adaptándose a un servizo que recibirá chave en man. Esperamos que se xeren moitos postos de traballo, moitas actividades e moitos visitantes.
“Pero si esperamos comezar neste ano en tempada baixa e que a adxudicataria vaia adaptándose a un servizo que recibirá chave en man”
PROGRAMA DA XVIII FESTA DA CEREIXA, DO ACEITE E DO VIÑO
Apertura do recinto e degustación de cereixas pola mañá do sábado 4 de xuño. Pola tarde, ás 18:00 h. haberá unha exposición de pinturas a cargo dos alumnos da Escola Municipal e pintura ao aire libre.
Ás 19:00 h. Inauguración e visita guiada do Centro de Interpretación da Minaría aurífera Romana (CIMAR), ubicado no Xeocamping Montañas do Courel.
Como remate a esta xornada haberá un concerto do grupo soberino Os Parentes no anfiteatro da Praia Fluvial.
De cara ao domingo, a organización informa que se poderá ver tamén o CIMAR e que durante a mañá gravarase un programa de radio, da man de Radio Monforte. Tampouco faltará a música das 11:00 ás 13:00 h. a cargo da charanga ‘Os Caliqueños’ e do grupo de gaitas e cantareiras ‘Falcatrueiros’.
Ás 13:00 h. será o pregón, que este ano correrá a cargo de Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.
Pola tarde, como remate da Festa da Cereixa, o aceite e o viño, ás 19:00 h. actuarán os ‘Falcatrueiros’ cunha demostración de baile, gaitas e percusión; e ás 20:30 h. o peche musical correrá a cargo do DJ Rafa de Radio Monforte.