HomesociedadeAnguieiros festexa a Madalena cunha andaina, xogos tradicionais, foliada e bolos celtas

Anguieiros festexa a Madalena cunha andaina, xogos tradicionais, foliada e bolos celtas

Será esta fin de semana, 23 e 24 de xullo, nesta aldea que pertence á parroquia de Montefurado, no Concello de Quiroga.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Como cada ano, a Asociación Boca do Monte dos Anguieiros presenta unha programación humilde pero moi variada para celebrar a Festa da Madalena, patroa do lugar.

Co obxectivo tamén de dinamizar a aldea e a súa contorna convidan á xente a participar en diferentes actividades. Este ano, entre as novidades que ofrecen, están a proxección dun documental e a celebración da X Edición do seu tradicional campionato de Bolos Celtas.

SÁBADO 23

Ás 9:00 h. Camiñada Anguieiros-Vilanuide-Anguieiros

Trátase dunha andaina circular duns 9 quilómetros na que se camiñará por sendeiros que servían para comunicarse entre aldeas, no caso concreto entre Os Anguieiros e Vilanuide, e na que se aproveitará para coñecer o inmenso patrimonio aurífero e xeolóxico que se concentra na zona. A xoia da coroa nesta sesión deportiva e divulgativa será Montefurado, o túnel romano coñecido na contorna como a Boca do Monte. O arqueólogo Iván Merayo, de Coureleando, será o guía especializado que documente aos presentes durante a camiñada.

De 19:00 a 20:00 h. haberá xogos tradicionais e infantís para a cativada. Xogarase, entre outros xogos, á chave, á billarda, aos bolos celtas, a tirar da corda por equipos, etc.

Tirando da corda por equipos (xogos infantís e populares). Foto: Asoc. Boca do Monte

Ás 20:30 h. a asociación organizadora convida a unha merenda con petiscos de balde. No bar da organicación haberá auga, refrescos e viño.

A continuación, entre as 21:30 e as 22:30 h. chega o primeiro pase da foliada a cargo do grupo tradicional de Quiroga O Recanto, grupo que volverá tocar entre as 23:30 e as 00:30 h. tras un descanso no que se proxectará un documental relacionado coa contorna.

O Recanto. Foto: XMF

DOMINGO 24

Entre as 10:00 e as 12:00 h. terá lugar o ‘X Campionato de Bolos Celtas’ con premios para as 4 primeiras e os 4 primeiros clasificadas/os. Unha edición moi importante para a entidade organizadora que leva once anos recuperando este xogo tradicional. Comezaban no 2012 e só tiveron que suspender o campionado no 2020 por mor da pandemia.

Ás 12:30 h. haberá un pasarrúas a cargo da formación de música tradicional da Asoc. Abertal da Rúa e ás 13:00 h. Misa e procesión.

A continuación aperitivo popular e sorteo de rifas con acompañamento musical de Abertal.

Formación tradicional de Abertal. Foto: Asoc. Boca do Monte

ÚLTIMAS

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...

Actividades para celebrar en familia no Verán Cultural de Chantada

Do 2 de xullo e ata o 30 de agosto, o Concello de Chantada,...

Adrián González, novo voceiro do PP de Quiroga

Adrián González, de 32 anos e vinculado ao deporte, agradece a confianza dos compañeiros...

Iniciativas de Esperta Monforte no pleno deste luns

Esperta Monforte presenta ao pleno unha moción para incrementar a partida de subvencións de...