Coa sentenza en contra de Aqualia, Monforte desdobrará a rede xeral contruíndo unha nova tubaxe

O proxecto levarase a un pleno extraordinario da Corporación Municipal, co obxecto de que sexa sometido a votación para a súa aprobación, unha sesión plenaria que terá lugar o vindeiro luns 22 de agosto ás 8 da tarde.

Presentación nova tubaxe / Concello de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou este mércores o proxecto para a instalación dunha nova tubaxe que mellorará significativamente a rede xeral de abastecemento de auga de Monforte e que suporá, en verbas do rexedor monfortino “un enorme salto de calidade do servizo que lle ofrecemos os nosos veciños e veciñas do Concello de Monforte”.

Esta importante obra de mellora, denominada “Desdobramento da rede xeral: construción dunha nova tubaxe xeral”, é froito do preacordo asinado o pasado mes de xullo entre o Alcalde e a empresa Aqualia, co obxecto de executar o cumprimento parcial da sentenza na que se ordenou a dita empresa a execución de inversións incluídas no seu Plan de Investimentos para o Concello de Monforte, por un importe de 1.671.671,22 euros.

A actuación consistirá na dotación dunha nova tubería xeral de fundición entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente. Actualmente, a tubaxe xeral da rede de abastecemento dispón dunha condución de fibrocemento, na que se ocasionan avarías e roturas, polo que facíase necesaria a construción dunha nova tubería de fundición, “esta nova tubaría de fundición vai ser moi difícil que teña avarías como ata as que había agora, debido a que está construída con un material altamente resistente, en comparación co fibrocemento, como é a fundición”.

Plano nova tubaxe / Concello de Monforte

O prazo de execución desta obra está establecido en 6 meses unha vez sexa adxudicada a obra e asinada a acta de replanteo. A obra conta cun orzamento base de licitación sen IVE de 1.784.831,44 euros (co IVE ascende a 2.159.646,04 €). A estas contías de execución material, aplícase unha redución do 6,34% para realizar a obra polo importe da sentenza.

Na presentación do proxecto, o rexedor monfortino estivo acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, así como representantes da empresa Aqualia (Carlos Álvarez, xefe de producción; Alfredo Díaz, xefe do departamento de obras; e José Ramón García, xefe de servizo en Monforte).

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here