Pantón celebra os días 19 e 20 de agosto unha nova edición do 13 Roeis Fest que organiza a Asociación Cultural 13Roeis coa colaboración do Concello de Pantón. Esta terceira edición chega con novidades, aumenta a duración a dous días, o que supón máis grupos e máis actividades e amplíanse os espazos acollendo citas literarias, de artesanía, gastronómicas e co viño.
Os grupos participantes no 13Roeis o día 19 de agosto son: El Drogas, Heredeiros da Crus, Guezos, MJ Pérez, o´leo de Matamá, Searas e Cabodano. O día 20 actuarán: Boikot, Lágrimas de Sangre, A banda da loba, Festicultores Troupe, Liviao de Marrao, Breocáns, Zeltia Irevire, Paco Nogueiras, Muy Montes, Baturruka, DJ Maceda, DJ Xan e DJ Xosé.
Rematado o 13 Roeis segue a música e a festa en Pantón porque Ferreira celebra os días 21 e 22 as súas Festas Patronais. O día 21 comezará con música na rúa coas charangas Leña Verde e Cadela Asasina a partir das 11.00, ás 12 e media sesión vemú nos bares de Ferreira e ás 14.00 na Praza de Goián. Ás 17.30 quenda para os cativos con Infantilandia na Praza do Concello. A verbena comezará ás 21.30 coas orquestras Saudade e Gran Parada.
A xornada do luns, 22 de agosto, seguirá unha estrutura similar, o pasarrúas correrá a cargo de Os Teixeiras, sesión vermú e Infantilandia que nesta xornada celebrarase na piscina municipal. Para rematar este último día contarase ás 21.30 coa Banda Folk de Ribas de Sil e verbena coa orquestra Tango e o Dj Espaevent.
Desde o concello, o alcalde, José Luis Álvarez convida á veciñanza a participar dos diferentes actos que durante 4 días vestirán de festa o concello, “Desde este venres, Ferreira contará con ese ambiente de Festival e de mocidade que encherá de vida a vila e a súa contorna; e o ambiente festivo segue coas nosas festas nas que non falta a música, as actividades infantís e as verbenas nocturnas. Ofertas de lecer para todas as idades e para ir pechando un agosto cargado de actividades e propostas culturais e festivas para a veciñanza.”