HomesociedadeUn Belén que resiste grazas á tradición familiar nun barrio de Monforte

Un Belén que resiste grazas á tradición familiar nun barrio de Monforte

Nun baixo da Rúa Abeledos loce xa un nacemento ao que non lle falta detalle e que se leva facendo dende hai máis de 40 anos.

Publicado o

- Advertisement -

Chegadas estas datas, e ata o final do Nadal, un Belén montado nun baixo da Rúa Abeledos de Monforte chama a atención de veciños, visitantes e peregrinos que por alí pasan.

Trátase dun nacemento moi xeitoso ao que non lle falta detalle e que pola noite loce iluminado realzando aínda máis a súa presenza no baixo dunha vivenda familiar.

Falamos cunha muller, artífice deste traballo e continuadora da tradición familiar, unha tradición que seica lle traspasaron seus pais, os primeiros en montar o devandito Belén no mesmo sitio hai máis de 40 anos. “Non se deixou de facer nin nos anos da pandemia”, dinos a señora engadindo ademais que “hai dous ou tres anos o meu fillo presentouno ao concurso de beléns do Concello de Monforte e gañamos un premio”.

Falando precisamente destes últimos anos, comenta esta veciña da Rúa Abeledos que non estaba moi animada a facelo pero foi o seu fillo o que a convenceu para seguir e manter a tradición.

Belén iluminado / XdL
Imaxe do Portal / XdL

Lembra que cando o facían seus pais poñíanlle musgo pero como agora non se pode coller soluciona con outros materiais e con herbas que ten na horta. Anos atrás corría a auga polo río que pasa polo medio do Belén, grazas a un circuíto pechado e un motor, pero agora non teñen ese mecanismo en condicións.

Tamén nos conta a nosa interlocutora que cando está no baixo e se achega xente, sobre todo con cativos, ábrelles a porta para que poidan ver o belén de preto e non perder detalle, dende as distintas figuras que o conforman ata as lentellas que están empezando a xermolar nunha pequena leira de terra que hai. Xunto ao Belén tamén hai unha árbore engalanada con figuras e adornos feitas por usuarias e usuarios do CAPD (Centro de Atención a Persoas Discapacitadas) de Sarria, adobíos e complementos de Nadal que ela merca para colaborar co centro e que agasalla en ocasións aos visitantes miúdos que entran ver o Belén.

Elfo feito cunha piña / XdL

ÚLTIMAS

457.000€ para mellorar o servizo de recollida de lixo no Saviñao

Entre o novo material destaca un camión con sistema de carga traseira, destinado á ...

Dous meses de actividades educativas e de concienciación en Chantada para celebrar o 8M

A programación de actividades comezará o venres, 6 de marzo, co contacontos, “Somos iguais...

O luns, 2 de marzo, abre o novo Ximnasio Municipal  

Coa apertura do novo ximnasio complétase a renovación integral do Complexo Deportivo da Pinguela,...

OPINIÓN: Aval definitivo ao “valor de referencia”

QUE É O VALOR DE REFERENCIA? Comecemos polo principio abordando brevemente que é isto do...