HomeMedio ambiente e PatrimonioO Túnel de Montefurado retratado nunha tatuaxe

O Túnel de Montefurado retratado nunha tatuaxe

Un rapaz de Vigo, con orixes familiares nos Covallos, na contorna de Montefurado, é quizais a primeira persoa que pode presumir de levar tatuada a imaxe deste senlleiro enclave patrimonial e paisaxístico.

Publicado o

- Advertisement -

Moito se ten escrito e falado sobre o Túnel de Montefurado, coñecido popularmente na contorna como Boca do Monte, pero ata o momento non se tiña constancia de que este enclave patrimonial fora empregado como motivo para tatuar.

Pois ben, este xornal atopou á que quizais sexa a primeira persoa que tivo esta iniciativa. Chámase Rubén, é de Vigo e ten orixes no lugar dos Covallos, un núcleo de poboación que en tempos estivo habitado por xente que traballaba na Central Hidroeléctrica de Montefurado –xestionada daquela por Iberduero, a actual Iberdrola–. Aínda que o seu avó é orixinario de Casares, unha aldea próxima do Concello de Ribas de Sil, e a súa nai dos Anguieiros, ambos fixeron vida nos Covallos, lugar onde se criou seu pai, José Luis.

Rubén cóntanos que as súas visitas aos avós eran constantes durante o ano pero sobre todo no verán, época do ano na que pasaba longas estancias con eles acompañado dos seus irmáns. Moitas foron as vivencias que lle quedarían marcadas da nenez e da adolescencia pero unha delas por enriba de todas: bañarse cada día no Sil, no marco incomparable da Boca do Monte.

E seguramente fora este referente emocional tan potente o que lle levara a decidir que a súa primeira tatuaxe tiña que ser precisamente unha imaxe do seu idílico ‘Monte Furado’. “Apetecíame facer unha tatuaxe e no primeiro que pensei foi na Boca do Monte”, comenta. E así foi, dende o 2021 loce con orgullo no brazo esquerdo un debuxo feito por un tatuador de Vigo a partir dunha foto deste emblemático enclave paisaxístico e patrimonial.

Tamén conta o noso interlocutor que cando llo ensinou á avoa Josefa “recoñeceuno rápido, flipou e díxome que lle gustaba moito”.

Túnel romano de Montefurado “Boca do Monte. Fonte: Xosé Manuel Fdez.

O TÚNEL DE MONTEFURADO

O túnel romano de Montefurado é un coñecido monumento histórico do Concello de Quiroga e posiblemente o rastro máis espectacular da antiga minería de ouro en Galicia. Foi clasificado como Ben de Interese Cultural na categoría de inmobles, e dentro da declaración como Ben de Interese Cultural que se lle concedeu á paisaxe cultural da Ribeira Sacra no ano 2018 (Decreto 166/2018 de 27 de decembro).

Non se trata dun elemento natural e sobre a súa creación para o aproveitamento do ouro que levaba o Sil hai varias teorías. Unha delas di que no século II, e por orde do emperador Trajano, os romanos furaron a montaña para aproveitar o ouro que traía o Sil buscando o precioso metal na antiga canle do río. Outra teoría sobre o aproveitamento aurífero indica que o túnel, debido ao seu deseño, sería unha xigantesca “máquina” de lavado de lodos, para separar o ouro.

Actualmente ten unha lonxitude duns 52 metros, pero orixinalmente tiña uns 120 metros. No ano 1934 unha gran riada provocou o derrube da metade do túnel e disque este quedou tapiado provocando que o río volvese polo seu antigo canal, anegando terras moi produtivas na zona coñecida como a Veiga.

O río non volveu circular polo túnel ata 1941 por mor de novas riadas e a Guerra Civil Española que impediron o remate da súa reparación. A volta do río polo túnel deixou charcas na antiga canle que son actualmente humidais de gran biodiversidade.

ÚLTIMAS

A Asoc. Rechouchíos de Taboada creará un fondo de traxe tradicional galego

O Presidente da Deputación da Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un convenio...

Do 5 ao 10 de agosto Monforte celebra a XXIV edición de Artelemos

O Concello de Monforte vén de presentar o cartel anunciador e o programa da...

O BNG levará ao pleno provincial a demanda de mellora das infraestruturas e da xestión do regadío do Val de Lemos

O BNG buscará o acordo do pleno provincial para reclamar á Confederación Hidrográfica, ao...

A A.V. do Saviñao fala de “agravio comparativo” entre concellos na estrada provincial de Currelos a Monforte

A A.V. do Saviñao demanda á Deputación Provincial a mellora de dúas estradas en...