O Concello de Sober pon en marcha o proxecto ‘O SAF actívate’ co que pretenden achegar a actividade física e cognitiva ás persoas maiores, en concreto a aquelas que son beneficiarias do Servizo de Axuda no Fogar, preténdese que os maiores executen as actividades co persoal de axuda no fogar.
Para cumprir con este obxectivo, o Concello de Sober vén de adquirir diferentes materiais que lles faciliten a posta en marcha das seguintes tarefas, creadas de xeito específico para os usuarios e usuarias da localidade:
1. “Buscando no baúl dos recordos”: Os usuarios e as usuarias deberán compartir os seus recordos co persoal auxiliar, amosándolle os albumes de fotografías cos que contan no domicilio. A finalidade desta actividade é a de que pasen un rato agradable de ocio, mentres activan a súa mente recordando as persoas e os feitos que se amosan nas diversas fotografías.
2. “Botamos unha timba?”: Con elo, preténdese que os e as maiores se divirtan xogando co persoal auxiliar a un xogo de cartas, obtendo, así, beneficios cognitivos.
3. “Pasiño a Pasiño”. Pasear é clave para un envellecemento activo. Anímase os usuarios e as usuarias do SAF a camiñar por os arredores do seu domicilio co persoal auxiliar, percorrendo o seu pobo e falando cos veciños e coas veciñas.
4. “Encaixamos”: O Concello de Sober adquiriu diversos puzzles. A finalidade desta actividade e que, por medio do persoal laboral de axuda no fogar, o soliciten e o fagan, conxuntamente, co ou coa auxiliar. Deste xeito, estimularán a mente.
5. “Pasa – tempo activando o cerebro”: Perséguese que, de forma individual, pero tamén coa compañía do persoal de axuda no fogar, adestren a mente co libro de pasatempos que o Concello de Sober adquiriu e lle entregou a cada persoa que conforma o servizo.
6. “Xogos reunidos”: O Concello de Sober tamén levou a cabo a compra de diversos xogos do parchís e da oca. Para fomentar un bo ocio e unha estimulación cognitiva, os usuarios e as usuarias, deberán solicitar este material para empregalo xunto o persoal do SAF.
7. “Ole que arrecende!”: Xunto o persoal auxiliar, levarán a cabo receitas de cociña, aprendendo pratos novos ou recordando aqueles que fai tempo que non elaboran.
8. “Palabras a remollo dun café”: As persoas somos seres sociais, requirimos de interaccións continuas. Por elo, invitamos a que os nosos e as nosas maiores se senten coa persoa auxiliar, preparando unhas cuncas de café e mantendo unha conversa agradable e cálida.
Aqueles usuarios e usuarias do Servizo de Axuda no Fogar que leven a cabo estas actividades durante un número mínimo de horas recibirán un agasallo a final de ano.