Homesociedade31 edición da Feira do Viño de Vilachá na primeira fin de...

31 edición da Feira do Viño de Vilachá na primeira fin de semana de maio

A Feira do Viño de Vilachá celebra a súa edición número 31 a primeira fin de semana de maio no conxunto de adegas medievais da Abelaira, parroquia de Vilachá de Salvadur, concello da Pobra do Brollón. Tras ampliar un día máis a feira o ano pasado, nesta edición novamente a feira durará tres días, dende o venres 3 ata o domingo 5 de maio.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Esta edición manterá tamén outro dos cambios dos últimos anos: a creación de dous circuítos, un de colleiteiros e outro de adegas.

As propostas do ‘circuíto adegas’ poden estar radicadas ou non no Concello, pero si deben posuír viñas na ribeira de Vilachá. Participarán este ano sete adegas: Acivro, Adega Vella, Bico de Lagar, Adega Curuxo, Adega Sernande, Tolo do Xisto e Val do Frade.

O ‘circuíto colleiteiros’ define unha ribeira, a de Vilachá, que aínda conserva un sistema produtivo bastante tradicional. Como o ano pasado, os colleiteiros deberán certificar a seguridade dos viños ofrecidos mediante as correspondentes analíticas e certificacións. Nesta edición haberá dez colleiteiros: Al-De, Aridas, Beatus Ille, Couso, Fidalgo, José Rodríguez López, Morales, Outeiro, Os Conventos e Pedro.

Os colleiteiros participantes poderán optar polo premio do xurado e do público. Haberá un posto onde se facilitará aos público as tarxetas de votación, que deberán ir seladas por ao menos oito dos dez colleiteiros para poder emitir o voto.

Como convidadas, participan a adega A Carqueixa e a Asociación das IXP (Indicacións Xeográficas Protexidas) de Viños de Galicia. As adegas e colleiteiros participantes estarán identificados con letreiros da organización. Os que non posúan letreiro da organización, non forman parte de ningún circuíto.

Dúas catas diferentes e unha cata-concurso

A edición 31 da Feira do Viño de Vilachá contempla dúas catas diferentes, e unha cata-concurso. A primeira será unha cata ambulante musical, guiada por Juanjo Figueroa, músico e presidente da Asociación Galega de Sumilleres, e o músico local e viticultor Suso 40. Esta cata circulará o venres a partir das 21:00h polo ‘circuíto adegas’, degustando un total de sete viños. O prezo serán vinte euros que inclúen a copa da Feira.

A segunda cata é o sábado ás 13:00h e dedicarase aos viños das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia. Será guiada por Martiño Santos e Xosé Gontá, responsables da vinoteca compostelá Vide, vide!. Inclúe cinco viños e ten un prezo de 15€, que inclúen a copa da feira. Tanto para esta cata como para a do venres, é preciso inscribirse no teléfono 650624828, preferentemente por WhatsApp. Prégase puntualidade aos inscritos.

O domingo ás 19:00h rematará a Feira cunha cata-concurso na que o xurado probará e comentará os viños do circuíto de colleiteiros para elixir o gañador do premio do xurado. 

Feira do Viño de Vilachá / Concello A Pobra do Brollón

Como todos os anos na Feira do Viño de Vilachá, a música estará sempre moi presente. Tanto sábado como domingo, a Feira estará animada por grupos de cantos de taberna. Participan nesta edición catorce grupos que circularán polas adegas ao longo de ambas xornadas.

No pregón, a cargo de Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres, tamén actuará a Escola de Música Samoeiro. O pregón será o domingo ás 13:00 no palco da festa da Abelaira.  

Contarase con postos de polbo e outros postos variados (embutidos, queixos, xeados…). Adega Pedro terá un posto de callos na noite do venres. Adega Couso tamén ofrecerá empanadas e doces á venda. 

Este ano dende a área de Servizos Sociais do Concello tamén se poñerá un Punto Violeta para ofrecer información, acompañamento e apoio en relación a calquera tipo de agresión machista.

Toda a información da Feira do Viño de Vilachá pódese consultar nas redes sociais e web do Concello da Pobra do Brollón (www.concellodapobradobrollon.gal)

ÚLTIMAS

“Eu sempre teño a porta aberta”, Javier Monterde, avogado na Pobra do Brollón

Javier Monterde Piguillen naceu en Barcelona, no barrio da Sagrada Familia, e o seu...

Unha consultora especializada redactará as bases para a renovación do contrato da auga en Monforte

A Xunta de Goberno Local de Monforte deu luz verde á contratación dos traballos...

“Stop agresións”, o 5 de febreiro ás 12:00 concentración do Hospital de Monforte

Segundo o sindicato, a Dirección do Hospital Comarcal de Monforte ten que tomar as...

Entrega de premios do certame de Poesía Infantil Nadal 2025 en Monforte

Este concurso, convocado pola Biblioteca Pública Municipal en colaboración coa Biblioteca Nodal de Lugo,...