O primeiro dos actos que celebrou o IES A Pinguela para conmemorar os 40 anos de existencia foi unha conferencia maxistral sobre o Proxecto Xenoma Galego e outras grandes historias de xenética que ofreceu o Catedrático de Medicina Legal e experto internacional en xenética Ángel Carracedo. Foi dirixida ao alumnado de 4º ESO e 1º e 2º de Bacharelato con Bioloxía do instituto.
Segundo explicaba o director, Enrique Sampil, “coma tantas outras veces que o doctor Carracedo nos leva visitado, os alumnos preguntáronlle ao ilustre científico sobre o alcance dos descubrimentos que se están a facer desde o Grupo de Medicina Xenómica, a Fundación Galega de Medicina Xenómica e polo Centro Nacional de Genotipado que dirixe”.
FELICITACIÓN DO ALCALDE DE MONFORTE
Entre outras autoridades que asistiron aos actos –alcaldes de concellos veciños a Monforte, representantes da Xunta de Galicia, e representantes da oposición na corporación municipal monfortina– estivo o Alcalde que puxo en valor os corenta anos de historia do IES A Pinguela, no que se formaron máis de 7.000 estudantes.
Na súa felicitación, o rexedor monfortino incluíu a todos os docentes, persoal administrativo e laboral que traballaron e traballan ao longo dos 40 anos de historia deste centro educativo. E tamén resaltou a labor dos diferentes directores que pasaron polo centro: Manuel Balea, Joaquín Trujillo, José Ramón Casanova e o actual director, Enrique Sampil, que leva na dirección dende o ano 2000.
O Alcalde tamén avogou pola necesidade dun “sistema educativo dotado de recursos suficientes, que motive ós profesores e que garanta que os alumnos e as alumnas teñen dereito a unha educación universal e de calidade con independencia do lugar no que vivan ou dos recursos que teñan as súas familias”. Neste senso, afirmou que “o IES A Pinguela cumpre con ese fin educativo primordial… e así o leva facendo ó longo de 40 anos” e rematou cun desexo “que siga facendo o mesmo papel no futuro, onde ten que seguir xogando un papel moi importante”.
INTERVENCIÓN DO DELEGADO TERRITORIAL DA XUNTA
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou tamén no acto institucional de celebración e destacou a traxectoria do instituto, que foi medrando e adaptándose aos distintos modelos educativos ata converterse, a día de hoxe, “nun referente para a comarca”; ao respecto, apuntou que “o impulso á Formación Profesional apuntalou a proposta do centro como unha das de maior variedade e calidade da contorna”.
Na mesma liña, lembrou a ampliación levada a cabo pola Xunta no 2021 para dar resposta ás necesidades de espazo dos ciclos formativos, e afirmou que o Goberno galego seguirá traballando “para que dispoña das mellores instalacións e dotacións, acorde co alto nivel da aprendizaxe que se imparte”.