HomesociedadeMonforte desvela o cartel das Festas Patronais 2024

Monforte desvela o cartel das Festas Patronais 2024

O autor é o deseñador Ramón Lucas García, e a protagonista da obra gráfica unha muller gaiteira, en cuxa silueta están representados elementos característicos das festas e figuras femininas relevantes nas mesmas.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As Festas Patronais da cidade de Monforte, que terán lugar do 11 ao 16 de agosto de 2024, xa teñen oficialmente cartel anunciador. A obra foi presentada este sábado polo Alcalde, José Tomé Roca, xunto coa Tenente de Alcalde, Gloria Prada.

O xurado decidiu que a proposta artística de Rubén Lucas García, cartel presentado baixo o pseudónimo de “mulleres”, fose o mellor dos 20 traballos que se presentaron ao concurso convocado dende o Concello. Como gañador recibirá 1.000 euros en metálico.

En relación ao Concurso de Carteis, o alcalde dixo: “trátase dunha iniciativa que como lembrarán vostedes, dende 2015, dende que son Alcalde, volvemos apostar por esta fórmula aberta ao público en xeral para que calquera cidadán poida facer a súa proposta. Así, neste ano 2024, o concurso cumpriu a súa vixésimo novena edición, 9 delas dende a miña chegada á Alcaldía”.

OBRAS A CONCURSO

Ao concurso deste ano presentáronse 20 traballos artísticos, un número superior ao da pasada edición de 2023, na que se presentaron 15 propostas, feito que demostra o interese dos artistas por este tipo de concursos.

No que respecta á orixe dos traballos recibidos este 2024, 6 propostas foron realizadas por artistas monfortinos/as, 6 chegaron de diferentes puntos de Galicia –2 dende Vigo, 1 dende A Coruña, 1 dende Cambados, 1 dende a Rúa de Valdeorras e unha de Chantada–, 5 doutras comunidades autónomas –3 traballos de Murcia, 1 de Xixón e 1 de Xátiva– e outro deseño que chegou de Dinamarca, da localidade de Fraderiksberg.

Ao concurso deste ano presentáronse 20 traballos artísticos

Todos os carteis que se presentaron a concurso serán expostos a principios de agosto na Casa da Cultura de Monforte. Unha vez remate dita exposición, os autores non premiados poderán retirar os seus carteis se así o desexan.

CARTEL GAÑADOR

En palabras do Alcalde, o cartel gañador “é unha homenaxe á muller. Así o decidimos facer ao longo de todo este ano. A figura feminina foi a protagonista do cartel da Feira Medieval, unha muller guerreira, e volve a selo no cartel do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que dimos a coñecer este pasado luns”.

A obra premiada este ano é un deseño no que a imaxe principal é a silueta dunha muller gaiteira, en cuxo corpo recóllense os principais elementos das Festas Patronais e figuras femininas relevantes das mesmas.

As figuras femininas que están incluídas no corpo de gaiteira, de aí ese pseudónimo que o artista titulou con “Mulleres”, son a Virxe de Montserrat, as figuras femininas dos Xigantes e Cabezudos, e as gaiteiras, pandereteiras e bailadoras que protagonizan parte do programa musical das festas monfortinas.

a imaxe principal é a silueta dunha muller gaiteira, en cuxo corpo recóllense os principais elementos das Festas Patronais e figuras femininas relevantes das mesmas

Referíndose á estética colorista da obra gañadora, José Tomé comentou: “creo este cartel é unha explosión de alegría e cor, como o foi nos últimos anos, unha estética que gusta ao noso xurado porque o cartel das festas debe transmitir a alegría, a felicidade e a vitalidade  das nosas festas”.

O Alcalde concluíu cos agradecementos á empresa Gadis –colaboradora no Concurso de carteis e impresión posterior deles e dos programas–, e á Deputación Provincial de Lugo a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos.

ÚLTIMAS

A Asoc. Rechouchíos de Taboada creará un fondo de traxe tradicional galego

O Presidente da Deputación da Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un convenio...

Do 5 ao 10 de agosto Monforte celebra a XXIV edición de Artelemos

O Concello de Monforte vén de presentar o cartel anunciador e o programa da...

O BNG levará ao pleno provincial a demanda de mellora das infraestruturas e da xestión do regadío do Val de Lemos

O BNG buscará o acordo do pleno provincial para reclamar á Confederación Hidrográfica, ao...

A A.V. do Saviñao fala de “agravio comparativo” entre concellos na estrada provincial de Currelos a Monforte

A A.V. do Saviñao demanda á Deputación Provincial a mellora de dúas estradas en...