O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia a licitación dun novo proxecto de mellora nunha instalación municipal urbana que se suma á liña de traballo dos últimos anos, que ten por obxectivo mellorar as infraestruturas urbanas e rurais existentes.
Trátase do proxecto de pavimentación de todo o entorno do Mercado Gandeiro de Monforte, logo de que fora aprobada a súa tramitación para ser licitado na Xunta de Goberno celebrada o pasado luns 15 de xullo.
Intervirase nunha superficie total 12.725 metros cadrados, nunha lonxitude de vías de 1.200 metros, e cun ancho medio de 10,60 metros, cun investimento de 177.787,13 €. “Este proxecto” subliña o Alcalde “da continuidade o programa de actuacións que o Equipo de Goberno desenvolve no Mercado Gandeiro, pois no ano 2021, acometemos a mellora das cubertas das naves do polbo, cun investimento de máis de 70.000 €”.
Actuacións
En primeiro lugar, procederase ao fresado do firme actual nas zonas necesarias, así como ao levantado da calzada para o rebaixe da súa cota noutras zonas.
Tamén se procederá ao corte de pavimento nas zonas nas que se colocará a rigola e nas canalizacións de pluviais. Nas zonas en que actualmente non están pavimentadas, procederase á apertura de caixa e posterior recheo con base de pedra e triple rego asfáltico. Colocarane os bordos correspondentes nos alcorques das árbores.
Na zonas das primeiras naves colocarase unha rigola de formigón para recoller a auga de pluviais e conducila a un sumidoiro que se colocará e que se conectará á rede de pluviais existente, a través dunha canalización de saneamento de PVC.
Despois procederase ao varrido do firme na zona de actuación, previamente á colocación da nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 5 cm de espesor, con posterior recalce de tapas de arquetas de 40×40 cm con tapa de fundición. Para finalizar co pintado de marcas viarias e de símbolos e cebreados.
Prazos e criterios de valoración
As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 12 de agosto ás 14 h. As mesas de contratación terán lugar o mércores 14 (sobres 1 e 2) e o mércores 21 de agosto (sobre da oferta económica).
Os criterios de valoración das ofertas serán:
- Memoria técnica: 40%.
- Prezo: 40%.
- Ampliación do prazo de garantía: 20%.
“Deste xeito” conclúe o Alcalde, “o Equipo de Goberno deste Concello segue a desenvolver actuacións para seguir mellorando Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ó Goberno fai 9 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos e monfortinas”.