As dúas obras adxudicadas alcanzan os 217.000€ (216.938,48€) e o prazo de execución nos dous casos é de 1 mes, dende que se asine a acta de replanteo. A previsión é que as obras rematen entre finais de outubro e principios de novembro.
Para a pavimentación de todo o entorno do Mercado Gandeiro, o alcalde xustifica esta actuación destacando que “esta é unha zona que é moi utilizada, especialmente os días de feira, polo que é necesario renovar o seu firme, e pavimentar outras zonas que actualmente non o están, a fin de dar un mellor servizo ós usuarios e os veciños de Monforte”.
Neste senso, a actuación abarcará unha superficie total 12.725 metros cadrados, nunha lonxitude total de vías de 1.200 metros, e cun ancho medio de 10,60 metros. Colocarase unha nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 5 cm. de espesor. Este proxecto dá continuidade á mellora das cubertas das naves do polbo, ás que se destinaron no 2021 máis de 70.000 €, “e seguiremos neste ano imos coa mellora doutras dúas naves”, destaca o alcalde.
Pola súa banda, a mellora do Camiño municipal da Babela comprenderá a renovación do seu pavimento sobre unha lonxitude de 1.120 metros, entre o barrio de Babela, en Distriz, e a Depuradora de Piñeira, xunto á N-120 e a estrada de Sober. A renovación do firme farase a base de aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cm de espesor.