Emprender no rural non é doado, e dende fóra semella ás veces algo máis romántico que práctico pero hai xente que o intenta, que persevera e cre nas súas posibilidades. Este sería o caso de Pablo, Álvaro ‘Barucho’ e Ana. Hai xa bastantes anos empezaron na Toca, parroquia de Campos de Vila en Quiroga, cun obradoiro de elaboración e restauración de mobles ademais de carpintería para a construción ata que coa crise deste sector tiveron que reformular o negocio.
Foi no ano 2012 cando decidiron enfocalo cara a artesanía. Nacía así “Artesanía Armaior” especializándose na elaboración de elementos decorativos e utensilios de cociña en madeira de oliveira exclusivamente. Pois ben, semella que esa especialización no mercado, o labor comercial de Ana e a creatividade de Pablo no obradoiro están dando os seus froitos. Álvaro, ‘Barucho’ para os amigos, segue botando unha man aínda que agora anda máis centrado na viticultura.
“Renovarse ou morrer”, esta foi a filosofía aplicada ao negocio que ‘re-emprendeu’ Armaior e abofé que lles está indo moi ben. Falamos con eles.
Armaior, como outras empresas, tivo que ‘reinventarse’. Como foi esa transformación?
A Filosofía da empresa sempre foi traballar con madeiras do país, e despois de dez anos facendo moble tradicional galego en madeira de castiñeiro a crise obrigounos a reinventarnos e optamos por outra madeira que aínda que non é moi abundante en Galicia, si existe na comarca de Quiroga. Falo da oliveira, e como as súas características fana moi apta para o seu uso na cociña, decidimos facer utensilios de cociña e decoración.
Cantos anos levades xa como “Artesanía Armaior”? Tiñades claro o camiño a seguir para poder vivir disto?
Como Armaior levamos case 17 anos. Empezamos no 2002 rexistrando o obradoiro no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e durante aproximadamente 10 anos fixemos moble tradicional galego; e xa dende 2012, artesanía en madeira de oliveira de xeito exclusivo. Cando empezamos tiñamos claro que queriamos recuperar o xeito artesán de traballar a madeira, utilizando madeiras do país, afondando na tipoloxía do moble propio da casa labrega galega e adaptándonos tamén aos tempos novos. Cando chegou a crise quixemos manter a nosa esencia pero agora enfocada aos utensilios de cociña, o camiño a seguir neste caso foi apostar pola calidade da madeira de oliveira.
Vivir no rural e traballar no rural. “Pros e contras”?
Para nós vivir no rural ten máis pros que contras, gústanos a tranquilidade e gozar deste entorno natural que nos rodea, vivir na Ribeira Sacra e aos pés do Courel é un privilexio. Ademais, somos a quinta xeración da nosa familia que vive na Toca e é moi bonito ter presentes as nosas raíces e proseguir a tradición familiar traballando a madeira. Os contras de vivir no rural pois os que temos todos os que vivimos aquí… pediatra só dúas veces por semana, que o Hospital máis próximo está a 40 quilómetros, que o coche é imprescindible para todo…
Como poñedes no mercado os vosos produtos?
Nós vendemos os nosos produtos sobre todo en feiras, este ano por exemplo estivemos na Coruña na feira Mostrart que organiza a Asociación Galega de Artesáns e en Lugo no Artesanfroilán. Esta fin de semana estamos no Mercado da Estrela en Santiago, principalmente facemos feiras nas catro provincias galegas e tamén temos tenda propia e obradoiro que se poden visitar na Toca.
E para cando a venda online, se tedes pensado, claro?
A venta online é o noso próximo obxectivo e xa estamos traballando na nosa propia tenda por internet. A nosa intención é que funcione para comezos do vindeiro ano se todo vai ben.
Cónstanos que tendas especializadas e chefs famosos interésanse polos vosos produtos. Contádenos.
Pois si, contamos coa sorte de ter entre os nosos clientes varios cociñeiros galegos con estrelas Michelín, tivemos a fortuna de que Pepe Solla coñecese os nosos produtos na feira Corazón de Artesanía que organiza a Fundación pública Artesanía de Galicia hai uns anos. Dende entón traballamos para Casa Solla, Culler de Pau e Silabario en Pontevedra para Bido e A Maceta na provincia de Coruña, e para Nova en Ourense; é un auténtico pracer que algunhas das nosas pezas estean presentes nos seus proxectos.
Cal ou cales son os utensilios estrela, os que máis se demandan?
Os produtos que máis vendemos son en primeiro lugar as táboas, as de cortar que son un básico en todas as cociñas e tamén as de presentar ou empratar que locen moi bonitas en calquera mesa. Tamén facemos moitos crebanoces de palanca que son moi útiles ademais de decorativos e son un agasallo que os nosos clientes mercan moito. Por último tamén podo mencionar aquelas pezas que entran dentro da categoría de cubertos: culleres, garfos, espátulas, etc.
Como están funcionando as visitas na tenda que tedes na Toca, preto de Quiroga?
As visitas a nosa tenda propia van ben, concéntranse sobre todo na épocas de vacacións. Estamos na Ribeira Sacra e preto do camiño de inverno de Santiago de Compostela, ademais de estar o pé do Courel co cal a ubicación é idónea para recibir a turistas. Este ano tivemos un par de grupos grandes que concertaron visita con demostración de torneado, desde xeito ollaron en vivo como se fan as nosas pezas. Se queredes, agora podedes visitarnos para facer algún agasallo de Nadal (risas).
Como valorades o traballo que está a facer Artesanía de Galicia polos oficios e as/os artesáns galegas/os?
Atopamos o traballo que está a facer Artesanía de Galicia moi positivo, ademais de abrir mercado á artesanía “made in Galicia” nas feiras internacionais achegaron a artesanía galega aos cociñeiros galegos. Esta suma de Artesanía + Gastronomía pensamos que está a dar resultados moi interesantes e proveitosos para todos.
Algún proxecto en camiño de cara ao novo ano?
Os nosos proxectos para o ano que vén pasan principalmente polo despegue e consolidación da nosa tenda virtual, temos que traballar moito neste campo para acadar o noso obxectivo de chegar aos nosos clientes desde a nosa aldea ata o sitio onde eles se atopen.