A Festa dos Fachós de Castro Caldelas é unha das tradicións de culto ao lume máis representativas da nosa terra e está recoñecida como ‘Festa de Interese Turístico de Galicia’.
A festa consiste nunha procesión na que saen do Santuario dos Remedios centos de “fachós” de palla que percorren o Casco Histórico, arrodeando o Castelo e facendo o percorrido en plena escuridade (só o Castelo está alumeado). A comitiva vai presidida pola imaxe de San Sebastián, e detrás un Gran Fachón feito tamén de palla de 30 metros ou máis.
O remate da procesión ten lugar no atrio do Santuario onde se queiman todos os restos nunha gran fogueira, rematando deste xeito o rito do lume purificador en medio do toque de campás.
ORIXES DA TRADICIÓN
As primeiras referencias escritas sobre este ritual das que se ten constancia son do ano 1751, sendo unha das celebracións máis antigas de Galicia.
Sobre as orixes da Festa dos Fachós de Castro Caldelas hai escritos que falan das tradicións celtas relacionadas co lume, antes de ser cristianizado asimilado ao culto a San Sebastián. O escritor ourensán Vicente Risco relaciona esta festa cos ritos celtas de culto ao sol.
Outra hipótese apunta ao século XVII cando unha peste de cólera arrasou a comarca caldelá. Foi entón cando a veciñanza pregoulle a San Sebastián e San Roque para que intercederan e remataran coa enfermidade, facendo unha fogueira para queimar as pertenzas dos infectados.
Finalmente, unha terceira teoría vincula a orixe da celebración á conmemoración da busca que fixeron os cristiáns para atopar o corpo do San Sebastián a noite que foi martirizado.
Dende o concello sinalan que “as diversas hipóteses que pretenden explicar a orixe da festa desde una óptica local teñen escasa fiabilidade histórica, sen embargo resultan interesantes como interpretacións populares”.
OS FACHÓS
Antigamente a elaboración dos fachós facíase coa palla da sega, que se obtiña despois de sementar o centeo e segar. Actualmente esta práctica foise perdendo ata quedar en desuso, polo que un dos inconvintes para seguir mantendo esta tradición é a falta de palla para facer os Fachós.
Foi por este motivo que dende hai uns anos o Concello de Castro Caldelas é o que se encarga de sementar o centeo, de segalo, carrexalo e mallalo do mesmo xeito que se facía tradicionalmente. Rematado este proceso, a palla queda gardada nun palleiro ata o momento da celebración.
Unha das novidades deste ano será que todo o proceso anterior, así como tamén a mesma celebración –procesión, queima final e festa–, poderase ver nun traballo audiovisual encargado polo Concello de Castro Caldelas. O vídeo divulgativo reproducirase de forma permanente no Museo dos Fachós, sito no castelo, e que será inaugurado proximamente.
PROGRAMA 2025
O comezo da procesión será ”entre o lusco e fusco”, calcúlase sobre as 18:30 h., momento no que a comitiva botará a andar encabezada pola imaxe do S. Sebastián de palla seguido do Gran Fachón de non menos de 30m. Detrás irán os máis de 500 Fachós individuais que o Concello pon o dispor dos participantes así como algún grupo de música tradicional e charanga amenizando o percorrido.
A procesión sae do adro do Santuario dos Remedios e percorre as rúas do Casco Histórico dando a volta ao Castelo que preside a vila. Ao remate do percorrido, os restos dos Fachós dos romeiros e romeiras depositaranse nunha gran fogueira que haberá na entrada do Santuario.
A continuación dará comezo a parte gastronómica e trouleira onde se degustarán os chourizos feitos e curados con fume de carballo de Castro Caldelas, o pan artesán de forno de leña, o viño da D.O. Ribeira Sacra e unha gran “Queimada”. Todo isto no adro do Santuario dos Remedios, pero o ambiente festeiro estenderase a todos os locais hostaleiros da vila que abrirán ata altas horas da madrugada.