HomesociedadeLópez Campos: "Os atributos excepcionais da Ribeira Sacra farana Patrimonio da Humanidade"

López Campos: “Os atributos excepcionais da Ribeira Sacra farana Patrimonio da Humanidade”

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, apelou este venres en Monforte aos “atributos excepcionais” cos que conta a candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga para amosar o seu convencemento de que “ten todo ao seu favor para conseguir ser declarada Patrimonio Mundial pola Unesco en xuño de 2026”.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Parador de Monforte de Lemos acolleu o foro A paisaxe cultura da auga da Ribeira Sacra, que contou coa participación do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, e con expertos en patrimonio, paisaxes culturais e turismo, que tamén incidiron nos valores desta candidatura, que está xa na súa recta final de avaliación.

Precisamente, o representante do Goberno galego lembrou que consultores da Unesco visitarán o territorio no mes de outubro, “no que poderán comprobar in situ a solvencia e rigorosidade da candidatura”. Ao respecto, fixo fincapé en que a proposta presenta unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”.

Así, salientou que Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga enxalza o “valor universal e excepcional” dun territorio que abrangue a 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense Precisamente, incidiu en que a candidatura céntrase nos “atributos especiais” que reflicten “o seu carácter único”, que van desde os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga.

“Estamos convencidos do valor deste territorio e, por iso, confiamos en que acade o merecido recoñecemento”, aseverou López Campos, quen apelou ás “boas sensacións” de todo o proceso. Neste senso, recordou que a de Ribeira Sacra xa forma parte das candidaturas admitidas para ser avaliadas polo Comité Mundial da Unesco, tras cumprir o Goberno galego “rigorosamente cos trámites, documentación e tempos exixidos”.

Por estes motivos, asegurou que o Goberno galego se enfronta a este “novo paso clave” da candidatura “coa tranquilidade e seguridade que dá contar cunha proposta madura e sólida”, na que subliñou que se tivo en conta as achegas de técnicos, expertos e axentes locais. Nesta liña, quixo agradecer a “total implicación desde un primeiro momento” da comunidade, veciñanza, institucións e axentes locais da zona e que ampliou aos expertos internacionais que participaron no Congreso Internacional Fontes, “que fixeron valiosas suxestións” durante as xornadas celebradas no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín.

En concreto, o representante de Cultura da Xunta fixo mención especial ao “compromiso institucional e persoal” do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, do que salientou que “acompañou e arroupou” a candidatura tanto no procedemento “como coa súa presenza e asistencia aos encontros para impulsar a Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial”.

Tomé foro Ribeira Sacra / Deputación Provincial

O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, tamén participou na inauguración deste foro. Destacou que a Ribeira Sacra “ten un patrimonio humano, cultural e natural dun valor incalculable”, e subliñou que o recoñecemento da UNESCO sería un paso histórico para a comarca e para toda a provincia de Lugo.

“Estamos ante un momento clave. Confiamos en que, se o proceso continúa avanzando segundo o previsto, en xuño de 2026 podería chegar ese recoñecemento que tanto merece este territorio”, sinalou o mandatario provincial.

Tomé Roca tamén puxo o foco nun dos aspectos que singulariza esta candidatura: a relación entre a Ribeira Sacra e a auga, como elemento vertebrador da paisaxe, da economía e da cultura. Rematou apelando o Presidente á cooperación entre administracións e ao papel esencial da cidadanía para defender un proxecto único.

ÚLTIMAS

Está a arder Roxe de Sebes?

Em Soldom contarom-nos que naquela altura houvo quem pensou que César que podia ser...

Deteñen en Bóveda unha persoa requirida por un xulgado de Huesca

A Garda Civil detivo a unha persoa na localidade lucense de Bóveda tras non...

A Pobra do Brollón celebrará As Cores do Outono o 27 de setembro

O Concello da Pobra do Brollón vén de presentar o cartel da XI edición...

O lume non dá tregua no Concello de Quiroga

O incendio que saltou de Larouco a Quiroga o pasado 15 de agosto está...