HomesociedadeDaveiga, 'Premio Galicia Alimentación 2025'

Daveiga, ‘Premio Galicia Alimentación 2025’

A empresa de Chantada 'Daveiga Producción Responsable' vén de ser recoñecida co Premio Galicia Alimentación 2025 á Iniciativa Innovadora, outorgado polo Clúster Alimentario de Galicia.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Clúster Alimentario de Galicia outorgoulle á empresa chantadina Daveiga Producción Responsable, moi coñecida pola elaboración das populares galletas Mariñeiras, o Premio Galicia Alimentación 2025 á Iniciativa Innovadora. A entrega celebrouse hai uns días en Santiago de Compostela, onde Joaquín Casal, coordinador da área de comercio nacional da empresa, recolleu o galardón.

A xuizo do xurado “esta distinción recoñece a contribución diferencial de Daveiga ao sector agroalimentario galego, a través dun proxecto sólido que integra innovación, responsabilidade social e compromiso co territorio”.

Joaquín Casal recollendo o premio de Daveiga. Foto: Clusaga.
UN MODELO INNOVADOR ASENTADO EN TRES PIARES

1. Un modelo de negocio baseado na xestión responsable

Daveiga é unha empresa de economía social, configurada como Sociedade Laboral, cunha estrutura participativa onde as persoas traballadoras tamén se poden incorporar como socias e participar na organización empresarial.

Este modelo defínese en base ao concepto de “Responsabilidade”, entendida dende catro ambitos da xestión empresarial: socio-laboral, económico, ambiental e cultural. Busca redistribuir o valor engadido da súa actividade económica entre as persoas que forman parte do proxecto, contribuíndo ao desenvolvemento do territorio, respectando o medioambente e apoiando a formación e a cultura no rural.

2. Un produto innovador: as Mariñeiras®

Baixo a marca Mariñeiras® comercializan un pan sen miolo, inspirado na solución que atoparon os mariñeiros para conservar o pan nas longas travesías de forma natural adaptado aos gustos e hábitos actuais. Trátase dun produto versátil, natural, sen aditivos nin conservantes. Destacan pola súa longa vida útil, sabor neutro, textura crocante e valor nutricional equilibrado. Daveiga consegue así ofrecer un alimento funcional, cómodo e saudable, que se adapta ás esixencias da alimentación moderna.

3. Un sistema de xestión integrado, con certificacións de calidade, seguridade e sustentabilidade

Daveiga, xa dende o 2007,  foi pioneira na implantación dun sistema de xestión baseado nas normas ISO 9001 (calidade), ISO 14001 (medio ambiente), e IFS Food, todas elas certificadas por AENOR. Isto garante a trazabilidade, seguridade e excelencia do produto final. A empresa tamén aposta polas prácticas sostibles: consumo de enerxía renovable, autoconsumo fotovoltaico, recollida de auga de choiva, xestión eficiente de residuos, transporte compartido e compras responsables, entre outras iniciativas que consolidan o seu liderado en responsabilidade ambiental.

Este recoñecemento confirma que o proxecto de Daveiga Producción Responsable é unha demostración real e consolidada de que desde o rural, a través da innovación e da economía social, é posible xestionar empresas de alto rendemento e con obxectivos económicos ao servizo das persoas –traballadoras, socias, consumidoras, clientes, provedores– e do propio territorio.

ÚLTIMAS

Os museos de Quiroga amplían o seu horario na tempada de verán

De luns a venres os dous museos abrirán de luns a venres, en horario...

Rosa Rodríguez recibe a Medalla Castelao arroupada por unha delegación de Sober

A doutora, Rosa Rodríguez, despois de 35 anos exercendo no centro de saúde de...

“Reboiras: Acción e corazón”, este 1 de xullo en Multicines Hollywood

"Reboiras: Acción e corazón" aborda a traxectoria vital e política de Moncho Reboiras, militante...

O PP de Monforte esixe ao Concello de Monforte sinalizar Ribas Altas como “zona non apta para o baño”

A voceira popular, Katy Varela, explica que xa levan anos pedinso ao goberno de...