A Xunta dá por estabilizado o incendio de que se iniciou este sábado ás 15:00h no Saviñao-Chave. Desde as 00.55 horas está estabilizado este incendio que afecta a unha superficie de arredor de 60 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 3 axentes, 11 brigadas, 9 motobombas, 3 helicópteros e 2 avións.
Na provincia de Ourese permanece decretada a Situación 2, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Segue activo o incendio de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos
O venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Este xoves, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do pasado luns e o cal se iniciou o domingo ás 17.30 horas
Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie de arredor de 17.500 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 129 axentes, 156 brigadas, 98 motobombas, 15 pas, 14 unidades técnicas de apoio, 20 helicópteros e 21 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Larouco-Seadur
Desde as 18.55 do mércores está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 6.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Petín, Quiroga e A Rúa. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 16 técnicos, 56 axentes, 80 brigadas, 66 motobombas, 8 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 6 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Desde o Concello informan a través das redes sociais de que o lume avanzou dende a zona de Cereixido e Vilarmiel chegando ata o val do río Soldón poñendo en perigo o núcleo de Vilar de Mondelo no que os bombeiros tiveron que facer un contralume para que as lapas non chegasen á aldea. Non se puido facer nada polo lugar de Ferreira na parroquia de Montefurado, un núcleo deshabitado que foi vítima do lume. “Segundo as últimas informacións das que se dispón o lume nestes momentos, avanza hacia a parroquia de A Seara e monte de Montouto”, explican.
Con todo na provincia de Ourense seguen activos 12 incendios, segue estabilizado Montederramo-Paredes e controlado o de Verín Mourazos.