Continúan activos dous incendios de máis de 20 hectáreas en Galicia, ambos na provincia de Ourense. Trátase dos de Carballeda de Valdeorras-Casaio e de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, aínda que neste só se mantén activo o focode Vilariño, unha vez estabilizados os de Requeixo e Parafita en Chandrexa.
O incendio de Carballedo-A Cova deuse por controlado este domingo ás 11:30h, orixinárase o xoves 21 ás 18.14h. Tivo que decretarse a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Oleiros, unha situación operativa xa desactivada. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 técnicos, 21 axentes, 43 brigadas,28 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 4 avións.
Ás 11.25h deste sábado quedaba estabilizado o incendio iniciado o mércores, 13 de agosto, ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 53 técnicos, 232 axentes, 308 brigadas,241 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Mentres o incendio de Larouco-Seadur afectaba ao municipio de Quiroga recibiu a visita de representantes da Subdelegación do Goberno en Galicia, a Subdelegación Provincial, da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial.
Segundo os datos ofrecidos pola Consellería do Medio Rural, tendo en conta os lumes que continúan sen apagar —activos e estabilizados– a superficie queimada alcanza as 85.190 hectáreas.

Visita a incendio Quiroga Delegado do Goberno

Visita a incendio Quiroga Presidente da Xunta

Visita a incendio Quiroga Presidente Deputación Provincial