O cambio climático impón que os grandes incendios vaian ser frecuentes, polo que as administracións locais deben actuar no marco das súas competencias: “a xente é consciente de que se este lume ten lugar cando se produciu a vaga de agosto, as aldeas queimaríanse e o risco para a poboación serían maior. Non se pode mirar a outro lado, hai que crear xa unha comisión de prevención de incendios xunto cas parroquias e deseñar perímetros, corta lumes e bocas de auga en todas as aldeas” – sinala, Paula Vázquez Verao, voceira da organización -.
“Os concellos da chamada Ribeira Sacra teñen que deixarse de meter millonadas en festivais e feiras do viño e protexer á xente, paisaxe e economía tradicional, que é o que permite ter viño e turismo. A disxuntiva é ou patrimonio real da xente, ou decorado (calcinado),” insisten desde Agroma Sober.
Aseguran que, malia que a Xunta ten a maior parte das competencias, os concellos tamén teñen obrigas legais que non se están a cumprir, “como a actualización dos plans de prevención ou a vixilancia das faixas de xestión da biomasa, deixando na veciñanza a responsabilidade de alertar sobre quen non mantén limpas as fincas”.
“As aldeas non poden quedar indefensas”, afirma Agroma Sober. Cómpre un gran debate social e un acordo amplo para afrontar os retos do futuro: o cambio climático acelerado e o proceso de despoboamento de décadas que vivimos na nosa comarca favorece a virulencia dos lumes, co retroceso das terras agrarias, a proliferación das plantacións de piñeiros sen ordenar (herdanza das políticas franquistas) e as pistas e camiños intransitables.
Propostas de Agroma SobER
O grupo de IGV formula unha batería de medidas que deberían marcar a folla de ruta dos vindeiros orzamentos municipais e dun debate social amplo sobre o futuro do medio rural. Entre elas destacan:
- Transparencia: información pública sobre a execución do Plan Municipal de Prevención, mapa das zonas afectadas e auditoría da Xunta sobre as brigadas municipais.
- Protección Civil: creación dunha Comisión Municipal de Prevención de Incendios con participación veciñal e actualización do Plan de Protección Civil.
- Cultivos forestais: erradicación dos eucaliptos en 2028, control das plantacións ilegais e fomento da castaña e doutros usos alternativos do monte.
- Sanidade: revisión das traídas de auga e fontes parroquiais tras os lumes.
- Faixas de biomasa: contratación de dous técnicos forestais estábeis, vixilancia e axilidade municipal dos incumprimentos e mellora das pistas, accesos e bocas de rego en todas as aldeas.
- Plan de emerxencias da Ribeira Sacra, proposta que xa teñen lanzado colectivos como a Federación de asociaciós da Ribeira Sacra.
- Trasladar a ADIF a urxencia de retirada do material de restos da obra da vía Monforte-Ourense, asi como dos desperfectos, na zona entre Areas e Santo Estevo, que constitúen un risco medioambiental.
- Agrogandeiría: apoio a proxectos de gando extensivo e creación dun rabaño municipal de cabras para limpeza do monte.
- Estabelecemento dun plano de ordenación do territorio coa recuperación dos usos agrarios como prioritarios.
- Axudas: solicitar ao abeiro do Decreto 76/2025 a reparación de danos e declarar as zonas afectadas como de emerxencia de Protección Civil.

Incendio de Pombeiro setembro 2025 / Agroma Sober
“O Patrimonio da Humanidade revelouse como simple decorado para a propaganda, cando a realidade é unha total falta de planificación e ordenación do territorio e que pon en risco aldeas e vidas por igual. Fronte á posta idílica que se quere vender, a realidade é a do abandono institucional máis descarnado”, conclúen.