O rexedor de Monforte de Lemos, José Tomé, explicou aos medios de comunicación que estas modificacións afectan ao procedemento administrativo da reparcelación, pero non ao fondo do proxecto, de xeito que a urbanización, xa executada, mantense tal e como está.
Os novos proxectos de reparcelación da Zona C Polígonos 1 e 2 veñense de publicar no BOP, abríndose o período de información pública para presentar alegacións. Todos os propietarios e interesados recibirán notificación individual deste novo proceso, do que tamén se lle dá traslado á Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A exposición pública do proxecto estenderase ata o 22 de decembro de 2025. O rexedor detallou que, de non formularse alegacións no período establecido, “a aprobación do proxecto será elevada a definitiva”. No caso de formularse alegacións, “serán resoltas como corresponda”.
Este novo proxecto de reparcelación recolle as determinacións indicadas en tres sentenzas. Por un lado, a comunicación e informe do propio proxecto á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, como titular do Dominio Público Hidráulico do río Cabe, integrado no ámbito de actuación da Zona C. Este informe, detallou o Alcalde, “non se requeriu no ano 2000, cando se aprobou a modificación puntual da Zona C, pero agora é preceptivo”.
Outra das novidades é que a nova reparcelación estrutúrase agora en dous polígonos independentes: o Polígono 1, que ocupa o triángulo suroeste da área de reparto, e o Polígono 2, que é o de maior superficie, dividido pola rúa Teceláns.
Por último, faise unha nova aliñación deixando fora a traseira dun edificio da rúa Ourense que non pertence a esta área de reparto.
Polígono 1 (Baixo +3)
Ten unha superficie de 3.661 m2, co seguinte reparto superficial: 3.262 m2 aportados por propietarios titulares do solo e 399 m2 de viais públicos. A titularidade destes terreos corresponde a dous propietarios: titular de finca privada e Dominio Público Hidráulico (CHMS).
No que se refire ás superficies edificables (baixo +3), son un total de 2.568 m2 edificables repartidos do seguinte xeito: 468 m2 de uso comercial en planta baixa, e 2.100 m2 de uso residencial en plantas altas. A adxudicación de parcelas é a seguinte:
- 3 fincas de resultado non dotacional:
- Unha delas (R.01) é para o propietario privado
- A segunda (RCE-10) é para o segundo titular (Confederación Hidrográfica), máis o Concello, que recibe o 10% de aproveitamento deste polígono, conforme á Lei do Solo.
- A terceira finca é para Dominio Público Hidráulico que non é obxecto de adxudicación a ninguén, xa que se conserva en poder da CHMS.
- Ademais, hai dúas fincas resultado do proxecto de reparcelación que son dotación pública, é dicir, zonas verdes (ZV01 e ZV02).
No caso do Polígono 1, os gastos de urbanización ascenden a 238.529,22 euros, impostos incluídos, que corresponden ao importe das obras xa realizadas, e polo tanto, custe real (175.525,16 euros) e ao proxecto de urbanización, dirección de obra e xestión de cesións e indemnizacións por bens non conservables (63.004,06 euros).
Polígono 2 (Baixo +3)
A superficie total é de 17.288 m2, repartidos en 15.679 m2 aportados por propietarios privados e Confederación Hidrográfica, e 1.609 m2 de viais públicos. Neste caso hai 11 propietarios, 10 de fincas privadas e 1 de Dominio Público Hidráulico. As superficies edificables suman un total de 19.662 m2, dos cales 4.276 m2 son de uso comercial en planta baixa e 15.386 m2 de uso residencial en plantas altas. A adxudicación das parcelas é a seguinte:
- 17 fincas de resultado non dotacional
- 11 fincas son para propietarios do solo
- 1 delas (RCO) é para o déficit de aproveitamento do Polígono 1
- 2 delas son para o titular do Dominio Público Hidráulico (Confederación)
- 3 fincas son para o Concello pola cesión do 10% do aproveitamento
- Ademais hai 7 fincas de resultado que son dotación pública zonas verdes
Neste caso, os gastos de urbanización ascenden a un total de 938.173 euros, dos cales, 839.161 corresponden ao importe das obras xa realizadas, e 99.012 euros á indemnización de bens non conservabales (edificios, árbores…), indemnización por extinción e arrendamento, redacción de proxectos, dirección de obra e xestións de cesións. O Alcalde cifrou o custe medio da urbanización dos dous polígonos en 56,03 euros o m2 edificable.

