As situacións de vulnerabilidade, vinculadas á soidade, depresión ou adicións fixéronse máis visibles durante a pandemia, o que levou a este departamento a ampliar os servizos de atención para cubrir este tipo de necesidades entre a poboación.
Atenden os Servizos Sociais do Concello de Pantón dúas traballadoras sociais e un educador social que actualmente dan servizo con este programa a unha trintena de persoas que precisan deste apoio social. “Cada vez desde servizos sociais vese que as persoas requiren máis este tipo de atención. A soidade acostuma ser o máis habitual que pode derivar noutras situacións que afectan ao ánimo das persoas”, explica o alcalde, José Luis Álvarez.
A este respecto desde Servizos Sociais do Concello de Pantón lembran ás veciñas e veciños que poden axudar na busca de solucións e crear estratexias que axuden no día a día das persoas. “Moitas veces as persoas teñen medo ou síntense inseguras coas súas inquedanzas. Aquí traballamos desde o anominato e son as persoas as que marcan o ritmo para que as poidamos axudar”, explica o educador social.
Quen dixo medo? Titúlase o cartel do programa co que o Concello de Pantón quere lembrar á veciñanza que ten á súa disposición este tipo de atención social. As persoas que desexen máis información ou compartir a súa situación poden contactar no teléfono 982 45 60 05 (extensión 4) ou no correo: educadorfamiliar@gmail.com


