Entre o novo material destaca un camión con sistema de carga traseira, destinado á recollida de lixo na zona rural, pois o seu tamaño permite acceder a toda a rede de camiños municipal, facendo máis áxil o servizo. Un furgón de caixa aberta con plataforma elevadora e basculante, empregarase para a carga domiciliaria de mobles e enseres, así como para a limpeza viaria, xa que está equipado cun depósito de auga e hidrolimpiadora. Incorpórase tamén unha varredora autopropulsada de aspiración; unha das máis avanzadas do mercado que permitirá o varrido tanto de calzadas como de beirarrúas nos núcleos municipais.
Esta renovación do servizo completarase coa substitución da práctica totalidade dos colectores: 580 de fracción resto, 50 de envases e outros 50 para a almacenaxe de papel e cartón. Supón, segundo destacou Armesto, “un paso decisivo na modernización e mellora dos servizos públicos, coa incorporación de equipos máis eficientes, sostibles e adaptados ás necesidades actuais do municipio”.
Deste xeito, estas dotacións permitirán optimizar rutas, reducir tempos de actuación e mellorar a cobertura do servizo en todo o termo municipal, garantindo unha resposta máis eficaz. “Con esta inversión reforzamos o noso compromiso cun Saviñao máis limpo, ordenado e sostible, ao tempo que melloramos as condicións de traballo do persoal municipal. Avanzamos na mellora dos servizos básicos, fundamentais para garantir a calidade de vida da cidadanía e a boa imaxe do municipio”, asegura o rexedor.

Equipo Limpeza O Saviñao / Concello O Saviñao

