A chegada de Rafa Centeno á cociña foi, segundo nos conta, froito dunha casualidade. Criouse en Toledo e estivo bastantes anos lonxe da súa terra, Lugo, para despois chegar a Vigo e acabar traballando xunto á que foi a súa parella no Restaurante Maruja Limón no ano 2001. De traballar en sala foi pasando aos fogóns onde aprendeu a cociña tradicional básica cun dos cociñeiros e a partir de aquí foi medrando con formación autodidacta, lendo moito, facendo moitas probas… “Nunca pensei ser cociñeiro, pero o instinto foime levando aos fogóns”, di.
No 2010, ‘Maruja Limón’ acadou unha Estrela Michelín e dous soles Repsol, consolidándose xa como referencia da cociña galega. E dez anos despois, no 2021, inaugura un segundo restaurante ao que bautiza como ‘Centeno’. Este último ubicado no centro comercial Vialia, tamén na cidade de Vigo.
E foi en agosto de 2024 cando chegou o momento esperado por Rafa Centeno para aterrar en Lugo. Buscando un espazo na propia cidade chegou a oportunidade en Doade, Concello de Sober, da man da Bodega Regina Viarum que lle ofreceu coller o seu Restaurante Vértigo. “A verdade é que tamén me apetecía coller algo na Ribeira Sacra, namoreime do sitio e a adega xa a coñecía porque en Vigo temos os seus viños”, comenta Centeno.
E seguindo a boa racha chegou, no 2025, a Estrela Michelín para o restaurante no que levaba pouco máis dun ano. Este recoñecemento tiña ademais un dobre mérito: ser o único cociñeiro galego con dous locais con este distintivo e traer á provincia de Lugo a súa primeira Estrela Michelín.

A SÚA COCIÑA
Rafa Centeno recoñece que o feito de criarse e vivir fóra de Galicia fíxolle sentir máis se cabe os sabores da nosa terra. Confesa que “son para min sabores da infancia, emociónanme moito”. A cociña que busca baséase no produto de tempada e de proximidade, no que primen os sabores galegos con pinceladas contemporáneas.
Ao preguntarlle polo que supón contar con 2 Estrelas Michelín o primeiro que nos di é que o mérito é colectivo, dun equipo de traballo que hai detrás, e non só del. O importante é, nas súas palabras, “rodearte de xente que teña as mesmas ganas e os mesmos xens ca ti”.
E falando do equipo di que para el é moi especial compartir cociña no Vértigo cos seus dous fillos que o viron nela desde que naceron. “Estou moi orgulloso de telos comigo nos fogóns, é moi máxico”, comenta.
ACOLLEMENTO EN SOBER E PREGÓN
Falando de como se sente de acollido en Sober di que dende o primeiro momento se sentiu moi cómodo. “Síntome tan integrado que xa me empadroei”, di. Tamén recoñece estar moi contento co acollemento da veciñanza de Doade, que lle axuda en moitas cousas que precisa, como incluso a busca de persoal, e co propio Concello de Sober. Neste senso lembra que “o alcalde, Luis Guitián, visítanos bastante e aledouse moito da Estrela Michelín”.

Despois dun 2025 fantástico, de asentamento do restaurante e do recoñecemento da Guía Michelín, chega o encargo de ser pregoeiro na Feira do Viño de Amandi de Sober. Dinos Centeno que recibiu a proposta con moita ilusión e que para el será emocionante ter que defender os viños da zona porque é amante deles e ademais está na súa terra, en Lugo. Comenta tamén que emprega os caldos de Amandi nalgunhas elaboracións, “maridan con moitos produtos”, pero confesa que el é máis de bebelos que de usalos en cociña.
No que respecta ao pregón, sen desvelar o contido, dinos que espera dirixirse á xente con sentimento, ir máis alá da cociña, como lucense e amante dos viños. Está programado para este domingo 29 de marzo ás 13:00 h. diante da Casa do Concello de Sober.

