Homesociedade"Fracaso político de todas as Administracións implicadas", asegura a FEARS ante o...

“Fracaso político de todas as Administracións implicadas”, asegura a FEARS ante o informe negativo do ICOMOS á candidatura da Ribeira Sacra

A FEARS afirma acoller con contida satisfacción que "moitos dos argumentos remitidos á ICOMOS desde a nosa entidade foran tidos en conta, dándonos a razón ao que levamos anos denunciando a pesar da tentativa de silenciarnos cun abrumador e falso relato oficial".

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Despois de coñecerse a decisión do ICOMOS de recomendar “non inscribir a Paisaxe da Auga da Ribeira Sacra na Lista” de Patrimonio Mundial, a Fears lembra que coincide coa súa diagnose de “que se trataba dunha candidatura cociñada de costas aos moradores do territorio e por espúreos intereses caciquís”.

“A negativa do punto de vista técnico da candidatura confirma o que denunciamos sempre, que a Xunta estaba concentrando os esforzos na diplomacia e na propaganda, non estando sequera asegurado que se obteña a distinción, malia ser a única candidatura do Estado español”, aseguran.

O informe técnico negativo non é vinculante, mais é indicativo de cuestións importantes. O punto que con maior peso sustenta o informe negativo é pretender incluír os encoros como evolución natural do territorio, “Como obviar que foron intervencións a gran escala dirixidas da política industrial do Franquismo, que racharon elementos económicos tradicionais como a pesca, a viticultura das mellores terras a carón do río ou as barcas de paso”.

O informe remarca tamén outra das alertas que a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra xa ten enviado á UNESCO, “a falta de relevo xeracional que pon en risco a propia existencia da viticultura en ribeiras amuradas, principal elemento distintivo do territorio”. Aseguran desde a Federación de asociacións da Ribeira Sacra que o informe tamén coincide co seu criterio en canto a falta de protección ambiental axeitada, o alto risco de incendios sen xestión das faixas secundarias e da flora invasora – patente o verán pasado – ou a perda de biodiversidade. “Por non falarmos do abandono e descontextualización da maior parte do patrimonio. Para a Xunta e os seus concellos caciquís a inventio Ribeira Sacra consistía nunha serie de miradoiros aos que ir en coche para facerse un selfie”, aseguran.

Vivenda en ruinas na Ribeira Sacra / FEARS

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra lamenta que o proceso de candidatura non fora aproveitado para afondar no coñecemento sobre a cultura ribeirá e fomentar alternativas laborais potenciando os sectores económicos tradicionais, como xeito de manter unha paisaxe e territorio singular. “Tampouco foi serio nin real o proceso de participación cidadá, comezou tarde e foi incompleto, só para cubrir expediente, polo que a candidatura non ten respaldo social”, engaden desde Fears.

Conclúen afirmando, “A diplomacia e as relacións ao alto nivel non poden ocultar o fracaso ténico e de xestión de todas as administracións implicadas. Nin se elaborou unha candidatura con rigor científico, nin se tivo en conta a opinión da poboación nin mudaron elementos estruturais que lastran o futuro do territorio. Unha estafa aos “indíxenas” e un fracaso político que debería aclarar moito sobre como e para quen se dilapidan os recursos públicos”.

ÚLTIMAS

Chantada pon en valor as súas máis de 35 hectáreas de zonas verdes nunha nova edición de Vilas en Flor

O xurado do certame vén de visitar Chantada para coñecer os avances levados a...

Monforte recolleu 7.550 toneladas de lixo no 2025

A fracción do residuo clasificado como ‘resto’ é a de maior peso, con 6.680...

O PP de Monforte considera “un anuncio propagandístico” que Tomé comece agora a tramitación do PXOM

O PP de Monforte asegura que considera necesario o Plan Xeral de Ordenación Municipal...

Iniciativas do Xeoparque Montañas do Courel para impulsar a normalización do galego

Esta iniciativa, impulsada conxuntamente polos tres concellos que integran o Xeoparque —Ribas de Sil,...