HomeOpiniónQue é Bóveda Slam Poetry?

Que é Bóveda Slam Poetry?

Unha breve reseña para coñecer esta entidade cultural que pon en valor a poesía escénica dende o rural do Sur de Lugo.

Publicado o

POR
Xosé Casar (Piteira)
- Advertisement -

Bóveda Slam Poetry é unha organización sen ánimo de lucro inscrita na asociación de Poetry Slam España que pretende achegar a poesía escénica á xente, promovendo a participación dos veciños no desenvolvemento dos encontros poéticos. Os encontros que entran no circuíto oficial de Poetry slam España organizados por Bóveda Slam Poetry celébranse sempre dentro do concello de Bóveda e a entrada é completamente libre.

Bóveda Slam Poetry tivo a honra de participar no XIII campionato de Poetry Slam España, que se celebrou en Santander o pasado mes de outubro de 2024 e na que actuaron 32 sedes de slam, coa intervención de Galego de Caracas, pseudónimo de Simón Rodríguez Landaeta, poeta venezolano afincado en Lugo, quen se clasificara para ese acontecemento na nosa Gran Final e que deixou no campionato estatal unha importante pegada recitando en galego.

Dende o mes de marzo de 2023 pasaron por Bóveda máis de 30 poetas, participando nos distintos encontros de poesía escénica do Bóveda Slam Poetry que se organizaron até agora. Trece encontros locais e máis a organización do II POETRY SLAM GALIZA, que estivo amenizado pola música de Suso Álvarez e Valentina, profesor e alumna da escola de arte !CREATIVA, e no que interviron as e os poetas gañadores das finais das tres sedes de ‘poetry slam’ galegas (Compostela, Carral e Bóveda) da tempada pasada e do que saíu gañador Peter Brea, representando a Poetry Slam Compostela. Máis de trinta poetas que deron a coñecer as súas obras co seu particular xeito de expoñelas e que se espiron diante do público encomendándose ao seu criterio.

Peter Brea co premio do Poetry Slam Galiza. Foto cedida por Bóveda Slam Poetry.

Xa encetada a nova tempada, estamos a piques de celebrar o segundo encontro á procura da segunda poeta ou do segundo poeta que se clasificará para a Gran Final, da que sairá quen represente a Bóveda no seguinte campionato estatal de Poetry Slam España. O primeiro round tivo lugar o pasado 30 de novembro no restaurante Paco, en Rubián. Resultou gañador deste combate poético, recibindo a cunca de ouro, o poeta sarriano, José Antonio García. A cunca de prata foi para a bate bovedense, Yolanda Alcas e a de bronce para a tamén sarriana, Meryjanefunk.

Dende a organización agradecemos o interese e o apoio que tódolos participantes nos deron e nos dan, e ao público, que participa directamente no desenvolvemento do concurso poético e que é unha parte indispensable do mesmo. O ‘poetry slam’ ten coma unha das bases principais e inamovíbeis a participación do público coma xuíz do encontro. Algunhas persoas son en principio reticentes a participar por mor de verse incapaces de xulgar as intervencións dos bates, xa que din carecer dos coñecementos precisos para iso, mais eu sempre poño o exemplo de xulgar a interpretación dos músicos nun concerto, todos somos capaces de dicir que artista nos gustou máis sen ter que saber música para poder facelo. O xuízo da interpretación do poeta no slam faise do mesmo xeito, non é preciso ser entendido en poesía.  Queremos agradecer tamén o respaldo que nos deron os veciños de Ribas Pequenas, que puxeron á nosa disposición a casa da antiga escola para celebrar os nosos eventos e na que tivo lugar a nosa primeira Gran Final, así coma o do Concello de Bóveda, da libraría Pelayo de Monforte, do restaurante Arume de Rubián e do restaurante Paco, tamén en Rubián, no que se levan a cabo a maior parte dos encontros poéticos.

VINDEIRO SLAM EN BÓVEDA

Será o 25 de xaneiro ás 20:00 h. no Restaurante Paco de Rubián. Para participar hai que levar 3 poemas propios para recitar e que o público asistente emita as súas valoracións.

Para inscribirse: bovedaslampoetry@gmail.com

Organiza: Bóveda Slam Poetry – KulturN’aldea; e colaboran Pulpería Paco, Librería Pelayo e Concello de Bóveda.

ÚLTIMAS

O 27 de abril celebrarase a XV Carreira Popular de Monforte de Lemos

O Concello de Monforte celebrará a Carreira Popular do ano 2025, o domingo, 27...

O historiador e intelectual Xosé Estévez Rodríguez candidato a “Fillo Predilecto de Quiroga”

A Xunta de Goberno Local do Concello de Quiroga aprobou co remate do ano,...

Ampla programación da Furgoteca para este mes de xaneiro

Ao abeiro deste servizo de Furgoteca a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organiza...

‘Fresca noite’, primeiro premio do concurso fotográfico de Nadal de Segredos de Pantón

O colectivo Segredos de Pantón vén de facer público hai uns días o resultado...