Luis Manuel Ibáñez é un historiador asturiano que ten raíces en Bóveda. Estudou o Grao de Historia na Universidade de Oviedo, ten un Máster de Estudos Medievais pola Universidade de Santiago de Compostela e conta tamén como dato curricular importante que fixo unha estadía predoutoral na Universidade de Poitiers, en Francia.
A súa tese de doutoramento versou sobre a organización territorial de toda a comarca de Lemos. O traballo levou por título: “La villa de Monforte y la tierra de Lemos en la Edad Media”. Dende hai 9 anos vive en Santiago, foi bolseiro predoutoral do Ministerio (FPU) e na actualidade o seu obxeto de estudo é o conxunto da Diócese de Lugo na Idade Media.
O colectivo Segredos de Pantón entrevistouno para coñecer máis ao detalle a organización territorial do Concello de Pantón.
Para comezar, cales serían as xurisdicións máis destacadas na historia do noso concello?
No territorio do actual concello de Pantón destacan dúas realidades xurisdicionais marcadamente diferentes. Por unha banda unha serie de coutos monásticos orixinados nos séculos X-XI en torno os cenobios de Atán, Pombeiro e Eiré, máis as parroquias de Frontón (de Ribas de Sil) e Vilar de Ortelle (de Celanova, do mosteiro de A Nova (Lugo) e da mitra). O mosteiro de Ferreira tivo un couto formado por Ferreira, Deade, Siós e Vilamelle, pero non parece ter continuidade.
Por outra banda, temos o resto do concello enmarcado dende os séculos XII-XIII na xurisdición do Val de Ferreira, inicialmente de reguengo pero que pasa a formar parte dos dominios do conde de Lemos na segunda metade do século XIV, trala guerra civil entre Pedro I e Enrique II. A particularidade deste espazo é que está desgarrado por un alto número de coutos xurisdicionais en mans de particulares que van aparecendo na documentación nos séculos XIV e XV (Pantón, Moreda, Tuiriz, Castillóns, Siós, Vilamelle…). Algúns poden ser unha herdanza das posesións da Orde do Temple, que tivo unha bailía en San Pedro de Canaval (Sober), pero para a maioría descoñecemos a orixe.
Sabemos que no noso concello houbo un couto denominado de Pantón. Que zona xeográfica ocupaba e que duración tivo? Foi a primeira vez en empregarse Pantón para un territorio?
O couto de Pantón remite indefectiblemente á parroquia de San Martiño de Pantón, que é o primeiro territorio en levar o topónimo. Témola testemuñada na documentación dende o ano 1091, pero seguramente o nome sexa moi anterior. A priori o uso do topónimo podería indicar que a parroquia de Pantón era o núcleo central destes coutos, pero o uso sempre do plural pode sinalar tamén que cada parroquia era un couto independente e quizais Pantón fora simplemente o primeiro en constituírse.
“O couto de Pantón remite indefectiblemente á parroquia de San Martiño de Pantón, que é o primeiro territorio en levar o topónimo”
A referencia os coutos non aparece ata o ano 1399. Para entón as fórmulas notariais amosan un certo cambio. Vimos dun século XIV no que había notarios que exercían en nome condal no Val de Ferreira e os diferentes coutos que nel había. No XV o que atopamos é un notario específico que actúa en nome dun señor laico local, Pedro Díaz de Cadórniga, nestes coutos de Pantón. Afortunadamente, o cambio queda máis ou menos explicado nun preito que se conserva no Arquivo Ducal de Alba, en Madrid, e que tivo lugar no século XVI. Sabemos que estes coutos foron separados do patrimonio condal por Pedro Enríquez de Castilla, conde de Lemos que morreu no 1400, seguramente para entregarllos a este señor local. No 1475 os Reis Católicos concedéronllos de volta ó conde. Grazas ós notarios sabemos que entre estes coutos contábanse as parroquias de Pantón e Toldaos, e grazas ó preito, que tamén formaban parte deles os de Siós e Vilamelle (e Vilaescura e Canaval). Estes últimos sabemos que chegaron ós condes trala disolución da Orde do Temple, descoñecemos como chegou o propio couto de San Martiño de Pantón. En calquera caso, o conde Pedro parece ter usado eses coutos recibidos no XIV para premiar algún servizo persoal de Díaz de Cadórniga.
Tralo preito, os coutos integraranse no mordado do conde de Lemos e a partir de aí, debeuse producir unha reestruturación xurisdicional, rematando por facer parte da xurisdición de Moreda no XVIII.
Se atendemos á cartografía dende a Idade Media ata a Idade Moderna vemos que o noso municipio é un pouco caótico en canto a ordenación. A que se debe?
As motivacións das cousas son sempre o máis difícil de establecer. Indubidablemente en parte está vinculado á importante presenza de ordes relixiosas no territorio, tanto dos mosteiros locais como Eiré e Ferreira, coma dos foráneos coma Celanova, que tivo presenza en Ribeiras de Miño e Vilar de Ortelle, e no eixo formado por Moreda-Tor-Tuiriz dende a Alta Idade Media (aínda que a existencia de coutos xurisdicionais deste cenobio en Pantón soamente é segura para o lugar de Porcis). Tamén a Orde do Temple, cuxos bens pasan ó conde Pedro Fernández de Castro no século XIV.
Pero tamén hai un importante compoñente laico que resulta menos coñecido. Hai unha pluralidade de coutos en mans de pequenos señores e non coñecemos a súa eventual orixe. Algúns parecen ter un enlace directo cos condes de Lemos, sendo usados como un premio que dar os seus achegados, quizais tamén como dote ou agasallo familiar, pero a tónica xeral é a ausencia de datos.
“Hai unha pluralidade de coutos en mans de pequenos señores e non coñecemos a súa eventual orixe”
O termo municipal de Pantón ten algún antecesor histórico?
Si. O actual concello de Pantón ten neste senso unha particularidade con respecto ós municipios veciños: tanto a xurisdición civil como eclesiástica medieval que máis se lle parece é o resultado dunha reforma do século XIII: a circunscrición e arciprestado do Val de Ferreira. A nivel eclesiástico sabemos que é unha innovación deste século porque no XII, perante as disputas entre a diocese de Lugo e a de Ourense, o Papa Alexandre III sinala o porto de Pombeiro coma a fronteira entre os arciprestados de Lemos (Monforte) e Saviñao. Sen embargo, a partir de mediados do século XIII a documentación diocesana comeza a falar dunha administración e dun arciprestado no Val de Ferreira. A miña hipótese é que sería o resultado dun acordo entre o bispo Miguel e o abade de Monforte, que foi sucintamente recollido no XIX, e do que hai referencias indirectas nun preito do século XVIII conservado en Madrid, polo que o abade cedía parte da xurisdición eclesiástica que tiña sobre varias parroquias de Lemos. Na miña opinión, esas parroquias ou parte delas, darían orixe ó arciprestado de Val de Ferreira. Iso tamén explicaría o porqué este pertencía o arcediagado de Sarria e non o de Monforte (como os de Saviñao e Brosmos-Sober), porque non sería lóxico quitarlle varias parroquias ó abade, para devolverllas nalgún grado a través do arcediagado.
Canto a parte civil, xa no século XII, nun documento de Samos, fálase do “Val de Eyree”, que pode ser un pequeno adianto da circunscrición. Con todo, é de xeito simultáneo á aparición do arciprestado que observamos as primeiras referencias á demarcación civil de Val de Ferreira. Esta non cubriría a totalidade do concello, primeiro porque non incluiría os coutos monásticos das ribeiras (si o arciprestado), e segundo porque as fronteiras co termo actual de Monforte non son exactas.
Na idade moderna unha das xurisdicións máis importantes é a de Moreda, pero de onde procede? Tiña algunha cabeceira e tiña poderes reais sobre o seu territorio?
Realmente non podo dar unha resposta exacta á orixe da xurisdición de Moreda. Na Idade Media existe o couto de Moreda, pero todo indica que sumaba apenas as dúas parroquias que levan ese nome. A miña suposición é que tralo preito do XVI polos coutos de Pantón, o conde reestruturou a zona e fusionou a pluralidade xurisdicional nunha demarcación centralizada en Moreda, pero é algo que cae fora do meu marco cronolóxico de estudo.
A súa cabeceira como o nome indica estaría en Moreda, descoñezo se en San Salvador ou en San Romao. Seguramente habería un lugar onde un xuíz en nome do conde atendería as disputas básicas dos veciños da xurisdición un día por semana, ou en determinados momentos do mes. Unha descrición dos Estados de Lemos, conservada tamén no Arquivo Ducal de Alba, dinos que no século XVIII Moreda carecía de cárcere propio por ser pedánea de Monforte (é dicir, que os acusados serían levados a Monforte). Este documento dinos tamén que as 24 parroquias que integraban o distrito acollían un total de 900 veciños, 700 do terceiro estamento e 200 nobres.
Coma investigador destacaría algo da ordenación pantonesa do territorio?
Coido que cómpre destacar o papel que as circunscricións rurais de Lemos xogaron no conxunto da terra e do condado. Do mesmo xeito que o bispo Miguel usou os novos arciprestados de Val de Ferreira e Santalla de Rei para limitar o control do abade de Monforte, o rei Alfonso XI empregou estas xurisdicións para limitar o poder dos primeiros condes. Cando lle dá a vila de Monforte, o seu termo e os Verosmos (grosso modo o actual concello de Sober) en 1333-1336 a Pedro Fernández de Castro, garda no reguengo o resto da terra, incluído o Val de Ferreira, que non se integra nos estados condais ata uns 30 anos despois. O mesmo poderíamos dicir desa multiplicación de coutos posterior a esta data. Aínda que moitos detalles nunca poidamos entendelos completamente, é evidente que o conde está a usar este espazo para premiar e crear afectos. En suma, ata as máis pequenas parroquias rurais xogaron un papel importante na construción de Lemos e na súa importancia no reino.
“… tanto as particularidades de cada concello coma a suma global da terra de Lemos teñen, no substantivo, moito de medieval”
Por outro lado, e aínda non sendo Pantón o exemplo máis evidente, a estrutura interna da terra de Lemos, que nalgúns casos podemos retrotraer a antes do ano 1.000, prefigura en moitos casos (e con moitos e necesarios matices) a estrutura municipal posterior. Neste sentido, tanto as particularidades de cada concello coma a suma global da Terra de Lemos teñen, no substantivo, moito de medieval.