InicioTerra de LemosA Pobra do BrollónA Pobra do Brollón destina máis de 1600 € en premios para...

A Pobra do Brollón destina máis de 1600 € en premios para o Desfile de Entroido

Será o sábado 10 de febreiro ás 17:00 h. e o derradeiro día para anotarse o día 8. As categorías a concurso son: individual ou grupo pequeno, comparsa de 5 a 15 persoas, comparsa de máis de 15 persoas e carrozas. Este domingo 4 de febreiro haberá un “Obradoiro de Entroideiro/a” para a cativada.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Pobra do Brollón, ademais de recuperar a tradición do Xoves de Compadres e de Comadres, prepárase para un dos seus días grandes, o Desfile de Entroido. Será o día 10 de febreiro, e como anticipo a outra gran data, o luns 12, no que o protagonista será o Óso de Salcedo.

Ese día, a principal rúa do concello acollerá a ruada, con saída ás 17:00 h. dende o cruce da estrada de Saa e remate na Área Recreativa (en caso de mal tempo, na Casa da Cultura), lugar onde se entregarán os premios.

O Equipo de Goberno dispón para esta ocasión 1.555 € en premios directos para os primeiros clasificados, distinguindo participantes do concello de participantes forasteiros. Respecto aos da casa, recibirán premio os tres mellores en categoría de carrozas, comparsas grandes (+15 persoas) e comparsas pequenas (de 5 a 14 persoas), e os 5 primeiros en categoría de disfrace individual ou grupo ata 4 persoas. Para os de fóra establécense 3 premios para as mellores carrozas e comparsas de máis de 15 persoas e agrupacións de 5 a 14. A maiores destas asignacións todas as carrozas e comparsas de máis de 15 membros/as recibirán unha gratificación de 40 e 20 € respectivamente polo mero feito de participar.

INFORMACIÓN PARA INSCRIBIRSE

  • Para participar hai que apuntarse antes das 13:30 horas do día 8 de febreiro na Biblioteca municipal (Casa da Cultura ‘Olga Novo’ – 982 430 546) ou no teléfono 650 624 828 (preferentemente por WhatsApp).
  • Cada unha das carrozas e comparsas de máis de 15 persoas poderá nomear un representante para formar parte do xurado cualificador.
  • Todas as carrozas inscritas levarán un mínimo de 40€ sen prexuízo do premio que acaden. 
  • Todas as comparsas de 15 ou máis persoas levarán un mínimo de 20€ sen prexuízo do premio que acaden.
  • Os dorsais serán recollidos na Casa do Concello entre as 16:00 e 16:40 h.
  • Os disfraces, comparsas e carrozas deberán estar no cruce da estrada de Saa cun mínimo de 20 minutos de antelación á hora de saída.
CATEGORÍAS A CONCURSO

Individuais/grupo pequeno: Será formado por un máximo de 4 persoas e poderá ser individual.

Comparsas 5–14 persoas: Disfrace cun fío temático que inclúa entre cinco e 14 persoas.

Comparsas +15 persoas: Disfrace cun fío temático que inclúa máis de 15 persoas.

Carrozas: Entenderanse como carrozas aqueles vehículos “caracterizados” que constitúan un disfrace en si mesmos ou sexan parte fundamental da temática dun disfrace das outras categorías. Un disfrace que constitúa unicamente xente dentro dun vehículo será considerado carroza. Un disfrace que constitúa xente nun vehículo e xente fóra do vehículo poderá concorrer como carroza e noutra categoría que lle corresponda por número de participantes. Aqueles vehículos que acompañen unha comparsa pero non vaian caracterizados nin formen parte esencial da temática do disfrace non serán considerados carroza. No caso de que un disfrace concorra como carroza e outra categoría, o xurado valorará independentemente o vehículo e os disfraces das persoas fóra do vehículo.

O xurado estará composto por un representante do equipo de Goberno, un empregado municipal e os representantes de comparsas de máis de 15 persoas.

OBRADOIRO ENTROIDEIRO/A

Dentro da programación de Entroido do concello inclúese este ano un orixinal “Obradoiro Entroideiro/a” dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos.

Será este domingo 4 de febreiro ás 17:00 na Casa da Cultura ‘Olga Novo’, cunha duración aproximada de 2 horas e media. As e os participantes elaborarán as tradicionais comadres e compadres, caretos, mecos, etc. e novos elementos que xurdan no obradoiro. 

“Neste taller artístico, debullaremos xogando, construíndo e divertíndonos arredor da tradición do Entroido, mais tamén descubrindo novos conceptos vinculados á igualdade e o bo trato”, comentan dende a Área de Cultura.

ÚLTIMAS

29.469€ para a rehabilitación do lavadoiro de Hospital no Incio

Esta actuación busca a integración dos elementos que conforman o patrimonio etnográfico, neste caso...

Bolsas de tea con motivos feministas

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta...

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...