Hospital de Monforte, 35 anos traballando pola saúde do sur de Lugo

O Alcalde de Monforte, José Tomé, e a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada estiveron presentes nos actos conmemorativos. O rexedor centrou o seu discurso no labor encomiable de todo o persoal.

Acto de celebración do 35 aniversario do Hospital Comarcal de Monforte. Foto: Prensa Monf.

Este 23 de xuño tivo lugar a celebración do 35 aniversario do Hospital Comarcal de Monforte. No acto, ademais do rexedor e a 1ª Tenente de Alcalde monfortinos, tamén participaron o Conselleiro de Sanidade, Julio García; o xerente do Sergas, José Flores; o Xerente da Área Sanitaria de Lugo, a Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares; a Directora do Distrito Sanitario de Monforte de Lemos, María Inmaculata Ramos; e persoal do Hospital.

Do discurso do Alcalde, José Tomé, cómpre salientar o agradecemento que lles trasladou ás traballadoras e aos traballadores: “A homenaxe de hoxe necesariamente é para as persoas que forman parte deste Hospital: médicos, enfermería, celadores, administrativos, persoal de limpeza, de seguridade, de cociña, de lavandería, de mantemento…, en definitiva, un equipo humano sen o cal este Hospital non alcanzaría hoxe os 35 anos de idade”.

35 ANOS DE SERVIZO MÉDICO Á POBOACIÓN DO SUR DE LUGO

O rexedor monfortino salientou, facendo unha mirada retrospectiva, que “o Hospital de Monforte, dende o ano 1986 cando botou a andar, é unha peza clave na nosa cidade, artífice da saúde dos nosos veciños e veciñas, e non só do Concello de Monforte, senón tamén dos veciños e veciñas de todos os concellos que conforman a comarca de Lemos e da Ribeira Sacra”.

Ademais de facer extensiva a homenaxe de todos os monfortinos e as monfortinas ao labor que desenvolve a diario todo o persoal que conforma o Hospital Comarcal, lembrou tamén que “levan  máis dun ano loitando en primeira liña contra a pandemia da Covid-19, salvando vidas e arriscando as súas propias vidas”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here