HomeTerra de LemosSoberUnha nova vida para Donelle, a aldea de Sober mercada pola cooperativa...

Unha nova vida para Donelle, a aldea de Sober mercada pola cooperativa Ecooo

Este núcleo rural abandoado na parroquia de Gundivós formará parte do proxecto ‘Guardabosques’, unha iniciativa de preservación ambiental, formación e transformación que impulsa a cooperativa e enxeñería madrileña.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A Donelle, unha aldea deshabitada do Concello de Sober dende hai varias décadas, preséntaselle agora un futuro prometedor grazas á cooperativa Ecooo e ás xestións do coordinador do proxecto “Guardabosques” en Galicia, José Vicente Barcia.

A cooperativa Ecooo promove as enerxías renovables e o autoabastecemento enerxético impulsando tamén proxectos de preservación ambiental. En relación a esta última actividade enmárcase o proxecto “Guardabosques” no que Donelle será protagonista porque as construcións en ruínas actuais –unha casa grande e dúas palleiras– pasarán a converterse nun “espazo de encontro e transformación”, así como tamén nun “espazo de experimentación intelectual e física, un lugar de encontro, de cooperación e un refuxio climático”.

a Ribeira Sacra en xeral, e Sober en particular, destacan “pola súa calidade de vida, pola tranquilidade e a forma de ben vivir da xente”

José Vicente, un galego-madrileño que dende hai un ano estableceu Amandi como o seu ‘campo base’, xustifica terlle botado o ollo a este lugar porque a Ribeira Sacra en xeral, e Sober en particular, destacan “pola súa calidade de vida, pola tranquilidade e a forma de ben vivir da xente”.

Así mesmo, explica que “mercamos esta aldea e imos rehabilitala para que sexa un espazo de formación con aloxamento rural”. Neste proxecto de preservación, insiste en que non só se trata dunha preservación ambiental, senon que vai máis alá, “trátase de preservar a memoria da familia que habitaba a propiedade, conservar a tradición construtiva do lugar e aumentar a masa forestal da contorna coa adquisición de prados en desuso”. O proxecto, segundo puidemos ver na web, inclúe tamén baños de bosque, actividades de turismo de chuvia e cursos.

Calcúlase que as obras de rehabilitación comezarán no 2025 pero segundo nos indica José Vicente Barcia, nesta primavera comezarán xa actividades relacionadas co proxecto que se desenvolverán na Casa Grande de Rosende. Realizaranse varios cursos impartidos pola antropóloga Yayo Herrero, o filósofo Amador Fernández-Sabater, o naturista Joaquín Araújo e o actor e humorista Pepe Viyuela. Os temas a tratar serán, respectivamente, ‘Horizontes de utopía alcanzables’ (maio), ‘Cuerpo, tiempo y deseo: pensar contra el capitalismo libidinal’ (xuño), ‘La decente docencia de los bosques’ (maio), e ‘El humor en el tiempo de los mounstruos’ (xuño).

INVESTIMENTO EN GUARDABOSQUES

O proxecto financiarase, no principal, con fondos da cooperativa Ecooo, pero tamén se pode participar a través de micromecenazgo. O investimento mínimo dos colaboradores será de mil euros. A cooperativa ofrecerá como recompensan descontos en aloxamento e xuros variables sobre o investimento e segundo a facturación do proxecto.

PRESENTACIÓN DO PROXECTO EN MADRID

Barcia, que se despide de nós porque o vai chamar da SER Carles Francino, dinos que este sábado será a presentación do proxecto en Madrid, presentación á que acudirá o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e tamén a familia propietaria de Donelle. “Familia moi interesada dende o noso ofrecemento de compra, non só polo económico se non tamén polo proxecto de conservación que lle presentamos”, di o noso interloutor.

ÚLTIMAS

Sacrapastas recibe o selo de Galicia Calidade para os seus produtos

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a xerente de Galicia...

O BNG inicia unha campaña de reivindicación do arranxo integral da N-540

O BNG inicia unha campaña de denuncia e reivindicación permanente do arranxo integral da...

A XXI Feira Medieval de Monforte presenta cartel e vídeo promocional

Monforte presenta a campaña promocional da vinteunha edición da Feira Medieval de Monforte, que...

Quiroga acolle o 5 e 6 de abril unhas xornadas formativas para para pilotos de parapente

Os vindeiros 5 e 6 de abril, a localidade de Quiroga converterase no epicentro...