InicioOpiniónOPINIÓN:"...Non serás deses ecoloxistas"

OPINIÓN:”…Non serás deses ecoloxistas”

Unha reflexión sobre o uso da palabra “ecoloxista” como insulto e por que en moitas ocasións o ultraconservacionismo, e atacar o comportamento e a actuación da xente nas aldeas, crean unha reacción en contra dos plans de conservación.

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Moita xente no Courel e Galicia usa como insulto e cualificativo despectivo a palabra “ecoloxista”, “non serás deses ecoloxistas” me teñen dito a min, ou “ese é un ecoloxista” cando se trata de falar mal de alguén. Eu persoalmente considérome  ecoloxista e defensor da natureza pero tamén reflexiono sobre o porqué do uso de “ecoloxista” como insulto, e o porqué de que en moitas ocasións o ultraconservacionismo, e atacar o comportamento e a actuación da xente nas aldeas, crean unha reacción en contra dos plans de conservación.

Non saber explicar, non saber dar alternativas, e sobre todo non saber pórse na pel da xente que vive no medio rural que son os que pagan as consecuencias dos plans  pero que  raramente reciben  recompensa ou algo a cambio. O comportamento da propia administración, condescendente coas grandes empresas (minería, eólicos, eléctricas) e castigadora cando se trata de empapelar ao paisaniño que vai cortar un carballo como se levou facendo toda a vida na aldea para quentarse no inverno crea unha sensación de indefensión á que cómpre dar solución. Dende as entidades conservacionistas e dende os que pensamos que a natureza ten que ser coidada e respectada ás veces actuamos cunha prepotencia e superioridade que non axuda en nada a cambiar a forma de pensar da xente do rural. Ás veces, querendo facer ben estamos logrando o efecto contrario e poñendo a xente á defensiva e en oposición aos plans de conservación. A falla de información, a pouca ou nula negociación, o prohibir actuacións pero sen dar alternativas, a burocracia infinita e que sempre teñan que pagar os mesmos nunca foi boa cousa.

“Dende as entidades conservacionistas e dende os que pensamos que a natureza ten que ser coidada e respectada ás veces actuamos cunha prepotencia e superioridade que non axuda en nada a cambiar a forma de pensar da xente do rural”.

Pero vaiamos ao que interesa. Hai poucos meses que xurdiu unha iniciativa dende a dirección do Xeoparque das Montañas do Courel dirixida a acadar unha subvención para obter fondos cara a elaboración dun plan de turismo sostible para o noso territorio que contaría cun fondo que roldaba os tres millóns de euros. Con estes cartos pretendíase elaborar un plan turístico orientado a protección do medio, un turismo de calidade e respectuoso coa natureza, recuperación de sendeiros e sinalización de roteiros, diversos  puntos de interese e outras melloras que virían a paliar moitas necesidades que temos nestes intres. Cómpre limpar roteiros, renovar cartelería obsoleta, eliminar puntos e verteduras incontrolados, elaborar un plan que regule o turismo activo e o faga compatible coa conservación, regular prácticas deportivas, eliminación de especies invasoras, recuperación do patrimonio etnográfico e arqueolóxico, creación de puntos de información, apoio ás empresas e ás casas de turismo rural… Estes cartos, que proviñan da Secretaría de Estado para o turismo, tiñan como obxectivo promover un turismo ambientalmente, culturalmente e socialmente sostible. Como era de esperar, dende todo o estado xurdiron solicitudes á espera da resolución por parte do ministerio e no noso Xeoparque coido que con todo merecemento presentou unha candidatura realmente sostible e atractiva para un territorio falto de recursos. Só quedaba agardar a resolución da solicitude en xusta competencia co resto  dos outros puntos do estado como grandes parques naturais, reservas da biosfera e moitísimos lugares de gran valor natural, entre eles a nosa Ribeira Sacra.

A Lagoa de Lucenza. Foto: Marga M.

Ata aquí todo marchaba correctamente, todos de acordo e confiando na nosa potencialidade, pero non contabamos que se ía torpedear a  iniciativa dende aqueles que din defender o medio natural. Mira ti que a Sociedade Galega de Historia Natural saca da manga un aterrador comunicado poñendo a parir o plan e a solicitude de cartos dicindo que de sustentabilidade nada e que o turismo pouco máis que é unha peste no noso Xeoparque e debería ser erradicado como se fose unha praga bíblica. Pero máis aínda cando nin se molestaron en ler o contido do plan nin poñerse en contacto coas persoas co elaboraron e, como din no comunicado, que se decataron pola prensa. Digo eu que pouco lles custaba contactar coa xente do Xeoparque para informarse e opinar antes de atacar un proxecto que coido foi redactado con toda a boa fe do mundo. Por varias causas, que non imos mencionar, o territorio do Xeoparque quedou fóra destes plans de sustentabilidade pero a esta xente non lles oín dicir nada dos outros aprobados en Somiedo, Picos de Europa, Cabañeros, Riaño, Val de Arán e os outros 20 que se quedan no tinteiro (moitos dos cales son parque naturais).

“Persoalmente creo que hai xente que pensa que do Courel só poden gozar eles e os seus amigos, todo o resto do mundo sobra, que o pobo corrente está formado por patáns que non teñen dereito a gozar da natureza”.

O devandito plan si que foi aprobado para a Ribeira Sacra (tampouco lles oín dicir nada) da que forman parte dous concellos do Xeoparque que son Quiroga (co val da Seara, Lagoa da Lucenza, Formigueiros, Vieiros e o Val do Selmo incluídos) e Ribas de Sil quedando fóra todo o territorio Concello do Courel co cal dous concellos van recibir pasta e outro non. Pero resulta máis sorprendente que xente da propia zona estea de acordo co comunicado emitido pola SGHN (xa non abonda que mexen por riba dun senón que algún abre ben a boca). Persoalmente creo que hai xente que pensa que do Courel só poden gozar eles e os seus amigos, todo o resto do mundo sobra, que o pobo corrente está formado por patáns que non teñen dereito a gozar da natureza. Moitísima xente dos que simpatizamos coas ideas da SGNH quedamos realmente abraiados, sorprendidos e cabreados por un comunicado que ataca o traballo de moitos anos e de moita xente que se dedicou a COIDAR, DIFUNDIR, PROTEXER, PÓR EN VALOR, QUERER E TENTAR VIVIR nun territorio abandonado por tódalas administracións.

Outra vez será!

ÚLTIMAS

Arrinca o Val de Quiroga de Tapas

O concurso desenvolverase ata o martes 26 de marzo. A tapa que cada establecemento...

Eduardo Iglesias na Graduación do alumnado de ciclos formativos do IES A Pinguela 2022/24

Acompañados pola actuación musical de Eva, Nuria e Julia, alumnas de 2º de Bacharelato,...

I Work Ribeira Sacra Chantada

Tratábase da I edición do Work Ribeira Sacra, primeiro evento networking que se realiza...

Restauración da imaxe da Virxe dos Remedios da Ermida, en Quiroga

A imaxe da Virxe dos Remedios da Ermida está a sufrir unha importante restauración...