HomeCulturaA II edición do Festival do viño da Ribeira Sacra xa está...

A II edición do Festival do viño da Ribeira Sacra xa está aquí

A edición deste ano do Festival do Viño da Ribeira Sacra volverase celebrar no Paseo do Malecón de Monforte, participarán 25 adegueiros e haberá novidades con respecto ao ano pasado. Falamos con José Manuel Rodríguez, Presidente do Consello Regulador.

Publicado o

- Advertisement -

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra está composta por 5 subzonas: Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeira do Miño e Ribeiras do Sil. Actualmente consta de 2.500 hectáreas de viñedos, o que se traduce nun 5.2% do chan adicado a estes caldos en Galicia.

No ano 1996 a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes de Galicia, nomeou un Consello Regulador que controlase e protexese os distintos tipos de viño autorizado e garantise a súa calidade, encargándose así mesmo da súa promoción. As variedades autorizadas baixo a súa nomenclatura son Albariño, Loureira, Treixadura, Godello, Dona Branca e Torrontés como variedade branca. Os tintos preferentes son o Mencía, Brancellao, Merenzao, Tempranillo, Sousón e Caiño Tinto e finalmente, como tintos autorizados hai a Garnacha, Tintorera e Mouratón.

O actual presidente da D.O. Ribeira Sacra é José Manuel Rodríguez  que naceu nos anos 50 en Sober. Nado entre cepas e viñas, a súa vida transcorreu como a de moitos veciños desa zona, traballando e intentando vivir do viño. El, xunto con amigos, decidiron apostar pola produción das súas viñas. Pouco a pouco, e non sen esforzo, traballaron a reo ata acadar o que hoxe se coñece mundialmente como os viños da Ribeira Sacra.

Como naceu a Denominación de Orixe?

Eramos novos. Uns amigos e eu decidimos que debiamos de diferenciar a nosa produción e o noso traballo. O que tiñamos era moi bo pero necesitabamos que o mundo o coñecese para poder vivir del. Así, día tras día, e logo de moitas voltas e traballo, conseguimos que no ano 1996 a Xunta de Galicia nos declarase Denominación de Orixe. Sempre tivemos unha forte confianza no que tiñamos. Non podíamos deixar pasar a oportunidade de amosarlle ó mundo o que elaborabamos e faciamos. A ilusión é o motor do mundo, e nós diso estabamos moi cargados.

Como foron os comezos?

Moi duros. Tiñamos moitas cousas que facer, pois pouco había. Os nosos viños non eran moi coñecidos e polo tanto non se exportaba produción a nivel mundial como facemos agora mesmo. Pero repito, eramos conscientes de que todo o esforzo que estabamos facendo.

Pesa o cargo de presidir un organismo como é a Denominación de Orixe Ribeira Sacra?

Non. Eu fun elixido como presidente no momento da súa formación. Os que comezamos o proxecto decidiron que eu debía levar as rendas, e actualmente aínda o fago. Si é certo que é un cargo de gran responsabilidade, pero ver que os obxectivos cos que comezamos foron altamente acadados fai que cada día teña máis ilusión polo traballo que fago.

Como considera a valoración dos nosos caldos fóra das fronteiras?

Temos unha consideración enorme. Ó mundo enteiro gústalle o que elaboramos. Cada ano exportamos máis e máis litros de viño e o noso propósito e seguir medrando. Os bodegueiros da zona están facendo un traballo intachable. O nivel ó que elaboran os seus caldos é magnífico. Enólogos altamente cualificados traballan constantemente ó lado dos produtores para que ningún detalle quede sen atender.

Como se presenta a II Edición do Festival do viño da Ribeira Sacra?

Moi optimista. O ano pasado tivemos que facer coincidir o festival do viño coas festas do barrio da Estación porque logo celebrabamos eleccións e non sabiamos o que ía suceder. Pero este ano como xa non temos esa situación, contamos ter moitas máis afluencia de xente que poida vir ó Paseo do Malecón.

Que valoración fai da pasada edición?

Éxito rotundo. Repito, houbo público que non puido asistir por ser as festas do Carmen na Estación e iso tamén se notou pero non podemos dicir nada da afluencia de visitantes, tanto locais, como doutros puntos como de turistas.

Que novidades vai haber este ano?

(Risas) Unhas cantas. Vai haber 25 postos de adegas igual que o ano pasado pero imos ampliar o número de postos de gastronomía. Outras novidades non as podo adiantar aínda.

Que opina sobre as críticas vertidas sobre que o cartel anunciador do festival estea escrito en castelán?

Nós fixemos o cartel en castelán pensando nos turistas. Xullo é un mes onde hai moita xente non galega en Monforte. O que pretendemos é alcanzar o máximo de público posible. Igualmente o nome do festival está en galego. Os galegos somos españois e tamén falamos castelán. Ó igual que tamén temos a nosa páxina web en castelán. A nosa única pretensión é que nos entendan no mundo enteiro.

Traballamos a nivel mundial e seguiremos facendo as cousas no idioma que nós consideremos que ten maior proxección, nada máis. Se para obter máis beneficio temos que anunciarnos en castelán, non entendo cal é o problema. Eu son galego falante pero tamén entendo, falo e escribo a lingua na que se escribiu o Quixote.

O Festival do Viño da Ribeira Sacra será os días 6, 7 e 8 deste mes. Ademais da degustación dos caldos das 25 adegas haberá viño rutas, actuacións musicais, obradoiros infantís e postos de artesanía da zona. Organizan o evento o Consello Regulador da Ribeira Sacra e o Concello de Monforte de Lemos.

 

ÚLTIMAS

Queres ser paxe na Cabalgata dos Reis Magos de Chantada?

As prazas para participar son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os pais...

O PP de Monforte celebra o investimento anunciado para a rede de abastecemento e espera que “non quede en papel mollado”

Os populares aseguran que “temos claro que o alcalde se moveu grazas á nosa...

Primeira fin de semana do ‘Mercado de Nadal’ de Monforte

Este sábado 21 de decembro abrirá as súas portas o Mercado de Nadal do...

21 de decembro de Petiscos de Nadal en Taboada

A ACIMTA, Asociación de Comerciantes e Industriais do Concello de Taboada vén desenvolvendo no...