InicioCulturaAs bágoas de San Lourenzo no castro de Cereixa con música en...

As bágoas de San Lourenzo no castro de Cereixa con música en directo

O Castro de San Lourenzo na Pobra do Brollón celebra a súa festa nunha edición especial con Laura LaMontagne e PicoAmperio. A cita o 10 de agosto con entradas limitadas xa á venda.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O luns 10 de agosto, Día de San Lourenzo, a Asociación veciñal ‘María Castaña’ de Cereixa en colaboración co Concello da Pobra do Brollón, celebra a festa de San Lourenzo dun xeito especial e adaptado ás circunstancias sanitarias.

A festa vénse celebrando dende hai cinco anos en formato romaría, cando no 2016 se recuperou a tradición de levar cada 10 de agosto a imaxe do San Lourenzo dende a igrexa de Cereixa ata o castro. A recuperación desta tradición lévase a cabo no marco do proxecto de arqueoloxía en comunidade no castro, grazas ao cal descubriuse unha edificación romana vinculada ao pasado mineiro da zona, así como os restos dunha igrexa e necrópole medievais, onde actualmente céntranse os traballos arqueolóxicos.

Precisamente as ruínas medievais serán o orixinal escenario do concerto de Laura LaMontagne e PicoAmperio, o evento central da edición 2020 da festa, que será un formato reducido no tempo e con entradas limitadas

A festa comezará a partir das 19.00 h. cun paseo guiado dende o centro de Cereixa ata o Castro, seguindo o percorrido que noutros anos fixo a procesión da romaría. Unha vez no castro comezará o concerto de Laura LaMontagne e PicoAmperio. O emprazamento da actuación, no sector medieval da croa do castro, é idóneo para a aventura musical e sensacional que provoca no público a mestura de hip hop, abstracción ambiental, folcore medieval e sensibilidade india que contén a música do dúo lucense.

O serán rematará sobre a medianoite cunha observación astronómica a cargo dun experto da Asociación de Astronomía de Ourense

Venda de entradas

As entradas para asistir custan 20 euros, que se destinan integramente a cubrir os gastos do evento. O prezo inclúe un bolo preñado ou vegano, e unha pulseira a modo de entrada mais tamén de recordo desta edición tan especial.

Dende a organización piden a colaboración dos asistentes traendo unha cadeira ou hamaca, que os organizadores colocarán a modo de asentos para o concerto. Tamén animan a traer un vaso para as bebidas e así reducir residuos.

As entradas están á venda no restaurante O Fogón en Cereixa. Para máis información pódese contactar no teléfono 650 624 828.

ÚLTIMAS

O IES A Pinguela celebra o 40 aniversario

Este venres 26 de abril o IES A Pinguela ten programada unha xornada na...

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...