Continúan as actividades polo cabodano do falecemento de Lois Pereiro. O poeta natural de Monforte de Lemos, finado en maio de 1996, será lembrado cun acto “expansivo” que se artellará a través de distintas cidades galegas de xeito simultáneo o vindeiro 5 de xuño ás 12:30.
A iniciativa, que vén impulsada polo Ateneo Casino de Monforte, recolleu o apoio de multitude de entidades culturais de toda Galicia que, de acordo co Ateneo, organizarán actos nos que se agarda a participación dunhas cen persoas do eido da cultura galega: actos que irán dende o simbólico ao festivo, do solemne ao punky.
“Levamos moito tempo traballando nesta iniciativa que ten unha organización complexa”, comenta Xosé Rodríguez, membro do grupo de Acción Social do Ateneo monfortino. “Estaba previsto facela antes, pero por motivos pandémicos tivemos que adiala ata este momento“, engade.
Ademais das catro capitais de provincia e Santiago, a actividade replícase en moitas vilas e aldeas de Galicia e máis en Barcelona. “A actividade enmárcase nos actos conmemorativos do 25 aniversario do pasamento de Lois Pereiro que estamos a desenvolver dende o Ateneo” comenta María Loreto G. Cabanas, presidenta do Ateneo de Monforte. “A gran acollida demostra o enorme interese que esperta a figura de Lois e o agarimo co que é recibida a súa obra polas novas xeracións”.