David Taboada: “Sempre nos deixamos a alma, esa transmisión de boa enerxía é moi poderosa”

Falamos con este músico orixinario do Saviñao que, xunto con Iván Valdés, conforman o binomio musical trouleiro de ‘Carta de Ajuste’. Este sábado, 28 de agosto, ofrecen un concerto no Círculo Saviñao.

Iván Valdés e David Taboada. á guitarra. Foto: Xabier Piñeiro

Carta de Ajuste é un proxecto baseado no versionado de grandes éxitos da música pop-rock en español dos anos 80 e 90 en formato acústico.

Este grupo de dous compóñeno David Taboada e Iván Valdés, dous músicos influenciados por agrupacións musicais de corte cómico como Les Luthiers, Académica Palanca ou Los Gandules, entre outros.

No seu directo destacan por imprimirlle un carácter case teatral, moi humorístico e desenfadado que lles leva a case combinar a interpretación musical co monólogo. Tamén chaman a atención por adaptar no seu repertorio todo tipo de xéneros musicais, dende a rumba ata a música disco, o funk ou a música tradicional.

Aproveitamos que veñen tocar ao Concello do Saviñao, concretamente ao Círculo Saviñao, este sábado 28 de agosto –Ás 19:00 h– para falar con David Taboada, un dos seus compoñentes.

Cando nace “Carta de Ajuste” e con que intención?

Carta de Ajuste nace en 2011 coa intención de facer concertos nos que divertirnos, coa convicción de que iso faría que se divertira a xente. Como di Iván, “somos eses que nunha festa de amigos sacan os instrumentos”.

Empezastes sendo 3 compoñentes pero xa hai anos que funcionades como dúo. Que prestacións destacarías deste formato?

Por algunha razón resulta máis doado conectar intimamente co público, o son é máis natural, o humor máis fresco… Improvisamos aínda máis.

Como di Iván, “somos eses que nunha festa de amigos sacan os instrumentos”

Nótase unha total sintonía e conexión entre ti e Iván. Horas de ensaio… ou algo máis?

Son 10 anos… Creo que levamos xa o quilometraxe dun par de voltas ao mundo xuntos. Somos moi cómplices, temos historias vitais paralelas e a día de hoxe somos coma irmáns.

“O mellor e o peor dos 80 e 90 en concerto”. Neste espectáculo entran moitos temas do Noso Señor. Seguides algún criterio na selección?

O título non é en van, intentamos repasar as mellores cancións dese tempo (que non caben nun concerto, claro), pero tamén quixemos recoller a comicidade, certo toque hortera, certo surrealismo de entón…

Carta de Ajuste é un grupo de “versións e risas”. Como integrades o humor entre peza e peza?

As prestacións vólvense micromonólogos, hai bromas metidas nas cancións (cambios de letra, mesturas imposibles…). Pero en realidade o humor está en falar coa xente, interactuar co público e acabar a contos con eles ata despois do concerto.

“Tocamos mirando aos ollos á xente, porque o concerto é para eles, e ao final o que nos alimenta e ver o público cantar e rirse coma nós”

Ademais do ingrediente do humor, algo máis que vos diferencie doutros covers que hai no mercado?

A intención. Sempre nos deixamos a alma, esa transmisión de boa enerxía é moi poderosa. Tocamos mirando aos ollos á xente, porque o concerto é para eles, e ao final o que nos alimenta e ver o público cantar e rirse coma nós.

De onde saen eses ‘popurrís’ de versións tuneadas e destripadas que facedes?

Foron idea de Iván. Somos moi devotos de Les Luthiers, e sempre quixemos facer algo de comedia musical. Estes popurrís son retellos de temas de Los Gandules, Engendro, ideas nosas, teatriños que improvisamos, parvadas que se nos ocorren na viaxe de ida…

“Somos moi devotos de Les Luthiers, e sempre quixemos facer algo de comedia musical”

Este verán semella que empezou a recuperarse a programación de concertos. Como valorades vós esta nova etapa ‘pandémica’? Vai saíndo traballo?

Toda esta pandemia foi un mazazo para os traballadores do sector en xeral. Este verán empezou moi tímido, pero agora mesmo a situación mellorou algo. Agardemos que vaiamos escorrentando o becho e volvan os tempos nos que podíamos abrazarnos co público ao rematar o concerto.

E para rematar, como chegas de emocións tocando na terra da túa nai?

Tocar na terra de miña nai é especial. Crieime vendo as verbenas de toda a contorna e tocar nunha institución como o Círculo é algo que fai moi feliz ao neno que levo dentro.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here