Tomando como referencia o propio Museo Pazo de Tor, entendido como espazo de memoria e punto de encontro da comunidade, catro artistas traballaron estes días en diferentes proxectos que concretarán nunha mostra colectiva.
MOSTRA COLECTIVA
A través das residencias, comisariadas e coordinadas pola directora da Rede Museística Encarna Lago e Vaciocero Sercicios Culturales, creouse un espazo de conversa, creación e recuperación que implicou as propias artistas mais tamén a colectivos e persoas que forman parte da comunidade, e que está a xenerar olladas diversas sobre temáticas como a migración, a diversidade cultural, as clases sociais, o despoboamento, a igualdade e a problemática rural, en outras.
Para culminar e pechar este período de convivencia e cocreación, no que houbo tempo tamén para unha xornada de portas abertas, o pasado martes –9 de agosto–, este sábado 12 inaugurouse unha mostra colectiva que ás 12.00 horas.
ARTISTAS PARTICIPANTES NAS RESIDENCIAS ARTÍSTICAS
CARLA ANDRADE. AUDIOVISUAL
Durante a residencia en Tor, Carla Andrade está a desenvolver “Apuntes para un proxecto do latido do unánime e cego”, unha primeiro achegamento e recolleita de ideas para un proxecto cinematográfico que desenvolverá ao longo do vindeiro ano e que busca reformular o discurso estético hexemónico, historicamente desenvolvido desde unha tradición patriarcal.
Mediante a biografía dos espazos máis descoñecidos do Pazo de Tor, reflexiona ao redor dos nesgos “naturalizados” e establecidos, inherentes a teoría das mulleres como clse social, a fin de liberar o pasado e/ou reformular o futuro.
EVA ANTELO. INTERDISCIPLINAR.
“Irá a ti a montaña” recolle a xeografía falada da parroquia de Tor e arredores. Recopilando historias contadas polas habitantes sobre distintos lugares e puntos da contorna, confórmase un proxecto experimental a través de distintas voces e subxectividades sobre o mapa, a memoria, a paisaxe e a oralidade.
A fala dos seus habitantes perfila e dá nome á terra que pisan, ós accidentes xeográficos; as lendas, construcións recentes ou xa esquecidas… O proxecto procura poñer en valor os significados que gardan tantos significantes deste territorio, aparentemente sen importancia: casas, fontes, penas, árbores, que son puntos de encontro, que forman parte da cotidianeidade, de anécdotas, presenzas constantes no vivir e no falar da veciñanza, que ó final, son as que nos demostran que ese lugar está habitado. Significados que a xentrificación, o turismo de masas, ou o despoboamento ignoran e borran. Unindo múltiples disciplinas, xurde unha narratividade oculta e fragmentada que se mostra nas formas da topografía, en retazos de impresións e recordos, en historias a medio contar.
MARÍA ROJA. PERFORMANCE.
O proxecto “Cada cana catro niños” afonda na problemática do despoboamento do rural galego, especialmente acusada na provincia de Lugo. A artista desenvolve este traballo na súa aldea materna, Eixibrón (Becerreá), na que, de vinte vivendas, só cinco permanecen habitadas, sendo probablemente os seus e as súas actuais residentes, tamén as derradeiras.
“Cada cana catro niños” propón unha instalación de carácter performativo. Baseándose na tradición do envío de tarxetas postais para manter o contacto e porlle imaxe a xeografías descoñecidas, Roja realiza un mapeo fotográfico, sonoro e humano do lugar. De cada unha das casas aínda ocupadas, portando a paisaxe sonora recollida desde as súas respectivas fiestras, partirá, cara ao actual lugar de residencia das persoas que abandonaron definitivamente o fogar familiar, unha peza de porcelana en forma de paxaro.
A acción completarase cando as figuras cerámicas, unha vez recibidas, sexan colocadas nas pólas dalgunha árbore do lugar de destino, mesturándose co imaxinario e a sonoridade urbana. Á vez, un paxaro de madeira con remitente na diáspora uruguaia, pousarase no freixo que nos recibe no Museo Pazo de Tor, cun peteiro ateigado de ecos dunha urbe lonxana fisicamente pero achegada no acto íntimo de lembrar.
O proxecto tenta ser un exercicio de rescate da memoria individual e colectiva, poñendo en valor as imaxes de lugares e comunidades ignoradas á mantenta polo Google Street View e os sons dunha contorna en perigo de extinción, a fin de facer fincapé nos modos de construción dos discursos culturais.
TAMARA WASSAF. FOTOGRAFÍA E INSTALACIÓN.
A obra de Tamara Wassaf explora a noción de retrato expandido, afondando máis nun tema e chegando á desaparición do corpo, un corpo sen carne, un pregamento no espazo.
Espazos entendidos á súa vez como testemuños íntimos da relación entre o suxeito e o seu entorno, a natureza e a vida cotiá. Reflexionando sobre unha paisaxe simbólica e íntima. Neste caso concreto aparecen na obra a absorción do espazo, a paisaxe circundante, a vexetación e os usos das herbas, mesturados coas historias de misterio, as lendas populares e o folclore da zona, dotándoa de nostalxia e misticismo.