HomeDeportesO fútbol feminino reina en Carballedo

O fútbol feminino reina en Carballedo

O Carballedo C.F. vivíu o seu primeiro ano na Segunda División da Liga Galega cunha gran harmonía entre as súas xogadoras.

Publicado o

- Advertisement -

O Carballedo C.F. vén de rematar a súa primeira tempada na Liga Galega de Fútbol Feminino. Os resultados no marcador non foron os mellores, pero para este grupo de mozas a vitoria máis importante foi a familia que construíron dentro e fóra do campo. Falamos coa capitá do equipo, María Varela, para coñecer un pouco máis sobre este ilusionante proxecto.

Cal é a valoración que fai o equipo dos resultados desta campaña?

Está claro que os resultados non foron os mellores, pero gañamos nas experiencias a nivel pesoal. Cando comezamos este proxecto non nos coñeciamos, e hoxe non pasa unha semana sen que nos vexamos, somos coma unha familia. Á fin e ao cabo, o factor humano é o que realmente nos importa, máis ala do que se reflita no marcador.

Como respondeu a afección do Catro Ventos durante a tempada?

A verdade é que é a primeira vez que hai un equipo feminino en Carballedo, polo que non se pode comparar a afluencia ao estadio con outros anos. As gradas non estiveron cheas, pero sempre había xente apoiándonos e en partidos puntuais, como os derbis e o Partido contra o cancro, a resposta da xente foi moi positiva. De feito, nese partido solidario recaudamos case mil euros. En definitiva, sempre nos sentimos moi arroupadas polas nosas familias e amigos, pero tamén polos entrenadores, a directiva e o presidente.

Consideras que o movemento feminista e a crecente importancia das reivindicacións do 8-M tivo algo que ver co auxe que vive o fútbol feminino na comarca e, en xeral, en todo o país?

Si, de seguro. Eu levo xogando ao fútbol desde que teño uso de razón, adoito dicir que este deporte foi o meu primeiro amor, e sempre competín con rapaces. Cando eu era nena era moi atípico ver un equipo de fútbol feminino. Gustaríame pensar que o noso caso e tantos outros son só un comezo para acadar a igualdade no fútbol e en moitos outros ámbitos nos que aínda hai tanto por avanzar, como o fogar ou a parella.

O Carballedo C.F. participou nunha triangular benéfica en favor de Chantada contra o cancro. Cres que os equipos deportivos deberían desenvolver máis esa faceta social?

Desde logo. O deporte é saúde e se se pode recaudar diñeiro para unha causa benéfica con el por que non facelo. Ademais, no noso caso axudámoslle a unha asociación contra o cancro, unha enfermidade á orde do día. Eu vivina de forma moi próxima e para min foi algo especial, xa que a miña nai é presidenta da asociación Chantada contra o cancro e ela mesma tivo que superar esta doenza. Outro aspecto positivo deste tipo de iniciativas é que nos partidos benéficos coñeces xente e, aínda que eu non puiden xogar ese día, compartimos moitos momentos coas rapazas da SD Chantada e do EFF Rosalía. Ao final gañou a asociación e gañamos nós no terreo persoal.

A nivel persoal, que che aportou participar deste equipo?

Eu levaba sen estar federada dende os 18 anos, e agora que teño 32 enriqueceume moitísimo poder entrenar outra vez, e máis con este corpo técnico e estas compañeiras. Aprendín moito de todas as rapazas e das persoas que nos estiveron guiando, tanto a nivel técnico como persoal. Hai xente moi boa no equipo e iso é co que quedo, grazas a este equipo son un pouco mellor persoa. Non sei que será de min mañá, pero teño claro que o equipo no que vou xogar sempre que poida será o Carballedo CF.

Sábese xa se haberá novas incorporacións ou baixas no plantel?

Aínda non teño esa información. Con todo, algunha compañeira verase obrigada a abandonar o proxecto por saúde ou por incompatibilidade co traballo. Iso si, que deixen de ter ficha non significa que non sigan no vestiario e no equipo a nivel persoal. Tamén estamos abertos a recibir a novas rapazas con ilusión e ganas de facer deporte e pasalo ben.

Cales son as vosas perspectivas de cara á seguinte tempada?

De cara ao ano que vén esperamos mellorar coa axuda dos entrenadores, que nos van formando pouco a pouco. En principio non nos vemos loitando polo ascenso pero, se o corpo técnico cre en nós, por que non? De momento a nosa meta é descansar e pasar un bo verán. Se podemos tentaremos ir a algún torneo, seguir entrenando e facer unha boa pretempada. O que é seguro é que a familia do Carballedo seguirase xuntando e compartindo momentos aínda que non haxa partidos.

ÚLTIMAS

Tres novos vehículos para dar servizo ás zonas rurais da Pobra do Brollón

Os novos vehículos son dúas pick up e un todocamiño que están xa a...

Proxéctase a mellora urxente do Estado Municipal da Ribela

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse co alcalde de Sarria,...

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...

Actividades para celebrar en familia no Verán Cultural de Chantada

Do 2 de xullo e ata o 30 de agosto, o Concello de Chantada,...