Promovendo a innovación empresarial e aportando solucións fronte á Covid19

A Asociación Semente Monforte reactiva o VI Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra e traballa nun concurso extroardinario para proxectos innovadores que mitiguen a pandemia da Covid19.

Semente Ribeira Sacra arquivo

O estado de alarma como consecuencia da crise sanitaria da Covid19 obrigou a paralizar gran parte da actividade e dos prazos administrativos, algo ao que non foi alleo o VI CONCURSO DE PROXECTOS EMPRESARIAIS SEMENTE RIBEIRA SACRA.

Unha vez estabilizada a situación, e tendo en conta que o estado de alarma levantarase o 21 deste mes de xuño, a Asociación Semente Monforte reanuda o concurso. Os 10 proxectos finalistas teñen agora de prazo ata o vindeiro día 30 de xuño, para presentar o seu proxecto finalizado mediante formulario na intranet de concursantes da web www.sementeribeirasacra.org.

As bases iniciais, antes do coronavirus, fixaban o 9 de maio para que os candidatos defenderán o seu proxecto ante o xurado. Nesa mesma xornada coñeceríase o fallo e faríase entrega dos premios durante a cea-gala. Nas circunstancias actuais, a Asociación Semente Monforte traballa para concretar data e formato desta xornada final de presentación, valorando a posibilidade de celebrala de xeito telemático.

Este ano o Concurso aumenta a dotación dos seus premios e para esta edición contarase cos seguintes premios:

  • 1º Premio – 10.000€
  • 2º Premio – 7.000€
  • 3º Premio – 3.000€

Certame extraordinario de proxectos empresariais de base tecnolóxica Covid19

O Concurso de proxectos empresariais Semente Ribeira Sacra naceu coa vontade de incentivar proxectos empresariais, con especial atención aos proxectos innovadores. Coa actual situación derivada da crise sanitaria do coronavirus, a Asociación Semente Monforte quere aproveitar o carácter innovador que fomentan, para incentivar proxectos que axuden a mitigar os efectos da pandemia.

Trabállase, polo tanto, nun certame extraordinario de proxectos empresariais de base tecnolóxica relacionados coa pandemia por COVID-19 (aplicacións sobre contactos, contaxios, distancias, sistemas de control de contactos, alternativas de limpeza e desinfección ante o virus,…). A Asociación conta con financiación e agarda facer a convocatoria deste novo certame para despois do verán, e sempre despois de ter pechado o concurso orixinal, que este ano chega á súa sexta edición.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here