HomeEconomíaMonforte confía no potencial do Festival do Viño da Ribeira Sacra

Monforte confía no potencial do Festival do Viño da Ribeira Sacra

O Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra en colaboración co Concello de Monforte organizarán a II edición deste evento que repetirá localización, o Paseo do Malecón, e que terá lugar os días 6,7 e 8 de xullo.

Publicado o

- Advertisement -

Esta mañá tivo lugar o acto de presentación do evento no Centro do Viño da cidade do Cabe. No mesmo estiveron presentes os responsables das diferentes formacións políticas do goberno local, o alcalde José Tomé Roca e o Presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez. A xornalista local e locutora de Onda Cero, Manola Porto, fixo de mestra de cerimonias dando paso no momento oportuno tanto a Tomé como a José Manuel para que presentaran os detalles do festival aos alí presentes.

O mandatario local explicou que o festival naceu o pasado ano coa vontade de permanecer no tempo e coa idea de promocionar conxuntamente os viños e as adegas das cinco subzonas da Denominación de Orixe celebrando unha especie de fin de curso. En palabras de Tomé “o sector vitivinícola é clave para nós, serve de motor para a economía de Monforte e de toda a Ribeira Sacra. Todo isto viñémolo facendo sabendo compaxinar a tradición da viticultura tradicional coa innovación tecnolóxica”.

Pola súa parte, o Presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez, destacou que “a D.O. superou as súas vodas de prata e existía unha sensibilidade para celebrar en Monforte, capital da Ribeira Sacra, un evento destas características, pero iso si, tendo en conta que a nosa comarca é moito máis que viño”.

Intervención de José Manuel Rodríguez, Pte da D.O. Ribeira Sacra / XdL

O cartel promocional do Festival do Viño será o mesmo que o ano anterior porque, segundo indicaba o alcalde, ademais de ser bonito axuda a manter unha identidade e idea de marca, xa confirmaron presenza no encontro 24 adegas que ofrecerán os seus mellores caldos aos visitantes e o programa de actividades está totalmente pechado.

Programación do Festival da Ribeira Sacra 2018

Na liña do ano anterior a intención foi crear un programa de propostas culturais variadas: rutas turísticas, música, gastronomía, artesanía, animación e obradoiros infantís a cargo de Anxo Moure e Imaxinatia… actividades que xiran arredor do verdadeiro protagonista que é o viño.

O Festival do Viño ofrecerá ao longo de 3 días unha oportunidade única para coñecer as paisaxes da “viticultura heroica” con varias rutas turísticas que se poderán realizar os días 6 e 7 de xullo, actividades para os máis pequenos, postos de artesanía e concertos na Praza España para a noite. O venres 6 estarán no escenario Najla Shami e Sons do Douro e o sábado 7 a música correrá a cargo de Davide Salgado e Pedro Pascual e A Banda da Loba.

ÚLTIMAS

Tres novos vehículos para dar servizo ás zonas rurais da Pobra do Brollón

Os novos vehículos son dúas pick up e un todocamiño que están xa a...

Proxéctase a mellora urxente do Estado Municipal da Ribela

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse co alcalde de Sarria,...

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...

Actividades para celebrar en familia no Verán Cultural de Chantada

Do 2 de xullo e ata o 30 de agosto, o Concello de Chantada,...