InicioEn profundidadeA tenda das 20.000 ‘trangalladas’

A tenda das 20.000 ‘trangalladas’

Jesús Herrero, coñecido como “Suso”, decidiuse no ano 2017 a montar unha tenda de artículos de segunda man en Monforte aínda que algúns amigos lle desaconsellaran facelo. Por agora a cousa vaille ben e xa prepara o traslado para un local máis grande onde poder expoñer todo o material que ten e acondicionalo con espazos pensando na comodidade do cliente. Coñecemos a súa historia.

Publicado o

- Advertisement -

‘Trangalladas’ é unha tenda de segunda man que se localiza na Praza Doutor Goyanes da cidade de Monforte de Lemos. O local chama a atención pola súa beleza vintage, de feito foi farmacia no século XIX, e a ese negocio seguíronlle unha reloxería e unha libraría antes de chegar Suso co seu proxecto de compra e venda de obxectos de segunda man.

Este coruñés de Miño chegou a Monforte no ano 2008, como el mesmo recoñece, lembrando o mítico tema de Julio Iglesias, “por el amor de una mujer…”. É, pois, un monfortino de adopción e di que lle gusta a cidade por estar nese punto intermedio “entre vila grande e cidade pequena”. O que peor leva é o clima e di que de cando en vez volve ao seu Miño natal para cambiar de aires e lembrar o cheiro a mar.

Recíbenos no local, aparentemente tímido, algo reservado pero a medida que colle confianza cóntanos a súa pequena historia e unha chea de anécdotas, non son 20.000 como os obxectos que atesoura, pero como se xubile con este negocio igual chega a ese número…

Jesús Herrero, “Suso” / XdL

De onde che vén a afección polos obxectos de segunda man?

Dende pequeno. Igual non está ben dicilo, pero non me dá vergoña ningunha… Preto da miña casa había un vertedoiro no monte e ía alí cos meus amigos de cando en vez, mirabamos o que había e ás veces atopabamos cousas interesantes e en bo estado, cómics de Mortadelo, coches, etc. E lembro que con 20 anos empecei a ser cliente de tendas de segunda man.

Sempre fuches máis de gardar que de tirar, logo?

Si, son moi ‘conservador’, conservador no sentido de gardar cousas, de conservalas. Crieime na humildade e son moito de darlle valor ás cousas, de non tiralo todo.

Como foron os teus comezos, chamémoslle ‘profesionais’, no negocio da segunda man?

No ano 2009 quedei sen traballo, ía tirando co paro e algún traballo que me saía pero nada seguro. Tempo despois, no 2012, empecei a ir ao ‘rastrillo’ que se organiza os domingos no Parque dos Condes de Monforte. Alí vendía cousas propias e outras obtidas por medio do troco. Metido neste tipo de venda tamén empecei a ir a feiras e outros ‘rastrillos’ da contorna.

“empecei a ir ao ‘rastrillo’ que se organiza os domingos no Parque dos Condes de Monforte”

E cando te decidiches a montar “Trangalladas”?

Lembro que estando coa venda ambulante de segunda man xa dicía que montaría unha tenda porque as cousas nos mercadiños botábanse a perder polo sol, o frío… e un día saíume sen pensalo que lle poñería de nome “trangalladas”. De aquí vén o nome pero a tenda abrina a raíz dun lote grande que me vendeu un cliente… “un piso practicamente cheo de cousas”, libros, discos, etc. Tivo que facer unha mudanza forzosa e non sabía moi ben que facer con todo o que tiña.

Cando dis ‘practicamente cheo’, como de cheo estaba?

Se o ves fliparías como flipei eu. Para levar todo o que alí había necesitamos 3 coches con remolque e facer dúas viaxes. Cando estábamos facendo a ‘mudanza do material’ viunos un policía local, ao ver as bolsas de cousas levou as mans á cabeza (risas).

Bolsas cheas de cousas que mercou Suso para montar a tenda. Foto: Jesús Herrero

E penso eu, o propietario de todo ese material non chorou ou se arrepentiu de desprenderse das súas cousas?

En certa maneira si. Tempo despois quixo recuperar algunhas, unhas enciclopedias e unha colección de Star Wars por exemplo.

Non hai moitas tendas de segunda man na contorna. Viches oco de mercado?

En Monforte houbo ata hai uns 2-3 anos algunha. Estivo o ‘Desván’ e ‘Mi baúl’. Eu abrín cando pecharon e un deles díxome que antes de montar este negocio “que mo pensara moito, moito”, que era moi arriscado. E aquí estou, resistindo polo de agora.

Que podemos atopar na túa tenda?

Libros, cómics, música -CD, vinilo, cassettes-, películas -DVD, Blu-ray- e tamén estou abrindo o campo a xogos, figuras e coleccionismo.

“a maioría veñen explorar e encántalles”.

Que perfil de cliente predomina, o que sabe o que busca ou o que entra mirar a ver…?

Hai quen vén sabendo o que quere, coleccionistas ou incluso de colexios que buscan algo concreto pero a maioría “veñen explorar e encántalles”.

Tes encargos?

Si, teño unha libreta chea de “consíguemes”, consígueme isto, consígueme aquilo outro (risas). Está mal que o diga pero teño casos de veraneantes que non atoparon o que buscaban en Madrid ou Barcelona e telo eu aquí en Monforte.

“teño unha libreta chea de consíguemes”

Supoño que todo o que tes está controlado?

Si, teño case todo inventariado. Por dicirche algúns datos, terei uns 5.000 DVD rexistrados, uns 10.000 libros, uns 2.500 CDs, casettes e vinilos… en total chegarei a uns 20.000 artículos.

De que non te desfarías nin cun cheque en branco diante?

Por exemplo dunha vaina de Star Wars, non me desfaría dela por nada do mundo. Pero sobre todo de cousas que son agasallos de clientes. Vouche contar unha anécdota. Cando era pequeno gustábanme moito os Playmobil e perdín un que me gustaba moito, o de Guillermo Tell. Un día, veu un cliente e tróuxomo, foi no ano 2018 e lémbrome perfectamente. Estaba completo, co seu arco, as flechas, a lanza, a ballesta… Foi algo incríble para min, un detalle deses que non esqueces na vida. E claro, desta figura non me desfaría por nada do mundo!

Playmobil de Guillermo Tell de Suso. Foto: Jesús Herrero

Os clientes que entran en ‘Trangalladas’ son preferentemente de Monforte ou tamén veñen de fóra?

De Monforte os que máis pero tamén veñen de fóra. Teño un moi bo cliente afeccionado ao cinema, chámase Joaquín e vén dende Chantada. E visitantes e turistas que están de paso, gústalles a tenda, entran e mercan bastante.

“Hai clientes reticentes a mercar algo porque o tivo alguén antes, confunden un libro cun colchón usado… e un libro non transmite enfermidades”.

Temos cultura de mercar obxectos de segunda man?

En Monforte creo que pouca, aínda non ten moito tirón, creo que hai xente que ve “o de usado” como se fose lixo e non é así. Hai clientes reticentes a mercar algo porque o tivo alguén antes, “confunden un libro cun colchón usado… e un libro non transmite enfermidades”.

Con Suso na tenda / XdL

Cando falamos de cousas de segunda man non temos que pensar en obxectos escarallados nin cheos de lixo, verdade?

Claro que non. Eu son moi minucioso e coidadoso, limpo moi ben todo o material que teño e incluso restauro e adecento todo o que podo as cousas para que teñan unha boa imaxe.

Atópaste con xente que ‘regatea’?

Algún hai, pero sempre lles digo que teño ‘prezos antiregateo’, cos prezos que fago non se pode regatear (risas).

De cara a este 2020, preséntase algunha novidade?

Si, teño en proxecto cambiar de local. Para marzo espero empezar nun local máis grande na Avenida de Galicia, preto do ‘Chino Caprichos’. Así poderei colocar máis material á venda e incluso crear espazos pensando na comodidade do cliente, espazo para a lectura con sofás, espazo infantil… Un reto máis.

ÚLTIMAS

Roteiro Literario para coñecer as localizacións da novela “A Boca do Monte”, en Quiroga

Preto dun cento de estudantes do IES As Lagoas de Ourense coñeceron o pasado...

O BNG pon en marcha, “Arranxo XA das nosas estradas”, campaña para mellorar as infraestruturas viarias na provincia

O Bloque Nacionalista Galego de Lugo inicia unha nova campaña para reclamar o arranxo...

8ª Andaina polo Corazón de Galicia, o 21 de abril en Chantada

O domingo, 21 de abril, celébrase a 8ª Andaina polo Corazón de Galicia, que...

Que acontece coas Unidades de Drogodependencias dos concellos?

Na última xuntanza dos concellos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia...