InicioEn profundidadeBegonia López, unha pantonesa recoñecida polo seu labor social en Indonesia

Begonia López, unha pantonesa recoñecida polo seu labor social en Indonesia

“Cando xa vin o Bali turístico, sentín interese por saber como vivía a xente realmente e como levaban a cabo proxectos comunitarios, así que estiven a facer traballo voluntario nun colexio que tiña tres irmáns cunha discapacidade física”.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Begonia López Expósito é unha muller que naceu na aldea de San Román, na freguesía de Vilar de Ortelle, en Pantón. Lugar cunhas fermosas vistas ao río Miño.

É a fundadora da ONG “Kupu Kupu” e traballadora social, encargada de xestionar todos os proxectos e programas desta entidade en Indonesia. Despois de vinte anos de traballo social foron quen de facer posible que moitísimos rapaces e rapazas con discapacidade sexan máis independentes e teñan os mesmos dereitos e oportunidades que o resto de persoas.

Cal é o obxectivo principal desta ONG?

Mellorar a calidade de vida de nenos e mozos con diversidade funcional.

Onde está situada a súa organización?

En Bali, que é unha das máis de 14.000 illas de Indonesia, un arquipélago de máis de 260 millóns de habitantes, situado no sueste Asiático, entre Singapur e Australia. É unha illa relativamente pequena (máis pequena que a provincia de Lugo), na súa maioría de relixión hinduísta, o cal marca absolutamente o día a día e a vida de todos os balineses.

Que significa “Kupu Kupu”?

Kupu Kupu significa bolboreta na lingua de Indonesia. Ao principio eliximos o nome porque o outro que elixiramos, “sorrisos para nenos”, xa estaba escollido por outra ONG e tivemos que buscar un nome rapidamente e pareceunos bonito que se chamase Kupu Kupu. Despois de levar 20 anos facendo o noso traballo, démonos conta de que este nome é perfecto.

Kupu Kupu significa bolboreta na lingua de Indonesia”

Para coñecer máis súa organización, que labores fan para axudar ás persoas con diversidade funcional?

Primeiro asegurámonos de que teñan independencia física nos casos de rapaces que non teñen unha cadeira de rodas e que poidan desprazarse por si mesmos se é posible. Ademais, se non foron á escola, imos buscalos ás súas casas e traémolos ás pequenas escolas da ONG, onde lles ensinamos cousas básicas e acorde ás súas capacidades de aprendizaxe (ler, escribir, coñecemento das matemáticas, etc).

Levamos a cabo programas de socialización, así que cando veñen á ONG ás veces é a primeira oportunidade que teñen de facer novos amigos, de ser escoitados, de ter noiva ou noivo. Adoitamos facer excursións a sitios turísticos e imos a miúdo á praia ou á piscina, a maior parte dos rapaces non viran nunca o mar nin foran nunca á praia antes. Tamén repartimos comida nas súas casas, sobre todo arroz; levamos pasta, aceite de cociñar e outros materiais básicos. Hai un programa que está a ser agora moi importante que é a construción de váteres en casas de familias que aínda non o teñen. Tamén tratamos de axudarlles a arranxar os tellados, tratamos de buscar sponsors para axudar ás familias ou pagar os estudos dalgúns dos rapaces que lograron ir ás escolas formais.

Begonia López rodeada de rapaces aos que axuda a ONG. Foto: ‘Kupu Kupu’.

Ao ser unha organización non gobernamental necesitarán financiamento, que institucións, empresas ou administracións lles axudan na súa tarefa ?

Non temos axudas permanentes todos os anos, o que facemos é elaborar proxectos cando vemos as necesidades e presentamos os proxectos ás institucións do País Vasco. Algunhas veces concédennos as subvencións e outras veces non, aínda que temos que recoñecer que para maior parte dos proxectos que presentamos sempre nos concederon o diñeiro para levalos a cabo, pero son sempre proxectos puntuais. Por exemplo no ano 2018 levamos a cabo un estudo de campo cunha subvención da Deputación de Álava, no 2020 deunos unha subvención o Concello de Vitoria para abrir unha tenda da ONG na entrada do centro en Ubud, son proxectos moi puntuais. O noso maior reto sempre é conseguir o diñeiro para manter o que temos ata o de agora, é dicir, conseguir diñeiro para os gastos diarios dos dous centros da ONG. O diñeiro para manter o centro chéganos de achegas privadas, tamén puntuais, por iso nunca podo descansar, xa que sempre hai que estar a buscar subvencións e achegas para seguir adiante cos proxectos.

“O noso maior reto sempre é conseguir o diñeiro para manter o que temos ata o de agora, é dicir, conseguir diñeiro para os gastos diarios dos dous centros da ONG”

Vimos que a ONG ten dous centros. Como foi a súa apertura, cal foi primeiro e que lles supón ter dúas sedes ?

O primeiro centro abriuse en setembro do ano 2002, custounos dous anos atopar diñeiro para abrilo, alugamos o terreo por 15 anos e volvémolo a alugar outra vez por outros 15 anos. O devandito centro ten unha pequena escola, dous dormitorios, un pequeno centro de fisioterapia, unha cociña, unha oficina e dous baños. Imos buscar aos rapaces ás súas casas todos os días de luns a venres e están na escola todo o día, comen alí e ás 5 da tarde volvémolos levar ás súas casas. Hai rapaces desde 5 anos ata 30 anos e con diferentes tipos de discapacidades: síndrome de Down, parálise cerebral, sordomudos, discapacidade intelectual, discapacidade física, polio, distrofia muscular, autismo, etc. No ano 2008 abrimos outro centro en Bangli, situado ao norte centro de Bali, a unha hora do primeiro centro, unha zona moito máis rural e máis pobre que a zona do primeiro centro en Ubud. O centro de Bangli é moi similar ao centro de Ubud e funciona da mesma maneira, imos buscar aos rapaces aos seus pobos e pasan o día no centro da ONG aprendendo, xogando e facendo amigos e logo ás 5 da tarde levámolos ás súas casas. Todos os rapaces son de aldeas diferentes dispersas polos dous municipios, ás veces tárdase máis de dúas horas en recoller a 4 ou 5 rapaces, se é posible ímolos buscar en moto e se non co coche da ONG.

Se unha persoa quixese axudarlles no seu labor,  como podería proceder?

A ONG ten unha páxina web e unha páxina de Facebook e se alguén quixese vir ver a ONG e coñecer aos rapaces, estaremos encantados de recibilos e presentárllelos.

Unha forma tamén de financiar a ONG e os seus proxectos é a través da reserva de actividades coa ONG. Por exemplo, se alguén quere vir a Bali de vacacións, nós podémoslles axudar a reservar hoteis, guías de fala española, chóferes, cursos de cociña, rafting ou calquera actividade que se faga aquí. Reservando as actividades a través noso, dannos unha comisión que nos serve para financiar os proxectos da ONG. Así que animo á xente que queira coñecer Bali a que se poña en contacto connosco e axudarémoslles a preparar a súa viaxe. Por outra banda, se alguén quixese facer algunha achega económica, pódeo facer a través da conta da ONG en Caja Laboral, o número da conta aparece na páxina web, e tamén é posible facelo a través de PayPal na páxina web da ONG.

“Unha forma tamén de financiar a ONG e os seus proxectos é a través da reserva de actividades coa ONG”

Moitísimas grazas por darnos a oportunidade de promover o noso traballo na ONG e mandámosvos un biquiño moi grande desde Bali.

Sorrisos / Kupu Kupu

A HISTORIA DA FUNDACIÓN DE ‘KUPU KUPU’ CONTADA POR BEGONIA

Fundei a ONG no ano 2000, despois de ter visitado Bali tres veces durante os anos 1998 e 1999. Estudei traballo social e auxiliar de clínica e toda a miña vida anterior estivera sempre relacionada con traballos en residencias xeriátricas e temas de discapacidades. Cando xa vin o Bali turístico, sentín interese por saber como vivía a xente realmente e como levaban a cabo proxectos comunitarios, así que estiven a facer traballo voluntario nun colexio que tiña tres irmáns cunha discapacidade física. Logo púxenme en contacto tamén con varias ONG locais para ver os proxectos que estaban a levar a cabo e con eles fun á escola de nenos con diversidade funcional en Bangli. Para min foi un shock total ver as condicións da escola naquela época: pupitres rotos, cadeiras rotas, nada nas paredes, aulas baleiras, os dormitorios, xa que había nenos que durmían alí, estaban moi desordenados e os colchóns rotos e fedorentos, a cociña non tiña chan e era unha cabana de madeira, sen luz e con ratos por todos os lados. O primeiro que fixen foi comprar colchóns, almofadas para as habitacións e tiven unha reunión co director do colexio, na que lle propuxen tentar recadar o diñeiro necesario para facer unha nova cociña-comedor na escola.

Iso foi no ano 1999, cando eu vivía en Edimburgo onde estaba a estudar inglés, cando volvín co orzamento da escola na lingua indonesia. O primeiro foi contactar cunha estudante da universidade para que mo traducise e envieillo a varias ONG en Inglaterra pero ningunha delas estaba interesada no proxecto. Para min non era un proxecto máis ou un proxecto calquera, eran os nenos que se chamaban Wayan, Komang, Made, Gede, Niluh, Kadek… eran caras de nenos cos que eu estivera xogando e facendo traballo voluntario no colexio, era por eles polos que eu quería sacar o proxecto adiante e non podía deixar de tentalo, así que decidín deixar Edimburgo e volver a Vitoria, onde eu vivía en España. Alí volvín tentar atopar fondos para o proxecto, pero non o conseguín, así que alguén me dixo que a única forma de conseguilo podería ser rexistrando unha ONG e tentar solicitar subvencións públicas de concellos e deputacións. Así que cun par de amigas que decidiron axudarme, rexistramos a ONG no ano 2000, en Vitoria, e empezamos a pedir diñeiro para o proxecto da cociña-comedor e, finalmente, o concello dun pobo en Álava (Llodio) concedeunos o diñeiro para levar a cabo devandito proxecto.  En canto tivemos ese diñeiro fun a Indonesia e puxémonos en marcha co proxecto.

“Para min non era un proxecto máis ou un proxecto calquera, eran os nenos que se chamaban Wayan, Komang, Made, Gede, Niluh, Kadek… eran caras de nenos cos que eu estivera xogando e facendo traballo voluntario no colexio”

Tamén rexistramos unha ONG local e empezamos a coñecer as necesidades da poboación con discapacidades, o cal para min foi un shock tremendo tamén naquela época, ver como mozas con discapacidades físicas non foran nunca á escola nin sabían ler nin escribir, nin tiñan unha cadeira de rodas, nin mesmo saíran en toda a súa vida das súas casas, porque non se podían desprazar fisicamente. Así que cando coñecimos as necesidades, vimos que tiñamos que tentar cubrilas na medida do posible, así é como naceu a necesidade de ter un centro onde reunirnos e traer aos rapaces. No ano 2002 presentamos un proxecto para construír un centro para a ONG en Ubud ao Concello de Vitoria, concedéronnos a subvención, e abrimos o centro en setembro do ano 2002. Tamén puidemos comprar un autobús pequeno e unha moto para ir buscar aos rapaces para que viñesen á escola.

Máis tarde no ano 2004, a Deputación de Álava deunos unha subvención para abrir unha tenda para vender artesanía feita por persoas con discapacidades e no ano 2008 abrimos outro centro da ONG e outra pequena escola en Bangli cunha subvención novamente do Concello de Vitoria. Os bombeiros de San Sebastián tamén nos axudaron moitísimo recadando diñeiro para comprar un autobús pequeno para o centro e a escola que se abriron en Bangli no ano 2008. E así aos poucos con axuda de institucións do País Vasco e axudas de particulares, fomos levando a cabo os proxectos e programas da ONG.

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...