InicioEn profundidadeÁlvaro Mejía, de traballar en Airbus a apostar pola impresión 3D

Álvaro Mejía, de traballar en Airbus a apostar pola impresión 3D

Perdeu o seu posto de traballo de enxeñeiro aeronáutico en Airbus, en Getafe, e afeccionouse á impresión en 3D. A finais de 2020 decidiu marchar vivir a Polonia coa súa parella e agora valora posibilidades de emprendemento co seu proxecto ‘Vitamina 3D’. Coñecemos a súa historia e experiencia como ‘maker’.

Publicado o

- Advertisement -

Álvaro Mejía García é un mozo quirogués que, tras estudar enxeñaría aeroespacial na Universidade Politécnica de Madrid, comezou a traballar en Airbus no ano 2016 grazas a unha bolsa do departamento de Calidade de Produción. Despois pasou á sección de Deseño e Estruturas onde se familiarizou cos programas de deseño 3D a nivel profesional.

Tras un paréntese entre 2017 e 2019, no que fixo un máster de aeronáutica en Barcelona e participou nun interesante proxecto de aeronave eléctrica, incorporouse de novo a Airbus. Nesta ocasión non tivo sorte, a chegada do Coronavirus provocou que decidiran prescindir del. Foi neste punto cando, dada a situación pandémica e non atopando traballo, mercou unha impresora 3D e a finais de 2020 decidiu trasladarse a Polonia coa súa parella.

“Nunca me gustou quedarme quieto, e en tempos así hai que tratar de busca saídas”, dinos Álvaro cando lle preguntamos por Vitamina 3D, un proxecto que comezou en Instagram e Facebook e que agora xa ten a súa propia web para compartir a súa experiencia como ‘maker’ e dar a coñecer os seus traballos.

Coñecemos, da man de Álvaro, máis detalles da impresión 3D.

A crise de Covid19 afectoulle especialmente á túa profesión? 

Desde logo. O pau aquí foi grande. No meu caso, que estaba traballando na fábrica de Airbus en Getafe, houbo uns recortes brutais. Moitos pedidos de aeroliñas paráronse ou incluso canceláronse nun momento no que o tráfico aéreo levaba moitos anos sen parar de medrar, polo que o ritmo de produción era moi alto e precisábase a moita xente. Eu acababa de entrar nun novo posto como subcontratado en febreiro de 2020, xusto cando empezou esta historia da COVID e en maio rescindíronme o contrato.

Para defenderse nisto da impresión 3D haberá que ter uns coñecementos previos de deseño, deseño técnico… Ou non necesariamente?

En realidade, podes imprimir sen saber deseñar. Hai varias webs que funcionan como unha especie repositorios ou de bibliotecas de modelos 3D onde podes atopar de todo (Thingiverse, Cults, MyMiniFactory…). Deseñadores e deseñadoras de todo o mundo soben os seus deseños a estas páxinas e calquera pode descargalos e imprimilos. A gran maioría de modelos son gratuítos. O único sería saber manexar un programa “laminador”. Son os que transforman o modelo 3D nun arquivo que a impresora poida entender e procesar, con toda a configuración necesaria para imprimir. Hainos gratuítos e son bastante intuitivos. Facer uns axustes básicos é moi doado e máis agora coa cantidade de información que podemos atopar.

Sen embargo, o que marca a diferenza é saber deseñar, xa que isto permíteche facer ti mesmo o que precisas. Moitas veces necesitas algo moi específico que non vas encontrar por aí e isto é onde máis notas a utilidade destas impresoras. Un exemplo rápido: na miña casa cambiei a cuberta de plástico dun interruptor da luz que estaba rota. Deseñei unha nova, imprimina e cambieina. Quedou de luxo.

“O que marca a diferenza é saber deseñar, xa que isto permíteche facer ti mesmo o que precisas”

Cres que co tempo chegarán a popularizarse as impresoras 3D, ou seguirá sendo un tema de catro curiosos e afeccionados?

Absolutamente, vanse popularizar moito máis do que xa o son. A clave disto é a súa gran accesibilidade, con prezos moi interesantes -por menos de 200 euros podes ter unha moi xeitosa- e moitas ferramentas de apoio e de deseño á man de todo o mundo. Ademais teñen un funcionamento sinxelo. As máis populares son as FDM (Modelado por deposición fundida) como a miña, que son as típicas que tiran dun fío de plástico, fúndeno e vano depositando por unha boquilla sobre unha plataforma ata crear a forma final. Outras moi habituais son as SLA que usan resina fotosensible (que solidifica coa luz dun proxector).

Así explicado por un que sabe de que vai isto semella doado…

E xa non só a nivel doméstico. En moitas industrias xa se empregan técnicas moito máis avanzadas de impresión e con materiais especiais. Hai impresoras capaces de imprimir mediante un láser e producen pezas metálicas (técnica SLM ou DMLM nas súas siglas en inglés) así como de outros tipos de plástico. Mesmo en Airbus seica xa se fan pezas metálicas e soportes de plásticos ignífugos empregando varias técnicas de impresión 3D.

Peza realizada por Vitamina 3D

As grandes vantaxes disto para as industrias é que permite facer pezas moi complexas que con métodos tradicionais non se podería e sen practicamente desperdiciar material. Un torno ou unha fresa, por exemplo, funcionan “tallando” un bloque metálico, quitándolle material ata deixalo na súa forma final. A impresión 3D funciona do revés: engade o material xusto e necesario para facer a peza sen perder nada polo camiño.

Os ‘makers’ tedes un rollo moi colaborativo, pero haberá algúns que cheguen a patentar os seus deseños, non?

Certo que hai xente que vende algúns dos seus deseños e con todo o dereito. Tamén hai que recoñecer o traballo da xente, especialmente cando son deseños complexos ou únicos dalgún xeito, aínda que nos repositorios a gran maioría son gratuítos. En calquera caso, existe un sistema de licenzas (Creative Commons) pensado para protexer a autoría dos deseños. Cada deseñador ou deseñadora elixe que nivel de protección lle dá ás súas creacións.

Dito isto, como dixen a maioría son gratuítos e permítense compartir, modificar e incluso moitos usalos con fins comerciais segundo o tipo de licenza. A cousa é crear comunidade e poñer coñecemento e medios á disposición da xente, que logo sempre responde aportando o seu gran de area. Un exemplo son os movementos dedicados a fabricar materiais sanitarios como salvaorellas ou pezas para as pantallas de plástico que leva o persoal sanitario. Alguén que non saiba deseñar pode atopar estas pezas en internet facilmente e imprimilas.

“A cousa é crear comunidade e poñer coñecemento e medios á disposición da xente, que logo sempre responde aportando o seu gran de area”

Algún día, Vitamina 3D será un negocio? Que necesitas para dar ese paso, e en que consistirá?

Estaría xenial vivir disto. Estou aprendendo moito sobre o tema e cada vez gústame máis. Sen embargo, emprender non é algo sinxelo e creo que me fai falla algo máis de coñecemento, seguridade e confianza, así como un plan claro de negocio.

“Estou aprendendo moito sobre o tema e cada vez gústame máis”

Desde logo, se termino dando ese paso nalgún momento, case seguro que estaría centrado en facer deseños personalizados e imprimilos segundo as necesidades dos clientes e clientas. Desde unha peza de reposto ata un chaveiro personalizado. Incluso quizais poñer á venta algún deseño. 

Calquera cousa que se che pase pola cabeza pódela deseñar e imprimir. Este horizonte tan amplo de posibilidades é posiblemente o que máis atractivo resulta da impresión 3D.

Escudo do R.C. Celta de Vigo realizado por Vitamina 3D

ÚLTIMAS

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...