InicioEn profundidadeO enxeñeiro informático pantonés que soña con alcanzar o automobilismo de competición

O enxeñeiro informático pantonés que soña con alcanzar o automobilismo de competición

Antonio Quintela estuda enxeñaría informática no Campus de Ourense da Universidade de Vigo e forma parte do Club Fórmula Student, a Fórmula 1 de estudantes a nivel mundial.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Antonio Quintela é un rapaz do Castro de Ferreira ao que lle gusta o motor dende hai anos e que colleu gran afección polos monoprazas grazas a Fernando Alonso. “Sempre recordarei ese coche azul e amarelo cruzando a meta en Hungría, mentres meu pai me dicía ‘este fenómeno está facendo historia’”, comenta Quintela nun momento desta entrevista.

Nestes momentos, os estudos de enxeñaria informática que cursa en Ourense estano levando pouco a pouco ao mundo do automobilismo, lugar onde aspira chegar. Segundo el mesmo recoñece, “busco que a carreira de enxeñería informática sexa un trampolín de cara a outros estudos mais especializados, para poder formarme no mundo do automobilismo de competición”.

Dende cando conduces?

Dende hai 3 anos, ao sacar o carné de conducir. Pero xa de antes, sempre que podía, botáballe man a karts, buggies, quads ou o que fora. Se tiña rodas e motor, servía para matar as ganas.

Coche preferido?

Pregunta difícil, pero decantareime polo Porsche 911. Todo un clásico.

Todoterreo ou deportivo?

Deportivo, sempre.

Carlos Sainz ou Fernando Alonso?

Son fan de Carlos, pero non hai ningún piloto que me levante a paixón coma fai Fernando.

Monopraza. Foto: UVigo Motorsport

Cando comezou a túa afección polos monoprazas?

Pois precisamente, por enlazar coa pregunta anterior, ten moito que ver Fernando Alonso. Antes dos anos 2000, a F1 “viaxaba” entre televisións, dende Canal +, ata Telecinco ou Televisión Española. O habitual era que as carreiras se emitisen de madrugada, atrasadas e non todas. En 2003 iso cambiou. A F1 comezouse a emitir en aberto en TVE, coincidindo co debut de Alonso en Renault. Na miña familia había certa tradición polo automobilismo, destacando meu pai, que seguía o deporte dende hai décadas, así que os domingos de comidas familiares dese ano 2003 comezaron a ser domingos de Fórmula 1. Alonso acabaría o ano 6º, con 1 vitoria, 3 podios e 2 poles na súa segunda tempada en F1, sendo o máis novo da historia de aquelas en conseguir unha pole, subirse ao podio e gañar un Gran Premio. España fíxose eco de todo isto, e eu subinme ao carro. Sempre recordarei ese coche azul e amarelo cruzando a meta en Hungría, mentres meu pai me dicía “este fenómeno está facendo historia”. E dende entón, a miña afección empeceu a crecer máis e máis co paso do tempo, seguindo cada vez un maior número de competicións e aprendendo máis do mundo do automobilismo.

“Na miña familia había certa tradición polo automobilismo, destacando meu pai, que seguía o deporte dende hai décadas”

Plantéxaste tentar traballar no mundo automobilístico?

Por suposto, é o meu obxectivo. Gústame o mundo da informática, froito da miña inclinación pola tecnoloxía e a miña curiosidade. Pero por riba están os automóbiles. Busco que a carreira de enxeñería informática sexa un trampolín de cara a outros estudos mais especializados, para poder formarme no mundo do automobilismo de competición. É un camiño duro, nun sector moi específico. Vai estar marcado por paixón e moito traballo, e formar parte do equipo de Formula Student é unha das primeiras pezas do crebacabezas. Aspiro a poder formar parte dun equipo profesional como enxeñeiro. O tempo e o meu traballo o dirán.

“Aspiro a poder formar parte dun equipo profesional como enxeñeiro”

Como amante dos coches, que ruta recomendarías para facer por Pantón?

Cal non?! Todas elas levan a lugares cheos de historia e ás paisaxes máis fermosas do mundo, que son as nosas viñas. E sobre todo para os que crecemos aló, todas teñan algunha que outra historia para nós, e coñecémolas coma a palma das nosas mans. Os tramos por Pantón, Deade, Espasantes, Mañente, Acedre, Següín… Pero se hai que destacar unha, o tramo da N-120 que percorre todo o concello, pasando polo Castro de Ferreira, encontrándose entre Monforte e Os Peares. E a vella C-546 que unía Ourense e Nadela. Nunca me cansarei dela.

Cóntanos un pouco sobre o equipo de Fórmula Student da Universidade de Vigo e o UM21.

UVigo Motorsport, fundado en 2014. É un equipo de Formula Student formado na súa totalidade por estudantes da Universidade de Vigo, a cal representamos nas diversas competicións que teñen lugar cada ano. A Formula Student é unha competición automobilística interuniversitaria e internacional na cal rétase a que un equipo formado por estudantes de distintos campos da enxeñería traballen no desenvolvemento dun pequeno coche de carreiras estilo Fórmula. Cada equipo de estudantes deseña, constrúe e proba un prototipo cumprindo unha normativa técnica e administrativa, cuxo propósito é garantir a seguridade na pista –os monoprazas son pilotados polos propios estudantes– e promover a resolución de problemas.

Como xa mencionei, os equipos deben estar formados integramente por estudantes da universidade a cal representan. Os membros do equipo poden recibir consellos e críticas de enxeñeiros profesionais ou profesores, pero todo o deseño do coche debe ser exclusivamente feito por eles mesmos. Os estudantes tamén son os únicos responsables da captación de fondos para financiar o equipo e de dotalo dos recursos necesarios para poder levar a cabo as súas actividades.

Nesta liña, a Universidade colabora co equipo, ofrecendo soporte loxístico para as súas operacións. Xunto a isto, o apoio en calidade de aporte financeiro e asistencia do profesorado que aportan as distintas Escolas. Tamén destacar a contribución de institucións publicas, como o Concello de Vigo e a Zona Franca, potenciando o proxecto, expandindo así as posibilidades dos estudantes para investigar, desenvolver e construír.

Destacar o investimento do sector privado no proxecto, onde mediante plans de patrocinio empresas colaboran co equipo de diversas formas. Unhas dotan aos estudantes de materiais, ferramentas e liquidez necesarias para o desenvolvemento técnico dos monoprazas; outras, ofrecen acceso a equipamento de carácter industrial co que se preparan compoñentes claves, ou brindan as súas instalacións especializadas e a cooperación dos seus profesionais para a posta a punto dos monoprazas.

Nas competicións corremos fronte a equipos de todo o mundo, onde o noso proxecto é valorado en diversos ámbitos por un xurado formado por expertos do mundo do automobilismo, o sector do automóbil e provedores. Por un lado, encóntranse as probas estáticas, nas que se presenta ante un xurado o deseño técnico completo do monopraza e as decisións detrás dese deseño, un plan de negocio realizado polos alumnos sobre o proxecto e a súa viabilidade; e finalmente a planificación e custes asociados á construción do monopraza, coa súa debida xustificación. Por outro lado, as probas dinámicas, onde os monoprazas saen á pista, onde se avalía o rendemento e fiabilidade en diversas configuracións de trazado. Para disputar esta batería de probas, o prototipo pasa por unha inspección técnica ao comezo da competición, no cal debe cumprir os requisitos de freada, estabilidade e niveis de ruído.

Volvendo ao noso equipo, os seus 41 integrantes están organizados en departamentos, sendo cada un responsable dunha área dentro do equipo, sexa técnica ou administrativa. Atópanse á súa vez baixo unha xefatura de equipo e unha dirección técnica, as cales xunto ao resto de membros conforman ditos departamentos, os cales son: Organización e Marketing, Propulsión e Transmisión, Dinámica, Chasis e Seguridade, Aerodinámica, Electrónica e o máis recente, Autónomo.

Actualmente, encontrámonos en metade do desenvolvemento do monopraza desta tempada, o UM21, concretamente na fase de fabricación. O noso obxectivo é mellorar a fiabilidade e o rendemento en todos os aspectos posibles con respecto ao seu predecesor, o UM19, monopraza da tempada 2018/2019 co que seguimos a realizar diversos tests, nos cales se proban novas pezas e configuracións. Mediante os seus respectivos exames de acceso, obtivemos o noso posto na Formula Student Germany, que ten lugar no circuíto de Hockenheim, e a Formula Student Spain, en Montmelo, as cales disputaremos co UM21 este verán.

“O noso obxectivo é deseñar un prototipo con todos os sistemas necesarios para que o monopraza poida disputar as probas dinámicas das competicións sen necesidade da actuación de ningún piloto”

Esta é a segunda tempada dende a fundación do departamento. O noso obxectivo é deseñar un prototipo con todos os sistemas necesarios para que o monopraza poida disputar as probas dinámicas das competicións sen necesidade da actuación de ningún piloto. Para acadar isto, precísase traballar con tecnoloxía moi sofisticada, aínda experimental no sector da automoción, e con altos custes económicos. En liñas xerais, o noso labor consiste en substituír en todos os aspectos a un piloto humano, os cales clasificamos en 5 bloques. Sensórica, onde se investiga, configura e instalan cámaras e outros sensores, xunto aos xa emprazados no monopraza actual, para dotar ao monopraza da capacidade de recibir unha gran cantidade de información sobre o seu estado e funcionamento, á vez que do seu entorno. Procesamento, onde se analizan os datos recibidos por parte da sensórica, os cales se converten en información tratada que permite determinar a súa posición, mapear a pista xunto posibles obstáculos, determinar trazadas a seguir estimando velocidades e dirección do monopraza. Control, o cal leva a toma de decisións en base a información obtida por Procesamento, dando como resultado comandos que controlan os actuadores, ou outras accións en función do estado do coche. Actuación, na cal se leva a cabo investigación, preparación e montaxe de diversos servomotores e actuadores lineais que actúen sobre a dirección e pedalera do vehículo tal e como indique Control. Telemetría é responsable das comunicacións, o cal implica o deseño e implementación dun sistema de transmisión e recepción de información. Non só entre o monopraza e terminais externos, senón entre os propios sistemas do vehículo. Todos estes sistemas deben dispoñer dunha estrutura hadware e software que permita procesar, gardar e transmitir toda esta información de forma fiable, potente e segura en todo momento e tempo real co monopraza operativo.

O departamento Autónomo, xunto co resto do equipo, traballa moi duro para poder disputar a copa Driverless das competicións no verán de 2022, co que será o primeiro monopraza do equipo con capacidade autónoma.

Como vós afectou a Covid-19?

Remontándonos ao ano pasado, co confinamento xeral, paralizáronse parte das actividades do equipo. Comezamos a traballar de forma telemática por motivos sanitarios, o cal impedía realizar tests co monopraza ou continuar coa fabricación do prototipo planeado para esa tempada, o UM20. Na medida do posible, cada departamento continuaba coas súas tarefas de forma remota. Pero a finais de marzo, a Formula Student Germany anunciou que se cancelaba a edición 2020 da competición, e o resto de competicións non tardaron en seguila. Foi un golpe duro para todos os membros, vendo como perdíamos a oportunidade de competir ese ano. Rapidamente, reorganizámonos para enfocarnos a 2021. Aproveitamos esta especie de ano de transición para incorporar novas ideas e conceptos no deseño do seguinte monopraza do equipo, agora o UM21. Sen embargo, non é tarefa fácil. Ata mediados de verán non retomamos o traballo de forma presencial, o cal nos fixo perder tempo moi valioso, e dende entón, o efecto da Covid-19 segue presente. O impacto económico da pandemia dificulta en parte conseguir o apoio financeiro para o proxecto, xunto coa implantación de medidas de control de acceso e aforo aos nosos espazos, as cales dificultan a fluidez no traballo conxunto do equipo.

Traballo en equipo no UVigo Motorsport

Como entraches no equipo de UVigo Motorsport?

Todos os anos, ao rematar unha tempada, planease a ampliación de cara a seguinte, para buscar potenciais novos membros. En Setembro de 2019, membros do equipo acudiron ao Campus de Ourense, anunciando o período de ampliación desa tempada, destacando que buscaban enxeñeiros informáticos para un novo departamento que estaban a fundar, o Autónomo. Apunteime sen dubidar, con interese en varios dos departamentos (se non recordo mal, Organización & Marketing, Electrónica, e Autónomo). Pasei por unha entrevista na primeira fase do proceso, e na segunda asistín a varios cursos organizados polo equipo, onde nos familiarizamos con varios programas que se utilizan no desenvolvemento dos prototipos do equipo. Unha vez superada esta fase, comecei o meu tempo de proba no equipo, como un dos primeiros integrantes do recentemente inaugurado departamento Autónomo. Unhas semanas despois, xa era membro establecido na estrutura do equipo.

Como estudante de enxeñaría informática que aportas ao equipo?

Principalmente, o meu traballo céntrase no desenvolvemento do prototipo autónomo para as competicións Driverless. Esta tempada estou encargado de desenvolver o sistema de telemetría no prototipo, que basicamente consiste en acadar unha comunicación de carácter remoto co coche, para poder monitorizar o seu estado e funcionamento en tempo real. Indispensable de cara a recibir información do coche, para detectar problemas rapidamente e saber onde traballar para acadar maior rendemento de forma precisa. Ademais, a normativa da competición esixe por cuestións de seguridade, unha comunicación establecida co monopraza para poder detelo de forma remota en caso dunha emerxencia. Durante os últimos meses, estiven investigando e deseñando potenciais sistemas de telemetría, baseándome en diversas tecnoloxías das telecomunicacións, coma Wi-Fi, radio ou WAVE, esta última enfocada ao mundo do vehículo autónomo e aínda moi experimental. Debo ter en conta factores coma o medio, dispositivos emisores de sinal, protocolos de comunicación, software que procese o envío, recepción e presentación da información, entre outros. E isto todo, integralo co resto de sistemas do monopraza, a estrutura do chasis, á vez que facelo o máis eficiente e económico posible.

“Esta tempada estou encargado de desenvolver o sistema de telemetría no prototipo, que basicamente consiste en acadar unha comunicación de carácter remoto co coche, para poder monitorizar o seu estado e funcionamento en tempo real”

O ano pasado, ao ser o primeiro ano do departamento, foi máis un ano de investigación, familiarizándonos coa tecnoloxía, ferramentas e requisitos que nos impón a normativa da competición autónoma en tódalas súas áreas.

Non somos un departamento moi grande, polo que o traballo é en certa parte transversal. É dicir, aínda que cada un está centrado nalgunha sección do desenvolvemento, é habitual moverse dentro deste para botarnos unha man e colaborar no traballo dalgún compañeiro. Por poñer un par de exemplos, hai tempo estiven tratando máis de cerca coa futura actuación do monopraza, investigando modelos e funcionamento dos servos e motores que substitúen ao piloto na utilización dos controles do coche; ou cos meus compañeiros encargados de Hodometría, os cales traballan para estimar mediante ferramentas software a distancia relativa que hai da posición na que se encontra o coche nun intre determinado, aos elementos detectados en imaxe pola cámara, o que supón un mapeado máis preciso da pista.

Á súa vez, mantemos un estreito contacto co resto de departamentos cos cales traballamos, non só con respecto ao desenvolvemento do prototipo autónomo, senón en outras cuestións onde a nosa experiencia coa informática e as telecomunicacións poden resultar de axuda. Sen ir máis lonxe, recentemente estiven xunto ao noso departamento de Propulsión para axustar o funcionamento de certos sensores Lambda a través do software de xestión da ECU do UM19. Igualmente, os nosos compañeiros sempre nos asisten onde é necesario. No último test levado a cabo polo equipo, membros de electrónica axudaron na conexión e montaxe de varias pezas, para probar unha primeira versión dun sistema de telemetría, co que se obtivo en tempo real e á distancia información da ECU do UM19 rodando. Ao mesmo tempo, o equipo puido mapear o motor e configurar distintos parámetros do monopraza. Isto é un equipo, e todos tiramos de todos.

ÚLTIMAS

Fin de semana de Fam Trip na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebra do 24 ao 26 de maio...

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...