InicioEn profundidadeJulia Otero: “Cataluña é sempre reivindicativa; Galicia é, como dicía Castelao, mansa”

Julia Otero: “Cataluña é sempre reivindicativa; Galicia é, como dicía Castelao, mansa”

A comunicadora monfortina, protagonista das Festas Patronais 2018, amósanos o seu lado máis galego e demostra unha gran personalidade contestando ás preguntas que lle expomos.

Publicado o

- Advertisement -

Julia Otero, encargada de abrir as grandes festas de Monforte este ano, conseguiu emocionar e facer que o pregón desta edición fose, con diferenza, o máis multitudinario de cantos se teñen feito.

Un pregón no que amosou o seu amor a esta terra, o compromiso con Monforte de Lemos, a súa fe nas posibilidades que ten Ribeira Sacra e que non foi para nada compracente, ao contrario, crítico coa actitude resignada e pouco ambiciosa dos galegos. 

Catalana? Galega? Catalano-galaica?

Son galega polos catro custados e barcelonesa desde os 3 anos. A miña patria son as persoas que quero, como dixen o día 11 no meu pregón en Monforte, de xeito que me sinto ben alí onde estou rodeada de xente que me importa. Pero Galicia dóeme especialmente, preocúpame o seu futuro, o seu benestar. Aí é onde noto que a galeguidade forma parte de min.

Que trazos admiras e cales detestas do xeito de ser galego e do xeito de ser catalán? 

A mesma característica pode ser negativa ou positiva, segundo o grao e o momento. De Cataluña admiro o seu empuxe, a súa ambición como territorio, a súa capacidade de transmitir de xeración en xeración o amor e o apego polas tradicións e a cultura propias, contra vento e marea. Dos galegos admiro a súa retranca, a súa forma de xestionar a fatalidade e a capacidade de buscarse a vida en calquera recuncho do planeta. Creo que tanto a galeguidade como a catalanidade é fortísima en cada individuo aínda que colectivamente maniféstese de forma moi distinta. Cataluña é sempre reivindicativa; Galicia é, como dicía Castelao, mansa.

Toda unha vida en Cataluña pero sen perder de vista nunca a Galicia. Por morriña ou por apego familiar? 

Só se pode ter morriña do que se lembra, e os meus primeiros recordos son xa en Barcelona. Pero son filla única dun galego empedernido que soubo transmitirme o amor polas raíces e a terra. Volver a Monforte era sempre volver á casa para el. Iso callou en min. Volver ás raíces, reconstruír a casa de pedra construída polas mans do meu avó, alí onde me criei ata os 3 anos, é a forma de agradecer aos meus maiores todo o que fixeron por min.

Con 3 aniños emigraches cos teus pais a Cataluña. Como fas para conservar e practicar o galego? 

Desde que morreu o meu pai téñoo máis difícil, antes as conversacións entre el e a miña nai sempre eran en galego. Por iso a miña filla tamén o entende perfectamente. Cando cheguei a Barcelona eu só falaba galego, así que os meus pais empeñáronse en que aprendese canto antes o castelán porque a miña escolarización era cuestión de meses. Así que empezaron a falarme só en castelán e a non responderme cando eu lles falaba en galego para forzarme a aprender outra lingua. Cando mo contan paréceme moi duro aínda… O certo é que abandonei o galego, á forza, como falante aínda que seguín escoitándolles falar a eles. E logo, nas vacacións. Unha lingua materna deixa pegadas para sempre nas nosas neuronas. O meu galego actual non é o normativo, pero tento aprender e mellorar. Fáltame fluidez pero podo manter unha conversación.

Como profesional moi recoñecida e respectada no mundo da comunicación a nivel nacional, consideras que falta divulgación política e informativa nos medios para coñecer e respectar as culturas catalá e galega? 

Creo que a hexemonía do castelán, como lingua común, debera ter convivido con moita máis naturalidade co resto de linguas españolas. Hai unha actitude mezquina, ademais de equivocada, que consiste en ver como unha agresión o uso de calquera lingua en España que non sexa a castelá. Cando iso se usa politicamente, chegan os problemas. Eu teño a sorte de poder comunicarme en tres linguas da península e sinto que iso non só non é un problema senón que é un privilexio. E é tamén unha actitude, porque eu quixen aprender catalán igual que quero falar ben en galego ou en castelán. Paréceme vergoñoso que haxa persoas que defendan o dereito a Non saber, cando o dereito que hai que defender é o de saber, canto máis mellor.

Din que ninguén é profeta na súa terra pero ti estás rompendo o tópico. Como levas a “sobrecarga afectiva e mediática” destes días en Monforte?  

O afecto nunca é unha sobrecarga. O que destrúe é a falta de agarimo, de apego, de bicos e abrazos. Eu son moi sentimental e, como a calquera ser humano, gústame ser querida. A fin de contas é o obxectivo último de calquera profesional que estea no ámbito público. Hai unha anécdota preciosa do Mozart neno, cando alguén lle pide na Corte que volva tocar ao piano unha das súas pezas. Mozart contéstalle, “fágoo se me dis que me queres”. Pois iso, hai algo máis na vida que o afecto dos teus?

Público asistente ao pregón de Julia Otero. Foto: José Ramón Casanova

O teu pregón nas Festas de Monforte gustou moitísimo. Supoño que foi doado se veu da man da ilusión e da emoción, non?  

Non foi un pregón compracente precisamente. Creo que fun crítica coa actitude ás veces resignada e pouco ambiciosa dos galegos. Foi estupendo que se entendese tan ben a miña intención, a miña idea de espolear e axitar conciencias. Está claro que a Ribeira Sacra é un tesouro e que hai que pensar, emprender, explorar a forma de sacar partido do lugar marabilloso no que estamos. E convertelo en porvir e futuro para os mozos. Xa abonda de coller as maletas e irse, ese foi o meu berro no pregón. 

Monforte e Ribeira Sacra son xa a túa segunda casa, verdade?  

Son moito máis que unha segunda casa, son a casa na que empezou todo. Veño 4 ou 5 veces ao ano e, desde que temos Onda Cero en Monforte, podo traballar desde aquí para toda España. De feito xa o fago varios días ao ano. Igual, co tempo, podo mesmo facelo varios meses…

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....