Louband: “un espectáculo que se traduce nun concerto continuo”

Dende a coñecida charanga de Sarria, sucesora de Madialeva e con músicos de diferentes procedencias, cóntannos que “o verán foi realmente bo en canto a actuacións” e adiántannos proxectos moi interesantes de cara ao futuro próximo.

Charanga Louband. Foto cedida.

Contactamos cun membro de Louband para coñecer un pouquiño máis esta formación musical e ver como se moven no “mundo charanga”, un universo especial dentro da cultura popular de festas en Galicia.

As súas actuacións transmiten unha potente enerxía nun espectáculo que se caracteriza por fusionar instrumentos con amplificación como trompetas, saxofóns, teclados, guitarras, baixo e percusións. Todo a pé de rúa e cun repertorio amplo que abrangue estilos tan dispares que poden ir dende os boleros ata a música actual, pasando polo indie, o ska ou a música dos 80-90.

Louband é sucesora da mítica Charanga Madialeva, unha formación que naceu no 2006 e que no ano 2017 representou a Galicia no ‘V Festival Nacional de Charangas’ celebrado en Burgos.

Falamos, pois, cun membro que contesta ás nosas preguntas na primeira persoa do plural en representación da banda.

Cando nace Louband como charanga? Xa naceu con este nome?

Louband comeza a ensaiar a finais do 2017, tendo a primeira actuación na primavera de 2018. Nacemos primeiro como concepto, partindo da agrupación anterior, Charanga Madialeva, e cara un grupo máis “eléctrico”, e o nome sae dentro do proceso de cambio de identidade.

“Esta agrupación atrapounos a varios de nós ata o punto de trasladar a vida a esta vila”

Sodes todos músicos de Sarria?

Non, temos músicos de Sarria, Lugo, Venezuela e incluso Arxentina, pódese dicir que somos “internacionais” neste aspecto. O certo é que esta agrupación atrapounos a varios de nós ata o punto de trasladar a vida a esta vila.

Charangas en Galicia hai moitas, que credes que vos diferenza das demais?

Charangas en Galicia non hai dúas iguais, todas temos diferenzas en canto a conceptos, a interacción, a personalidade como grupo… Pódese dicir que para gustos… Charangas!!!

Charanga Louband de Sarria. Foto: Louband

Entendendo a versatilidade musical que vos caracteriza, que estilos musicais funcionan mellor en festas e romarías?

Dentro de cada festa sempre hai un público para cada estilo, a clave sempre é adaptarse como artista a cada momento e cada lugar.

“Charangas en Galicia non hai dúas iguais […] Pódese dicir que para gustos… Charangas!!!”

Tedes temas propios ou “tuneados”? Citade algún

Temos uns cantos temas propios, que a día de hoxe están sen editar, e preferimos gardalos como sorpresa para un futuro próximo. En canto aos temas “tuneados”, case podemos coller calquera canción do noso repertorio, xa que todo o que tocamos está arranxado por nós mesmos, ao cal lle dedicamos moito tempo e cariño, coma o tema O Tren, de Andrés do Barro, que conta cun arranxo moi peculiar, e que pronto poderedes escoitar.

O formato charanga evolucionou moito nestes anos. Só na equipación técnica e instrumental ou tamén na relación co público?

É un proceso de cambio continuo, en tódolos aspectos, contando dende os recursos técnicos necesarios, ata a interacción co público. É este mesmo público o que reclama, nesa busca dun protagonismo propio dentro do espectáculo.

Charangas como a vosa son xa competencia directa de grupos de música e orquestras ao gañar espazo nos escenarios. É así ou estou esaxerando?

Para nós, na música non hai competencia directa entre distintas agrupacións, porque de feito trátase diso, de ofrecer variedade. Tamén as mesmas agrupacións buscan cada vez ser mais adaptables a distintos formatos, sempre dentro das posibilidades de cada espectáculo.

“Para nós, na música non hai competencia directa entre distintas agrupacións, porque de feito trátase diso, de ofrecer variedade”

Antes, o normal era vervos en pasarrúas e pouco mais, agora dades concertos. Isto chegou coa pandemia ou xa vén de atrás?

Para nós non hai diferenzas, xa que o noso departamento de I+D+i desenvolveu un espectáculo que se traduce nun concerto continuo, dá igual que desfilemos por unha rúa calquera, coma que nos quedemos un pase enteiro nunha praza.

Que tal foi este verán no que respecta as actuacións? Imos saíndo do “confinamento festeiro”?

Parece que pouco a pouco as organizacións de festas, tanto concellos coma comisións, estanse animando a contar con actuacións de rúa, xa non falo do noso caso en concreto, que levamos un verán realmente bo en canto a actuacións, se non do gremio en xeral, que pouco a pouco ve a luz ao final do túnel.

“O noso departamento de I+D+i desenvolveu un espectáculo que se traduce nun concerto continuo”

Traballades con representante ou tedes autoxestión á hora de pechar actuacións?

Temos todo tipo de contratacións, a xente pode poñerse en contacto con nós a través de representantes, chamándonos directamente, ou a través de distintos programas culturais de deputacións ou concellos.

Louband. Foto cedida pola banda.

Este traballo dá para vivir en condicións normais?

Cada traballo ten as súas particularidades, e cada un sabe ben onde se mete, nós non nos queixamos.

Algún proxecto de cara o futuro?

Ter un traballo que dea para vivir en condicións normais (risas). Agora en serio, temos moitos proxectos abertos, empezando por ampliar zonas de influencia, unha gravación en proceso, e temas propios no forno, que verán a luz proximamente.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here