‘Olivareiro’, o aceite de Quiroga que recomenda Carlos Parra, chef do Castelo de Maceda

Coñecemos o proxecto emprendedor que hai detrás desta marca, nacida na aldea de Sequeiros, en Quiroga, grazas á paixón e ilusión de Marta e José David. “A primeira colleita foi moi emocionante, xa hai aproximadamente uns 18 anos dela e foi moi emotivo ver saír do cano do muíño ese ouro líquido”, contan con gran satisfacción.

José David nos traballos de vareo e recolleita. Foto: Olivareiro

Achegámonos a Quiroga para coñecer a Marta González, de San Clodio, e José David Figueroa, de Sequeiros, no Concello de Quiroga. Unha parella de emprendedores que están apostando pola produción e a comercialización de aceite, o ouro verde desta comarca.

Contan que hai uns vinte anos comezaron a plantar algunhas oliveiras e foron animándose a recuperar tamén árbores vellas abandonadas tanto familiares como de veciños, dedicándolle cada vez máis tempo das súas vidas ao ‘oficio olivareiro’.

A paixón polas oliveiras de José David, e contaxiada a Marta, fixo que ambos deran un paso máis sacando ao mercado a súa propia marca de aceite: Olivareiro. Baixo esta denominación levan comercializando xa tres colleitas de ouro verde espectacular. Quedámonos cunha frase que teñen na súa web: “de Sequeiros, ao teu padal!”.

Falamos con eles.

O amor polas oliveiras chegouvos por tradición familiar?

José David: a min si, dende que teño memoria sempre lembro as oliveiras e facer aceite na miña casa. Incluso o meu avó materno era o caseiro do muíño que había en Sequeiros e lembro con moita ledicia o feito de facer o aceite nese muíño, eses días eran como días de festa.

Marta: a min, pola contra, o amor por estas árbores e polo aceite chegoume da man de José David e da súa paixón contaxiosa por eses feitos. 

“Cando empezamos a moer a nosas propias colleitas e a probar o aceite que saía delas foi cando comezamos a pensar noutro enfoque para este produto”

Cando empezastes co cultivo de oliveiras e con que intención inicial?

Empezamos hai xa uns 19 ou 20 anos, comezamos plantando algunha árbore que outra e pouco despois xa comezamos a recuperar oliveiras que estaban abandonadas da nosa propiedade e doutros veciños que as cederon a cambio limpar os terreos. Ao primeiro era como un obxectivo a largo prazo, unha especie de “plan de pensións” e un pasatempo ao mesmo tempo ao gustarnos a natureza e o campo. Cando empezamos a moer a nosas propias colleitas e a probar o aceite que saía delas foi cando comezamos a pensar noutro enfoque para este produto. 

Lembrades a vosa primeira colleita de aceite? Describide a sensación.

A primeira colleita foi moi emocionante, xa hai aproximadamente uns 18 anos dela e foi moi emotivo ver saír do cano do muíño ese ouro líquido. Aínda que tamén é certo que non foi todo ledicia, supoñemos que a inexperiencia e a falta de información xogounos unha mala pasada e o sabor do aceite non foi o esperado… nada que ver co que foi mellorando co paso do tempo. 

“A primeira colleita foi moi emocionante, xa hai aproximadamente uns 18 anos dela e foi moi emotivo ver saír do cano do muíño ese ouro líquido”

Tendo claro que queriades ir máis alá, a idea era comercializalo e crear a vosa marca, verdade?

Certo, queríamos dar a coñecer á xente o noso produto coa nosa propia marca.

Por certo, dende cando empregades ‘Olivareiro‘ como distintivo comercial?

Dende hai un par de anos máis ou menos, estamos agora coa terceira colleita baixo a nosa marca. 

Logotipo e botellas de aceite ‘Olivareiro’

Cando decidistes poñer o voso aceite no mercado, supoño que tivestes que aumentar o oliveiral, dedicar máis tempo aos traballos, superar a burocracia para comercializalo… Contádenos.

A idea de darnos a coñecer e de comercializar o noso produto obrigounos a medrar en produción así que si, tivemos que aumentar o número de oliveiras; para este cometido valémonos da recuperación de moitas oliveiras (algunhas centenarias) que os veciños de Sequeiros nos doaron a cambio de limpeza dos terreos. Ademais, compramos máis terreos para plantar e plantamos máis oliveiras nos que xa eran da nosa propiedade.

“A idea de darnos a coñecer e de comercializar o noso produto obrigounos a medrar en produción”

Supón máis traballo e dedicación… tamén é certo que é unha árbore que tarda entre 3 e 5 anos en comezar a producir así que, por agora, estamos mantendo a produción dos últimos 3 anos. Todo o necesario cos trámites de papeleo, permisos e demais deixámolo nas mans dunha xestoría especializada en temas agrarios (sempre supervisados por nós e co noso consentimento) que nos facilitou moito o traballo. Tamén tivemos unha persoa que nos fixo de guía para poder comezar e á cal lle estamos moi agradecidos. 

José David plantando novas oliveiras. Foto: Olivareiro

Superadas estas dificultades, tocaba xa chegar ao consumidor. Que canles de venda empregades actualmente?

Actualmente o noso aceite pódese atopar en diferentes tendas de produtos típicos e produtos gourmet en varias localidades galegas como Vigo, Ourense, Lugo…, tamén na tenda online e física de “Gourmet Gallego” e comezamos a colaborar coa sección de produtos típicos que puxo o dono das “3 en cunca” que hai pouco que abriu as súas portas en Quiroga.

Ademais, pódese degustar no restaurante “Castelo de Maceda” e adquirir no restaurante “Fonte da Salud II”. E como non, a través de nós, vía telefónica, por correo electrónico ou persoalmente. 

Tedes algún ‘padriño’ ou ‘madriña’ que prescriba o voso aceite? Algún escaparate onde estades que mereza a pena comentar?

Si que temos un “padriño” que confiou en nós dende o principio, que creu e exaltou o noso aceite e que é un gran embaixador do mesmo. Grazas a el, coñécennos en moitos sitios e moita xente. É o noso amigo Carlos Parra, chef galego e xerente e cociñeiro do restaurante-parador “Castelo de Maceda”. Dende aquí, grazas Carlos por estar aí!

“Grazas a el –Chef Carlos Parra– coñécennos en moitos sitios e moita xente”

Como foi a recolleita de olivas este ano no que respecta a cantidade e a calidade?

Bueno, este ano tivemos menos cantidade de olivas que o pasado ano pero a que se colleitou tivo un rendemento moito maior e a calidade é moi boa. As analíticas así o reflicten. Debido a que rendeu mellor, tivemos unha produción moi similar ao ano pasado. 

Recolleita de olivas. Foto: Olivareiro

Traballades só autóctona, brava e mansa, ou tamén outras variedades?

Traballamos un pouco de todo. Das autóctonas maioritariamente, pero tamén temos arbequina, picual, cornicabra… O que si facemos e separalas e facer dous aceites diferentes, un que só ten variedades da zona e o outro que está elaborado coas outras variedades. 

“Traballamos un pouco de todo. Das autóctonas maioritariamente, pero tamén temos arbequina, picual, cornicabra…”

Cantos litros pensades comercializar, logo, de aceite autóctono e de plurivarietal?

A longo prazo e cando todo estea en plena produción non saberíamos dicir os litros, por agora temos que conformarnos cuns 200 litros aproximadamente para esta tempada. 

Que opinades da tramitación da D.O. Aceite de Quiroga? Credes que é necesario este selo de calidade para acabar de impulsar a comercialización? 

Cremos que a D.O. vai ser moi boa para distinguir o aceite desta zona, é unha maneira de darlle ao noso produto unha localización e de axudalo a establecer unha identidade, un nome propio.

Olivas en maduración. Foto: Olivareiro

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here