InicioEn profundidadeTratar a sexualidade na infancia, e por que non?

Tratar a sexualidade na infancia, e por que non?

O Concello do Incio impulsou días atrás unha actividade encamiñada ao desenvolvemento dunha identidade saudable para os máis pequenos dende o coñecemento das emocións e da sexualidade. Rebeca Fernández, da Asociación ASEIA, cóntanos como foi.

Publicado o

- Advertisement -

O pasado 22 de xaneiro tivo lugar no CEIP Ricardo Gasset do Incio unha actividade divulgativa baixo o título de “A importancia da educación sexual no desenvolvemento dunha identidade saudable: a importancia de falar das emocións”. Segundo nos indica Elvira, o concello correu co custe da mesma e a organización foi cousa da ANPA que contactou coa Asociación ASEIA, responsable da acción, despois de ver o bo traballo que levan a cabo no terreo da educación emocional e sexual.

“Decidimos ter esta actividade porque sentimos que é necesaria unha educación sexual e emocional dos nosos nenos e nenas antes de chegar á adolescencia e tamén unha educación en familia” engade Elvira, da ANPA do Colexio Ricardo Gasset.

ASEIA, Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia, é unha asociación especializada na atención integral en saúde emocional e mental comunitaria dos nenos, adolescentes e as súas familias. A responsable da actividade no Incio foi Rebeca Fernández Pereira que é coordinadora do programa “Adolescencia positiva: unha cuestión familiar” na que se enmarcan este tipo intervencións divulgativas. Falamos con ela da experiencia e da receptividade dos nenos, nenas e familias do Incio.

Cantos nenos e nenas participaron e de que idades?

Penso que eran uns 15 e con idades comprendidas entre os 7 e os 11 anos. Inicialmente o enfoque que lle dabamos a estas actividades era para adolescentes pero fomos vendo que o tema podía tratarse xa na infancia e agora traballamos moito con nenos e nenas de primaria.

Non estamos a falar logo de educación sexual en sentido estrito?

A idea é presentar a educación sexual como algo máis amplo que abrangue as emocións, a consciencia do noso propio corpo, a comunicación…

No aspecto pedagóxico, como se presentou a actividade?

Con dúas sesións, unha das 16:30 a 17:30 h. só cos nenos e nenas e outra das 17:30 ás 19:00 h. cos pais e coas nais.

Que fixestes na sesión cos cativos, logo?

Tratamos a respiración, as emocións e o coñecemento do propio corpo. A idea era darlle un sentido “vivencial” a esta parte na que temos que saber recoñecer como nos sentimos, que sensacións temos sos e en compañía e/ou en contacto con outras persoas.

Que tipo de exercicios se puxeron en práctica?

Traballar o contacto e as sensacións que se teñen. De forma individual fixen que os nenos e nenas se tocasen, percorreran os seus corpos para deixarse sentir e expresar as sensacións que lles producía. E tamén fixemos exercicios por parellas, mirándose cara a cara, sentados de costas, aproximación física entre eles…

Sentiron vergoña nalgún momento, foilles violento?

Para nada, todo fluíu con moita naturalidade. E máis tendo en conta que O Incio é un concello pequeno no que practicamente se coñecen todos entre eles.

E despois desta toma de contacto previa, como avanzou a actividade?

Entramos a falar de “sexualidade”. Pedinlles unha definición da palabra, que me dixesen que entendían por sexualidade. Houbo contestacións graciosas e algunhas básicas, como que sexualidade era home ou muller, pero en xeral todos e todas sabían o seu significado. Despois xa entramos a falar con naturalidade do tema e pedín que me fixeran preguntas. Neste punto si que tiñan pudor, vergoña, aínda que foron soltándose e preguntaron cousas interesantes.

Cres que hai déficit de coñecementos sobre sexualidade na escola?

Penso que si. O ideal sería que fose unha materia por si mesma pero non se trata como tal. Os coñecementos veñen a partir doutras materias como coñecemento do medio, ciencias naturais… e claro, creo que non é suficiente. Ao mellor é que non hai formación dabondo no profesorado ou que non hai tempo para máis materias e a realidade demostra que cada vez temos máis demanda de actividades divulgativas relacionadas coa educación sexual.

Notas diferenza ao tratar a sexualidade nun contexto rural como foi O Incio?

A priori hai menos recursos educativos que nas cidades e non é habitual, aínda que cada vez menos, que se veña facer traballo de divulgación ao rural. Aínda así creo que o tema do sexo vívese con máis naturalidade. Igual o contacto dende pequenos cos animais e velos no día a día pode que axude nese sentido.

Stand da Asociación ASEIA nun evento (arquivo). Fonte: ASEIA

E na sesión cos pais, que tal?

Moi ben tamén. Os pais e nais foron moi participativos e preguntaron moito. Neste sentido o enfoque que lle din a esta parte foi o da comunicación. No eido das emocións e da sexualidade ten que haber unha comunicación fluída entre os proxenitores e os seus fillos ou fillas, comunicación que chega sempre a partir da confianza. Neste sentido insistín que todo debe ser tratado con moita naturalidade e se os pequenos/as preguntan hai que darlles sempre unha resposta, adaptada á linguaxe que corresponda e ao contexto pero contestar sempre. Aos nenos e nenas non se lle debe ocultar nin negar información.

Non che preguntaron os pais que facer cando os fillos ou fillas non queren contar e/ou se ofenden ao ser preguntados?

Cando me preguntan iso eu contesto que os pais non debemos ser nunca “intrusivos”. Preguntar si, pero nunca con insistencia nin de xeito forzado. Hai que crear o clima axeitado cos fillos para que de forma natural se comuniquen con nós. Aconsellable ás veces buscar preguntas indirectas ou sacar o tema de forma lateral ou nun contexto.

 

 

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...