Sheila Pérez, “non é o mesmo decorar a propia casa que un establecemento turístico”

Lembramos a liña de axudas convocadas pola Axencia Turismo de Galicia para a mellora de infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e falamos cunha interiorista da súa experiencia profesional na Ribeira Sacra.

Proxecto interiorismo. Foto: Sheila Pérez

Coa Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, puxéronse as bases para potenciar a oferta turística galega con medidas de fomento que permitisen profesionalizar o sector turístico e as súas infraestruturas, mellorando a calidade e a competividade da oferta turística. Un ano despois nacía a Axencia Turismo de Galicia para impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e en especial para promover e ordenar o sector en Galicia.

Dada a necesidade de adaptación das infraestruturas e instalacións dos aloxamentos turísticos galegos para mellorar en sustentabilidade e accesibilidade pero tamén de cara á modernización e implementación de standars de calidade que demanda o mercado, a Axencia de Turismo dispón subvencións para que os interesados/as poidan acometer estas melloras. A finais de xaneiro publicouse unha resolución coas bases para solicitar as axudas para o ano 2019.

A grandes trazos, o obxecto das axudas é subvencionar as seguintes actuacións:

-Mellora das condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

-Mellora das instalacións de cara á obtención de certificados de calidade, en especial a Q de Calidade Turística.

-Mellora da clasificación do establecemento que incidan nun incremento de categoría.

-Melloras na climatización que favorezan a sustentabilidade aplicando medidas de aforro enerxético.

-Modernización das instalacións, embelecemento do contorno e renovación de equipamentos mobles.

Os requisitos básicos para obter as axudas son estar inscrito no Rexistro de Empresas e actividades da Xunta de Galicia (REAT), ser pequena ou mediana empresa e acreditar unha antigüidade no exercicio da actividade non inferior a 5 anos.

A subvención alcanza o 35% do investimento subvencionable cun máximo de 35.000 euros e o prazo para solicitar as axudas remata o 28 de febreiro de 2019.

Aproveitando esta liña de axudas, necesarias para mellorar os servizos e a calidade dos establecementos turísticos, falamos con Sheila Pérez, de Espazo NU, unha monfortina que se dedica profesionalmente ao interiorismo e ao deseño mobiliario.

Que tipo de traballos che encargan na Ribeira Sacra?

Rehabilitacións, reformas de locais comerciais, obra nova, deseños de interiores…

Tamén reformas en establecementos de carácter turístico?

Si, traballamos con albergues, hoteis, apartamentos turísticos, casas rurais…

É certo que temos moito que mellorar para ofrecer aloxamentos de calidade?

Si, bastante. Como digo eu “non é o mesmo decorar a propia casa que un establecemento turístico”. Hai xente que decora e deseña interiores seguindo a súa intuición e incluso aproveitando mobles que ten noutro lado e iso non se debe facer. Por poñer un exemplo, o colchón para a túa casa non vale para un hotel ou hostal e hai xente que non fai distinción. E o mesmo para os mobles, a tapicería ou incluso para as cortinas.

Cal é o problema logo, o costume tan galego de ‘reutilizar’ para non gastar ou que a xente non se deixan aconsellar?

Pois poden ser as dúas cousas perfectamente. A xente segue mirando as melloras en deseño e mobiliario como un gasto e non como un investimento. E respecto a deixarse aconsellar por profesionais máis ou menos igual, vese tamén como gasto. Tamén poderiamos engadir que, polo menos aquí no sur de Lugo, non hai moitos interioristas profesionais e se a xente non ten a quen recorrer tamén pode ser un problema.

Atopas esta actitude en moitos empresarios/as do sector turístico?

Na xente nova non, son máis receptivos/as e déixanse asesorar máis. Entenden e valoran o servizo que prestamos.

Que consellos lles darías aos titulares de establecementos turísticos de aloxamento?

Pois que se deixen asesorar por profesionais, titulados e colexiados, pois aseguran un criterio e unha responsabilidade no traballo que realizan. E que vexan o servizo que ofrecemos como un investimento en calidade e ambiente que axudará a incrementar os beneficios a medio e longo prazo. Como digo eu “non é por gastar, é por facer as cousas ben”.

Sheila Pérez gañadora dun concurso de deseño de carteis / Concello de Bóveda

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here