A Xunta non adoptará por agora ningunha medida administrativa no caso da cadela maltratada en Chantada, segundo confirmaron desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Sobre esta posibilidade, o departamento autonómico remitiuse ao feito de que estea “xudicializado”. “Manterémonos á espera do que ocorra e pedímoslle á Fiscalía que nos teña informados para, no ámbito das nosas competencias, adoptar as medidas administrativas sancionadoras que correspondan”.
Sobre este caso, a Xunta informou que o martes tivo entrada a denuncia na súa Xefatura Territroial de Lugo e que, ese mesmo día, procedeuse de oficio á remisión da mesma á Fiscalía Provincial de Medio Ambiente de Lugo ao poder ser os feitos “constitutivos dun delito de malos tratos contra os animais domésticos“.
Por parte de diversas entidades animalistas, solicitouse á Xunta que incoase un expediente sancionador en relación aos malos tratos sufridos pola cadela.
QUERELAS
O home que supostamente disparou á súa cadela no municipio lucense de Chantada terá que facer fronte agora a múltiples querelas, dado que tanto a Federación Española de Caza como o Colexio de Veterinarios de Lugo anunciaron que interporán demandas contra el, mentres que o Partido Animalista (PACMA) e Mundo Vivo presentaranse como parte nun hipotético proceso xudicial.
A cadela morreu onte ao mediodía nas instalacións do Hospital Clínico Veterinario de Lugo, onde permanecía ingresada desde o pasado fin de semana en estado grave. Os veterinarios trataron de salvarlle a vida desde o pasado sábado, cando ingresou no hospital, e estivo tratada con analxesia e antibióticos, pero finalmente morreu por mor da gravidade das feridas.
Fontes da Consellería de Medio Ambiente informaron a EFE de que a denuncia por estes feitos entrou onte pola tarde na Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, procedente do posto da Garda Civil de Chantada. A denuncia será remitida á Fiscalía Provincial de Lugo, tendo en conta de que os feitos poden ser constitutivos dun delito de malos tratos contra os animais domésticos, pervisto no Código Penal.
A Real Federación Española de Caza expresou “a súa maior repulsa ante o inexplicable acto de agresión contra unha cadela por parte do seu dono na zona de Chantada”, ademais de anunciar a súa intención de presentar unha querela contra “este suxeito”, cuxos actos “non teñen cabida en ningún grupo e moito menos na cinexética”. Mediante un comunicado, a Federación de Caza lembra que “os cans son sempre os mellores compañeiros no desenvolvemento da propia actividade cinexética e na vida cotiá”.
ANIMALISTAS
Pola súa banda, o Partido Animalista (PACMA) anunciou que se personará como acusación popular e iniciou unha campaña de recollida de firmas para esixirlle ao futuro Goberno unha modificación do Código Penal para o endurecemento das penas por malos tratos animais. Tamén a Asociación Animalista Libera comunicou a súa intención de solicitar medidas cautelares para este veciño de Chantada, porque sostén que unha persoa que exhibiu “ese grao de crueldade” non pode seguir tendo animais ao seu cargo.