De descubrir a redescubrir penas con petroglifos no Incio

O Colectivo Patrimonio do Ancares redescubre varias pezas con petroglifos nos Montes de Vilasouto, a 590 de altitude e a un quilómetro do encoro. O Concello do Incio é o que máis motivos de gravuras con forma de ferradura ten da provincia de Lugo, e tamén de Galicia. 

Gravuras O Incio / Patrimonio dos Ancares

Patrimonio do Ancares fala de “redescubrir” porque cren que se trata dos petroglifos recollidos no PXOM do Concello do Incio do ano 2005, na páxina 45, como “Petroglifos da Pedra Escrita de Treimonte” que sitúan nos “montes de Val de Lombriz”, en Viloira, parroquia de Bardaos.

No PXOM refírense a que o estado de conservación “non se aprecia”, o que segundo o colectivo amosa que non os viron; máis cando os colocan no medio do encoro de Vilasouto. No PXOM figura o número de nove penas e os motivos que presentan; os datos, tal como indican, foron tomados da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, catalogados co código GA27024030.

Captura PXOM / Patrimonio dos Ancares

A este respecto Patrimonio do Ancares asegura que no Plan Básico Autonómico (PBA) da Xunta de Galicia, actualizado recentemente, non aparecen recollidos nin na zona de Viloira (Bardaos) nin na ubicación real nos Montes de Vilasouto. O PBA é un “documento fundamental para a protección dos bens patrimoniais, se non figuran nel é como se non existiran”, sinala o colectivo, que pensou descubrir 7 pezas, en lugar das 9 que recolle o PXOM, e nalgúns casos non coincide coa súa descrición na súa totalidade.

Patrimonio dos Ancares solicita a Patrimonio que se se trata dos mesmos, os trasladen ao PBA e llo comuniquen ao Concello, e de non ser os mesmos “que os cataloguen xa que, tal como marca a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do ano 2016, as gravuras rupestres gozan da máxima protección legal (BIC). Se non están ben situados, a responsabilidade é de Patrimonio e do Concello.”

Patrimonio dos Ancares si fixo unha descuberta dunha pena de lousa con grupos de gravuras de coviñas e ferraduras ou símbolos en forma de “U”, “Descoñecemos a cronoloxía deste símbolos en forma de “U”, identificados con ferraduras, pero polo desgaste dos sucos cremos que poderían ser de época medieval. Segundo a lenda, no municipio do Incio este tipo de gravuras relaciónanse coas pegadas dos cabalos de San Mamede e Santiago. Canto ás coviñas son as representacións máis sinxelas da arte rupestre galega ao aire libre, aínda que quizais as máis enigmáticas. Debido á diversidade onde aparecen temos que pensar que non terían un único significado: recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga que sería utilizada nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, delimitadores de lugares máxicos ou espazos sagrados, etc. Canto á súa cronoloxía, abranguería cando menos dende o Neolítico ata a Idade Media.”

O Colectivo xa tiña solicitado a Patrimonio que situaran correctamente no PBA os petroglifos do Agro do Pepe, xunto ao encoro de Vilasouto, xa que estaban mal ubicados e fóra da área de protección. Na recente actualización de datos xa os colocaron correctamente.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here